Pasaron xa vinte días dende a fin do Estado de Alarma que, por mor da COVID-19, o Goberno de España decretara en outubro de 2020. Transcorreu, xa daquela, amplamente máis dun ciclo epidemiolóxico completo, polo que xa están a agromar os contaxios do coronavirus que se produciron dende o remate desa figura restritiva excepcional. E, no caso galego, a tendencia segue sendo favorable. Tamén nas principais cifras estatais.
O Sergas rexistra 110 casos novos e as incidencias acumuladas descenden tanto a 7 como a 14 días
A Consellería de Sanidade notificou este sábado 110 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres. Unha semana antes notificara 184. Nos últimos sete días con datos completos, diagnosticou unha media diaria de 139,43 infeccións novas. Unha semana antes, este dato situábase arredor dos 145.
A tendencia volve ser, daquela, lixeiramente descendente. Éo malia aos gromos que transcenderon nos últimos días a nivel local e sobre os que as autoridades sanitarias puxeron o foco. É o caso dos que provocaron que os concellos da Pobra do Caramiñal e Mos estean en nivel máximo de restricións dende este sábado, 29 de maio, ou dos que afectan ao concello de Viveiro e a súa contorna.
Como amosa o mapa baixo estas liñas, alén dalgúns concellos con incidencias moito máis elevas que o conxunto do país, a situación segue mellorando aos poucos. Eses puntos con valores máis altos na incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días son agora Xove e Viveiro, a contorna de Ordes, A Pobra do Caramiñal, Mos, Lobios ou puntos da área sanitaria de Santiago.
Fronte a estes concellos, en ata 150 non se rexistrou caso novo ningún nos últimos 14 días. En ata 183 non os houbo nos últimos sete días. Estas cifras de municipios libres de COVID mantéñense relativamente estables dende hai meses, se ben nas últimas semanas recuperaron tamén unha lixeira tendencia ascendente.
Todos estes movementos tradúcense, nos datos de incidencia globais para Galicia, nun reinicio dos leves descensos nas incidencias acumuladas tanto a 14 como a 7 días. Atendendo ao dato do último día con información completa, o xoves 27, Galicia rexistra algo menos de 73 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e uns 34,5 a 7 días. O feito de que o dato a sete días sexa menos da metade que o indicador a 14 días indica unha tendencia á baixa, a cal se reforza tendo en conta que ambos valores son inferiores aos do mesmo día da semana anterior.
As 107 persoas coa COVID-19 ingresadas nos hospitais son 32 menos que hai sete días e a cifra máis baixa dende o 27 de agosto de 2020
Todas estas boas tendencias, malia ser lentas, están chegando nos últimos días con máis intensidade aos hospitais. As 107 persoas con test positivo da COVID-19 ingresadas nos hospitais ás seis da tarde do venres, 28 de maio, son exactamente o mesmo número que se rexistraba o 27 de agosto de 2020 e a cifra máis baixa dende aquela xornada.
Naqueles días de verán, cando o Sergas dispuña dunha capacidade diagnóstica moi inferior á actual, había 12 persoas nas UCI con test positivo do coronavirus e agora son 28, pero daquela a tendencia xeral era ascendente e agora, todo o contrario. Non en van, naquel 27 de agosto rexistrábanse 37 hospitalizacións máis que unha semana antes e agora o dato está en 32 por baixo ao de hai sete días.
Tamén os datos de mortalidade van apuntando a un acougo. A media diaria de falecementos a sete días volve ser inferior a 1 e no que vai de mes de maio notificáronse 25 mortes de persoas coa COVID-19 (non todos estes falecementos son necesariamente atribuíbles ao virus). No mesmo período do mes de abril foran 44 as mortes notificadas; en marzo foran 83 e nos vinte e oito días de febreiro, 479. O total sitúase en 2.417.
Máis de 645.000 persoas coa pauta completa de vacinación
O ritmo de vacinación apunta a que, na primeira metade de xuño, máis do 50% do total da poboación galega terá posta cando menos unha dose da vacina
Mentres todo isto sucede, o proceso de vacinación segue avanzando. Aínda que na última semana o fixo cun ritmo máis irregular que nas anteriores, os datos do Sergas -o Ministerio de Sanidade non actualiza a súa información sobre a COVID nas fins de semana- apuntan a que algo máis de 645.000 persoas recibiron xa a pauta completa da vacina en Galicia e que 1,19 millóns xa teñen posta cando menos unha dose.
Estas cifras supoñen superar o 50% da poboación diana (maior de 16 anos) con cando menos unha dose e o 25%, coa pauta completa. Cabe agardar, dadas as tendencias, que na primeira metade do mes de xullo Galicia teña xa máis da metade do total da súa poboación con cando menos unha dose de vacina.