Concelleiras de catro municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade achegaron o pasado venres en Maputo a súa experiencia en equidade de xénero ás edís e alcaldesas que conforman a Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique. As responsables de Igualdade de Lugo, Moaña e San Sadurniño e máis a de Cultura de Verín participan no encontro nacional organizado na capital do país africano polas súas homólogas locais. Ana G. Abelleira, María Ortega, Ana B. Gundín e Emilia Somoza compartiron boas prácticas no eido das políticas municipais de xénero e deron algunhas claves para favorecer a participación das mulleres na política local.
Concelleiras de Lugo, Moaña, Verín e San Sadurniño achegan en Maputo boas prácticas ás súas homólogas locais no marco dun proxecto do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
As catro concelleiras, xunto coa técnica do Fondo Galego Carmen Novas, están en Mozambique desde o pasado luns, día no que iniciaron o seu percorrido visitando o municipio de Mandlakaze da man da súa alcaldesa e presidenta da rede de mulleres autarcas, María Helena Correia, quen xa visitara varios concellos galegos. Alí, segundo informa o Fondo, tiveron a oportunidade de intercambiar impresións cos membros da corporación local, que expresaron as súas dificultades para ofrecer os servizos de saúde, educación, arranxo de estradas ou abastecemento de auga. Tamén contactaron con emprendedoras locais ou con mulleres cabeza de familia, unha realidade habitual no país lusófono, indica o Fondo, que adoita levar ás mulleres e ás súas fillas e fillos a unha situación vulnerable. As edís galegas tamén se desprazaron ao distrito de Boane para coñecer o centro de acollida de menores da Casa do Gaiato e supervisar de primeira man o proxecto que o Fondo Galego de Cooperación financia á Fundação Encontro, que permitiu incrementar as consultas pre e post parto. Alí entrevistáronse coas activistas que ían porta por porta en cada aldea para concienciar ás nais da importancia de levar un control médico.
Segundo a concelleira moañesa María Ortega, "é impresionante o traballo que entidades coma esta están a facer con poucos recursos económicos, o seu labor coas diferentes comunidades é indispensable para este país". "O arduo traballo de persoas cooperantes e voluntarias e das organizacións locais permitiume ver, comprender e sentir a pertinencia da cooperación ao desenvolvemento para seguir loitando a prol da igualdade de oportunidades, co fin último de acadar a xustiza social", engadía a lucense Ana G. Abelleira.
A representante de San Sadurniño, Ana B. Gundín, amosou pola súa banda "a satisfacción de comprobar que a pequena achega que os concellos fan ao Fondo Galego serve para poñer en marcha pequenos proxectos que contribúen a mellorar a vida de moitas persoas". "Aínda que tamén me queda a espiña de ver o moito que falta por avanzar no eido da igualdade, tanto de xénero coma entre estratos sociais", engadía. Emilia Somoza, a edil de Verín, declarouse asemade "esperanzada ao ver que tanta xente está disposta a un gran cambio a favor da humanidade en todos os sentidos, e practicamente a cambio de nada".
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento
Ademais das concelleiras, dúas técnicas doutros dous concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade atópanse tamén en Mozambique para participar en Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional destinado ao persoal técnico da administración local. A directora do Centro de Información á Muller do Concello de Ourense, Malena de Jesús, estivo colaborando na organización do encontro da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, mentres que Mónica Mourín, traballadora social do Concello de Bergondo, coopera na área de acción social da Fundação Encontro. As súas vivencias poden seguirse no blog https://vacacionscontraballo.wordpress.com.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Desde a súa fundación en 1997, impulsado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.