O Sergas retomou nos últimos días a vacinación de persoal esencial que estaba pendente desde hai meses. A inoculación dalgúns grupos priorizados pola estratexia a nivel estatal fora interrompida polos cambios impostos na utilización da vacina de AstraZeneca, que era a que se estaba a utilizar maioritariamente neses colectivos esenciais.
Entidades din que Política Social anunciou que se retomaba a vacinación de persoal esencial como colectivo prioritario ao haber atrancos para incluílos nas listas por idades
Segundo entidades contactadas por Praza.gal, a propia Consellería de Política Social recoñeceulles que parte deste persoal esencial quedara descolgado do proceso de vacinación e que este se retomaría téndoos en conta como colectivo prioritario ao existir atrancos para que fosen incluídos nas listaxes por idades que abranguen o resto da poboación.
Sanidade nega atrancos e aclara que se "está a compaxinar a vacinación por idade coa dos colectivos priorizados, que se vacinan independentemente da súa idade"
Desde Sanidade negan atranco ningún. "Non existen dificultades para incorporalos á vacinación por grupos de idade", din fontes da Consellería, que aclaran que, "de feito, estase compaxinando a vacinación por idade coa vacinación destes colectivos que están priorizados e vacínanse independentemente da súa idade".
Sanidade explica que a mudanza na estratexia con AstraZeneca fixo que se recomendase utilizar a vacina de Pfizer ou Moderna para este colectivo e que "en todo momento seguiuse unha estratexia mixta de vacinación por idade, compaxinándoa coa vacinación doutros grupos priorizados". "Isto é o que se segue facendo", insiste o Sergas.
O adiamento da vacinación dos grupos esenciais, segundo explican desde a Consellería, debeuse a que se esperou a que se fose completando a vacinación das persoas de 60 e máis anos, ás que se recomendaba empregar Pzifer ou Moderna.
"No momento no que a poboación de 60 e máis anos está xa vacinada, retómase a vacinación deses grupos prioritarios nos que se iniciara a vacinación pero que non se completara, quedando aínda persoas pendentes", recumen fontes da Consellería.
Segundo os datos do Sergas, en Galicia 63.296 traballadores e traballadoras de actividades esenciais recibiron cando menos unha dose da vacina contra a COVID, mentres que 6.398 teñen xa a pauta completa. Ademais, 28.767 profesionais do ámbito sanitario foron xa inoculadas coa primeira picada, mentres que 22.374 remataron xa co proceso.
Ademais, en total, son xa máis de 800.000 persoas vacinadas por completo en Galicia tras case 35.000 doses diarias nos últimos días.