Ás 00:00 deste sábado, 29 de maio, entran en vigor as últimas mudanzas nas restricións da Xunta por mor da COVID-19, unha vez ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -no caso das que atinxen a dereitos fundamentais como o de reunión- e publicadas no DOG. Entre as principais novidades, alén do cambio de nivel de medidas nalgúns concellos (coa Pobra do Caramiñal, Mos e Lobios en nivel máximo), destaca a ampliación de 6 a 10 no número de persoas non conviventes que poden manter encontros ao aire libre e de 4 a 6, en espazos pechados.
Ás 00:00 do sábado entran en vigor as mudanzas nas restricións, coa ampliación dos grupos de non conviventes a 10 persoas ao aire libre e 6 en interiores como principal novidade
O reinicio das visitas turísticas guiadas (ata 20 persoas ao aire libre, 10 no interior) supón tamén outro paso nunha nova fase da desescalada que chega mentres os principais indicadores epidemiolóxicos seguen falando dunha situación contida da pandemia, máis alá de gromos locais sobre os que o Sergas manifesta maior preocupación, caso dos de Vilalba ou Mos. Este venres, Sanidade notificou 143 casos novos da COVID-19 e, nos últimos sete días con datos completos, rexistrouse unha media diaria de algo menos de 140 diagnósticos de infección activa.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, as cifras de casos novos transitan polo período de maior estabilidade dende o verán de 2020 -cando a capacidade diagnóstica era moito máis escasa que na actualidade-. Isto tradúcese na estabilidade das incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) tanto a 7 como a 14 días, que mesmo seguen mantendo unha liña lixeiramente descendente. O indicador a 14 días marca agora 74 casos para o conxunto de Galicia e a sete días sitúase en 36.
Por áreas sanitarias, a estabilidade ou a liña descendente é tamén á tónica dominante en cadansúas incidencias acumuladas a 14 días. Destacan positivamente nos últimos días as liñas claramente descendentes das áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e da Coruña-Cee e tamén é salientable que a área de Vigo, malia aos gromos en Mos, comeza a descender. Nunha tendencia contraria situouse nas últimas xornadas a área de Lugo, a causa de gromos como os detectados en Viveiro ou Vilalba, aínda que xa semella tender a unha estabilidade que xa recuperou a área de Santiago-Barbanza, malia ao empeoramento en concellos barbanzáns como A Pobra.
Todo isto sucede mentres, nos hospitais, o número de camas ocupadas con pacientes con test positivo do coronavirus segue aliviando aos poucos. Os 121 pacientes que, segundo o Sergas, estaban ingresados pola COVID-19 ás seis da tarde do xoves son 25 menos que unha semana antes e a cifra máis baixa dende o 28 de agosto de 2020 (112). Deles, 28 están na UCI; hai unha semana eran dous máis.
Ritmo irregular na vacinación
A incidencia da COVID-19 segue, daquela, contida e cunha liña levemente descendente nunha semana na que o ritmo da vacinación vén sendo máis irregular que en semanas anteriores. Así, á xa anunciada diminución no número de doses por por dunha caída no subministro que -atendendo ás previsións- comezará a ser compensada dende a vindeira semana, uniuse un ritmo de administración máis desigual, pasando das máis de 25.000 administradas o mércores 26 (notificadas o 27) ás apenas 5.700 do xoves, notificadas este venres.
Nuns días nos que o Sergas está a avanzar, sobre todo, na administración de segundas doses no grupo de 70 a 79 anos e en primeiras doses do grupo de 60 a 69 (tamén está a poñer segundas doses a menores de 60 que recibiran a primeira de AstraZeneca, nun contexto marcado pola controversia co Ministerio de Sanidade), os datos oficiais xa acreditan que algo máis do 26% da poboación diana, a maior de 16 anos, ten xa completada a pauta vacinal (dúas doses, agás coa de Janssen) e que case o 50% ten xa posta cando menos unha dose.
Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade este venres, tras a última entrega a Xunta leva recibidas xa 1,88 millóns de doses de vacinas. Delas, están xa administradas o 95,3%, dous puntos por riba da media estatal.