O Covid-19 puxo de manifesto que o mundo está fortemente interconectado e que o coroavirus pode chegar a practicamente todos os recunchos, independentemente das características de cada poboación. No entanto, se ben é certo que as sociedades occidentais sufrimos un duro golpe, a situación tende a agravarse nos países máis empobrecidos, que non dispoñen de recursos para frear a pandemia. Ademais, somos conscientes de que o virus non entende de fronteiras e un só Estado non pode vencelo, pois debe erradicarse a nivel global.
Neste contexto cobran se cadra máis relevancia os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible aprobados por Nacións Unidas en 2015 co fin de acabar coa pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas nun prazo de quince anos. En especial, o ODS 17, que chama a “revitalizar a alianza mundial para o desenvolvemento sostible”. Para que a tamén denominada Axenda 2030 sexa eficaz precísanse acordos entre os gobernos, o sector privado e a sociedade civil. Estas parcerías constrúense sobre principios e valores compartidos, e créanse a nivel local, rexional, estatal e mundial.
Os países máis desenvolvidos teñen a responsabilidade de apoiar a aqueles menos adiantados para mellorar a vida das persoas e nesta liña traballa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Ribeira forma parte, pois as entidades locais teñen un papel clave neste reto. De aí que se veña de poñer en marcha nas redes sociais a campaña #OsMunicipiosCooperan, cunha serie de vídeos protagonizados por representantes municipais de Galicia e da África lusófona que poñen en valor a cooperación para o desenvolvemento impulsada polos concellos e deputacións. Ademais, calquera persoa ou entidade pode sumarse á iniciativa subindo unha mensaxe de apoio co hashtag #OsMunicipiosCooperan.
Así mesmo, o Fondo Galego financiará neste exercicio cinco proxectos en Mozambique e Guinea-Bissau para paliar os efectos do Covid-19, cun investimento total de 98.126 euros. Por unha parte, na vila mozambicana de Nhamatanda apoiarase a construción dun sistema de abastecemento de auga, tan necesaria na loita contra o coroavirus e outras enfermidades xa presentes na zona, amais de contribuír á expansión da rede eléctrica e da iluminación pública, de xeito que se loitará contra a pobreza reactivando sectores como o empresarial e o educativo.
Doutra banda, promoveranse proxectos de axuda humanitaria, un deles coa Fundação Encontro para reducir a vulnerabilidade de nenos e nenas facilitándolles o acceso á formación e á saúde e outro para subministrar mascaras, termómetros e elementos de desinfección a través da Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos. En Guinea-Bissau, a intervención encamiñarase a sensibilizar á veciñanza sobre as medidas que deben tomar e máis á distribución de materiais de prevención e alimentos entre as familias desfavorecidas.
Estas accións promovidas polo Fondo Galego permítennos ás 101 administracións locais e provinciais socias estender o compromiso solidario da nosa poboación cara outros territorios, dun xeito eficiente. Contribuímos así á loita contra as desigualdades, actuando desde o local para acadar un cambio global. Non hai mellor maneira de celebrarmos o Día de África.