A incidencia máis inmediata da COVID cae en seis das sete áreas sanitarias e o dato galego baixa a niveis de agosto de 2020

Cribado da COVID en Vilagarcía a comezos de maio e evolución da incidencia acumulada da COVID a 7 días CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Vilagarcía | Montaxe: Praza Pública

Dende comezos de ano, as autoridades sanitarias galegas conceden cada vez máis importancia á evolución da incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) da COVID-19 a sete días. A Consellería de Sanidade, especialmente tras a aparición da variante do SARS-CoV-2 inicialmente detectada no Reino Unido -que agora é a predominante nunha porcentaxe superior ao 90%-, considera que é un indicador máis preciso que o seu equivalente a 14 días para previr e poder conter gromos potencialmente explosivos.

A incidencia acumulada a 7 días rolda os 30 casos novos por cada cen mil habitantes para o conxunto de Galicia e na única área onde sobe, a de Ferrol, amosa sinais de moderación

Igual que sucede con outras variables epidemiolóxicas nas últimas semanas, ese indicador de incidencia máis inmediata tamén trae consigo bos sinais en Galicia. Cos datos do último día completo dispoñible (o sábado, 29 de maio), a incidencia acumulada a sete días descende en seis das sete áreas sanitarias galegas. Faino mesmo na área sanitaria de Lugo, a que tivo peor evolución nas datas máis recentes por mor de focos como os detectados en Viveiro ou Vilalba.

A única área sanitaria que traza unha liña ascendente neste indicador é a de Ferrol, a que está en niveis máis baixos dende hai semanas. Non o fai, en calquera caso, dun xeito que convide á preocupación. Máis aínda porque os datos de casos novos rexistrados nos últimos días nesa área (pouco máis dunha vintena nos tres últimos días con datos completos) apuntan a que o ascenso dende os actuais 26 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días non será moi avultado.

Con esta situación por áreas sanitarias, o indicador global galego sitúase nos 30 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días, o valor máis baixo dende mediados de agosto de 2020. Esta comparación resulta, ademais, relativamente máis favorable para a situación actual, dado que agora a capacidade diagnóstica do Sergas é moito maior que daquela. Só tendo en conta as probas PCR, a diferenza é obvia: a mediados de agosto do ano pasado procesábase en Galicia unha media duns 2.300 destes test e agora a media diaria rolda os 5.400.

Os sinais tamén son bos ao termos en conta a correlación entre a incidencia acumulada a 7 días e o indicador a 14 días. Nas últimas dúas semanas, Galicia rexistra uns 70 casos novos por cada cen mil habitantes, cifra que vai en liña descendente e que ademais é máis do dobre que a incidencia a sete días, o que implica melloría.

Menor cifra de casos en 24 horas dende o 7 de agosto de 2020

Na última semana, o Sergas vén diagnosticando unha media diaria dunhas 125 infeccións da COVID

Estas tendencias constátanse nunha xornada na que o Sergas notifica 76 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. O feito de que se trate dun dato de fin de semana obriga a ler con cautela unha cifra que, non obstante, resulta significativa por ser a máis baixa nun período de vinte e catro horas dende os 44 casos notificados o 7 de agosto do ano pasado.

Se de novo ollamos ás tendencias, na última semana o Sergas diagnosticou unha media dunhas 125 infeccións da COVID-19 ao día. Esta cifra é semellante á acadada puntualmente a comezos da primavera deste ano, antes da Semana Santa, e tamén é un valor moi parecido ao de mediados de agosto do ano pasado, sempre tendo en conta que daquela se detectaban menos casos que na actualidade a causa da menor capacidade diagnóstica.

A evolución positiva tamén se plasma no mapa de incidencia acumulada a 14 días. Nos concellos con valores máis elevados, caso da Pobra do Caramiñal, Mos ou Viveiro, o número de casos detectados nos últimos sete días é menos da metade que a suma a 14 días, o que indica retroceso da incidencia. Na banda contraria, en ata 190 municipios non se rexistraron casos novos nos últimos sete días (+4) e en 147 (-2) non houbo ningún en 14 días. Ambas cifras, con pequenas oscilacións, permanecen estables dende hai semanas.

Unha vintena de hospitalizacións menos que hai unha semana

As devanditas tendencias séguense reflectindo tamén nas cifras de hospitalización. Malia ao incremento no número de persoas ingresadas rexistrado nos últimos dous días (ao que contribúe o feito de que as fins de semana se tramiten menos altas hospitalarias), os 125 pacientes con test positivo nos hospitais galegos son 19 menos que o mesmo día da semana anterior. Deles, un total de 31 están en unidades de coidados intensivos, un menos que sete días antes.

Mentres todo isto sucede, nos últimos catro días a Consellería de Sanidade non notificou falecementos de persoas coa COVID-19. Este dato aínda pode variar (é habitual que a información tarde uns días en consolidarse), pero é significativa en canto á tendencia. O total de falecementos oficialmente ligados á pandemia en Galicia segue sendo, daquela, de 2.417 persoas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.