Máis da metade da poboación galega maior de 50 anos xa ten a pauta completa da vacina contra a COVID-19. Co avance da campaña de vacinación, o Ministerio de Sanidade mudou este xoves a presentación dos seus datos para incorporar a variable deste grupo de idade. E o resultado, no caso galego, é que a 2 de xuño, o 52,2% da poboación maior de 50 (1,27 millóns de persoas) está xa vacinada por completo, o que implica dúas doses agás coa vacina monodose de Janssen.
Tras a administración de case 33.000 doses nun día, o 52,2% da poboación maior de 50 está completamente vacinada, o segundo maior dato do Estado
O dato galego de cobertura coas dúas doses entre persoas maiores de 50 é o segundo máis alto do Estado, apenas unha décima por tras de Castilla y León e La Rioja (52,3%, en ambos casos). O dato medio estatal situábase, sempre con datos pechados o mércores, no 45,5%. A porcentaxe de persoas destas idades con cando menos unha dose chega en Galicia ao 89,6%, case cinco puntos máis que a media estatal.
A confirmación deste avance chega tras unha xornada na que o Sergas volveu superar o limiar das 30.000 doses administradas nun só día, o cal non sucedía dende o pasado 20 de maio. Foron, concretamente, 32.861 doses postas, segundo informa o Ministerio.
Boa parte desas máis de trinta mil doses administradas foron para, precisamente, a poboación de entre 50 e 59 anos, cun notable avance na porcentaxe de cobertura de primeiras doses. Neste grupo de idade xa son case un 73% as persoas con cando menos unha dose posta e case unha de cada cinco xa completou a pauta. O seguinte grupo de idade en comezar a avanzar será o de entre 40 e 49 anos.
En cifras totais, en Galicia van administradas 1,99 millóns de doses de vacinas dende o comezo da campaña. Son o 96,9% das recibidas, algo máis de tres puntos por riba da media estatal.
A incidencia segue lixeiramente á baixa
O Sergas diagnosticou unha media dunhas 105 infeccións novas ao día na última semana; sete días antes eran 148
A nova aceleración na vacinación nos últimos días, ligada ao incremento na chegada de doses, prodúcese mentres a situación epidemiolóxica continúa estable e mesmo con tendencia á baixa malia á aparición dalgúns gromos locais. Este 3 de xuño, o Sergas notificou 106 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Nos últimos sete días con datos completos foron diagnosticadas en Galicia unha media de 105 infeccións. Hai unha semana este dato situábase nas 148 e hai dúas semanas roldaba as 139.
Neste contexto, a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) segue na liña de lento descenso nos datos globais galegos. O dato a 14 días marca agora uns 66 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días queda un chisco por baixo dos 28. O feito de que o dato a sete días indique menos da metade que o dato a catorce días evidencia que, aínda que aos poucos, a incidencia acumulada segue a baixar.
Por áreas sanitarias, só na de Lugo vén aumentando con claridade a incidencia acumulada a 14 días, sobre todo por mor dos gromos detectados en puntos da Mariña como Viveiro, e mais noutros concellos como Vilalba. Máis recentemente tamén foi rexistrado un gromo na cidade de Lugo entre persoal da sede administrativa da Xunta que xa alcanza os 14 casos, segundo confirmou este xoves El Progreso. O dato da área lucense rolda agora os 80 casos novos por cada cen mil habitantes.
No resto de áreas, alén do leve ascenso na de Ferrol (que segue en niveis relativamente baixos, cuns 53 casos novos por cada cen mil habitantes), a tendencia é á estabilidade ou ao descenso. Agora destaca por baixo o dato da área sanitaria da Coruña-Cee, con algo menos de 47 casos novos por cada cen mil habitantes en 14 días.
Mentres todo isto sucede, o acougo segue chegando aos poucos ás áreas dos hospitais que tratan pacientes coa COVID-19. As 107 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do mércores eran catro menos que o día anterior e 22 menos que na mesma xornada da semana previa. Hai un mes Galicia rexistraba 214 hospitalizacións de pacientes coa COVID-19 e delas, 50 estaban na UCI. Agora, as persoas en coidados intensivos co coronavirus son 20.
Tamén as cifras de falecementos de persoas con test positivo da COVID seguen en niveis baixos, se ben tras os dous últimos falecementos notificados polo Sergas (ambos do día 1 de xuño), a media dos últimos sete días vólvese situar nunha morte por xornada. O total chega a 2.422.