O Servizo Galego de Saúde notificou este luns, 7 de xuño, 54 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. Para atopar unha cifra máis baixa nun período de vinte e catro horas coma este hai que remontarse ao 6 de agosto de 2020, cando foran 44. Daquela, non obstante, a capacidade diagnóstica do Sergas era moi inferior á actual: boa mostra disto é que, nun contexto sen usos masivos doutro tipo de test como os de antíxeno, en Galicia procesábanse daquela unhas 1.500 PCR ao día e agora, na última semana completa foron de media máis de 4.000 por xornada.
Os 54 casos novos notificados polo Sergas este luns son a cifra máis baixa en 24 horas dende o 6 de agosto de 2020, cando a capacidade diagnóstica era moi inferior á actual
As cifras de novos casos detectados van á baixa e esa melloría reflíctese nuns indicadores de incidencia acumulada que aceleran a súa baixada xusto cando o Sergas comeza a vacinación da poboación de entre 40 e 49 anos, o grupo de poboación máis numeroso (composto por case 443.000 persoas, con datos do IGE a 1 de xaneiro de 2021). A máis inmediata (e á que o Sergas concede cada vez máis importancia) reflicte que nos últimos sete días Galicia rexistra uns 24 casos novos por cada cen mil habitantes e que, ademais, a tendencia é claramente descendente na maioría de áreas sanitarias.
Nas que o descenso neste indicador non é tan claro nas últimas xornadas (A Coruña, Lugo e Ourense) o que se rexistran son treitos de estabilidade ou de lixeiros descensos. Ademais, entre estas tres, a que marca o nivel máis alto, Lugo, apenas supera os 30 casos novos por cada cen mil habitantes. Ourense queda nos 25 e A Coruña, nos 23. As outras catro roldan os 20 casos novos por cada cen mil habitantes.
O dato a 7 días baixa dos 24 casos novos por cada cen mil habitantes para o conxunto de Galicia e a incidencia acumulada a 14 días marca algo menos de 53. O feito de que o dato da última semana é menor á metade da cifra a 14 días evidencia tamén a liña descendente.
Outro indicador que reflicte a melloría epidemiolóxica para o conxunto do país é a coñecida como razón de taxas, isto é, a comparación da incidencia acumulada a 7 e 14 días coa do mesmo día da semana anterior. Cando a división de ambos indicadores é inferior a 1, reflicte que a incidencia diminúe e canto máis se aproxime ao cero, máis rápida é a mellora. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, ambos indicadores están en zona de mellora e, ademais, é clara a aceleración da diminución da incidencia acumulada a 14 días.
Sobre o mapa, esta situación xeral reflíctese nun incremento no número de concellos que non rexistraron casos novos en 14 días (agora son 151) e tamén nun aumento dos municipios libres da COVID na última semana, que xa son 192. Mostra da mellor situación é tamén que nos concellos con máis incidencia acumulada a 14 días non cheguen aos 400 casos novos por cada cen mil habitantes e que as sete principais cidades estean xa por baixo dos 100 casos novos neste indicador. Nesta liña, dende este luns xa non hai ningún concello en nivel máximo de restricións, no que a Xunta contempla o peche perimetral, o veto ás reunións entre non conviventes e a clausura total da hostalería, entre outras medidas.
Mentres todo isto sucede, as cifras de mortalidade de persoas coa COVID empeoraron levemente durante a pasada semana, o que levou a que a media diaria de mortes oficialmente ligadas á pandemia sexa un chisco superior a 1 nos últimos sete días con datos completos. A tendencia, non obstante, segue contida e moi lonxe de anteriores vagas. O total destas mortes de persoas co coronavirus (non en todos os casos o falecemento é atribuíble directamente ao virus) é agora de 2.426.
Outro mínimo de hospitalización dende agosto de 2020
Mentres non sería correcto comparar mecanicamente os datos de casos novos rexistrados cada día cos da primeira e segunda vaga da pandemia sen termos en conta que a capacidade diagnóstica naqueles meses era moi inferior á actual, si é máis preciso para comparar ambas vagas observar -aínda que tamén con cautela- os indicadores de presión hospitalaria. E neste caso, os datos tamén din que a situación é a menos mala dende o verán do ano pasado.
As 83 persoas ingresadas con test positivo da COVID nos hospitais galegos son 42 menos que hai unha semana e a cifra total máis baixa dende o 24 de agosto de 2020. É significativo, ademais, que nesta última fin de semana as cifras de hospitalización de persoas coa COVID seguiron moderándose aínda que sexa habitual que os descensos sexan menores en sábado e domingo por tramitarse un menor número de altas. As persoas na UCI co coronavirus son agora 15, dez menos que hai unha semana.