A vacinación contra a COVID-19 está a ser desigual no mundo, fundamentalmente por razóns económicas e políticas. No caso de Cuba, a vantaxe que supón contar cun desenvolvemento de vacinas de seu (a máis avanzada é a Soberana 02, na fase III dos ensaios clínicos) vese contrarrestada por factores como a dificultade para contar con xiringas dabondo para a súa administración a causa do bloqueo económico imposto polos Estados Unidos de América, condenado en varias ocasións dende as Nacións Unidas.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, conformado por un cento de concellos e tres das catro deputacións, achega 5.000 euros á compra de xiringas para a vacinación en Cuba
Para paliar esta carencia están en marcha varias iniciativas humanitarias coma Os bloqueos matan, a túa solidariedade dá vida, impulsada dende a ONGD Sodepaz. A ela vénse de engadir o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a rede solidaria integrada por un cento de concellos galegos e mais as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra para contribuír á cooperación ao desenvolvemento. Neste caso, a achega galega serán 60.000 xiringas.
Explica o Fondo Galego que estas 60.000 xiringas con cadansúas agullas dun só uso canalizaranse a través de Sodepaz e da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil. Unha vez rematada a devandita fase III dos ensaios clínicos da vacina Soberana 02, comezará en La Habana "un ensaio de intervención comunitaria para vacinar a 1,7 millóns de persoas" e "neste momento, entrarán en xogo as xiringas sufragadas polo Fondo Galego, detallan.
A achega dos concellos e das devanditas tres deputacións, 5.000 euros, financiará unha adquisión "no marco do contrato asinado entre o Ministerio de Saúde Pública" coa compañía chinesa Huaxuan Import & Export, detalla a entidade. A empresa, aseguran, ten "comprobada capacidade loxística e produtiva para realizar as entregas nos prazos previstos".
A iniciativa solidaria tenta paliar os efectos "dun embargo dos EUA que impide adquirir xiringas, viais ou tapóns", subliña a entidade
Con esta operación e outras colaboracións como as do homólogo catalán do Fondo Galego ou do Concello de Oleiros, entre outras, preténdese esquivar ou cando menos, paliar os efectos "dun embargo dos EUA que impide adquirir xiringas, viais ou tapóns", exemplifican, ao tempo que os propios Estados Unidos "monopolizan a produción canda á China e á India".
As 60.000 xiringas fornecidas grazas á achega galega forman parte dunha campaña global que pretende lograr 10 millóns de unidades, das que polo momento están garantidas 2 millóns. O Fondo Galego destaca que, alén da súa achega das doutras institucións, "calquera persoa pode colaborar a través do número de conta ES42
1550 0001 2900 0350 9221 habilitado por Sodepaz", indicando no ingreso o concepto "jeringuillas”. "Cada euro achegado permite realizar 12 vacinacións", destacan.