Persoal de concellos mozambicanos amplía formación en políticas de igualdade en Ames, Rianxo e Nigrán

Elsa Dimande (esquerda), recibida polo alcalde de Nigrán e presidente do Fondo, Juan González Dominio Público Fondo Galego

No ano 1992 foi asinado o acordo de paz que supuxo a fin de máis de década e media de guerra civil en Mozambique. Malia experimentar diversos avances sociais e políticos, esta república africana seguiu a padecer numerosos atrancos e dificultades e mesmo novos enfrontamentos armados que mantiveron indicadores como o da pobreza en niveis aínda alarmantes, toda vez que atinxe a arredor do 55% da súa poboación e impacta especialmente nas mulleres. Neste eido é no que traballa Elsa Dimande, traballadora social da Associação Nacional dos Municípios de Moçambique que durante este mes de setembro amplía os seus coñecementos en materia de políticas de igualdade en tres concellos galegos: Ames, Nigrán e Rianxo.

A través do programa Vacacións con Traballo en Galicia, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -integrado por 95 municipios e mais polas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra-, Dimande visita dende este 3 de setembro estes concellos para coñecer as súas experiencias en materia de igualdade de xénero e, ligado con ela, o traballo a nivel local en eidos como a infancia, os orzamentos participativos ou o asociacionismo feminista. Unha semana en cada un dos concellos e unha última estancia na Secretaría Técnica do Fondo Galego, en Pontevedra servirán para trasladar a Mozambique a experiencia galega co obxectivo de "reforzar as capacidades" dos municipios do seu país e, ao tempo, "visibilizar as súas potencialidades", explica o Fondo.

A traballadora social Elsa Dimande coñece durante este mes de setembro o traballo destes concellos galegos en materia de igualdade de xénero e tamén en atención á infancia ou ás persoas con discapacidade

Un centro especializado en vítimas da violencia machista, unidades municipais de traballo social ou un centro ocupacional para persoas con discapacidade foron as primeiras paradas de Elsa Dimande en Ames. A vindeira semana trasladarase a Nigrán, onde o Concello a achegará a unha entidade da vila especializada na atención a persoas con autismo, a movementos feministas e a organizacións de defensa dos dereitos LGTBI. En Rianxo, a técnica mozambicana centrarase en políticas de infancia e mocidade, visitará centros educativos e achegarase ao traballo do concello rianxeiro en materia de arquitectura adaptada ás nenas e nenos

O Fondo Galego de Cooperación "aposta por acentuar a colaboración cos países lusófonos, especialmente cos da África máis empobrecida"

Coa participación de Elsa Dimande no programa Vacacións con Traballo en Galicia a Associação Nacional dos Municípios de Moçambique pretende "fortalecer" os seus membros "para aplicaren os seus propios plans de igualdade e teñan en conta as mulleres a mocidade no proceso de gobernación municipal", sinala o Fondo Galego. Por iso, detallan, un dos puntos de atención da técnica é "a incorporación da perspectiva de xénero nos proxectos das Administracións locais galegas, a integración das demandas feministas ou as actividades do Fondo Gaelgo dirixidas á infancia".

Esta visita é parte dunha longa colaboración do Fondo Galego con Mozambique que se remonta a comezos de sécuilo. Dende 2001 a entidade galega apoiou neste país unha decena de proxectos en colaboración con parceiros locais, con organizacións sociais galegas e mesmo coa ONU. Nos últimos anos, subliña, o Fondo reforzou a colaboración coa devandita Associação Nacional dos Municípios e "de xeito directo con algúns concellos". "As liñas estratéxicas do Fondo Galego -lembran- apostan por acentuar a colaboración cos países lusófonos, especialmente cos da África máis empobrecida".

Elsa Dimande, en Ames Dominio Público Fondo Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.