O pasado 5 de maio o Goberno dos Estados Unidos anunciaron, de forma sorprendente, o seu apoio á suspensión temporal da protección da propiedade intelectual nas vacinas contra a COVID-19. Dende hai tempo un gran número de países, encabezados pola India e Sudáfrica, veñen reclamando na Organización Mundial do Comercio (OMC) esta liberalización das patentes co obxectivo acelerar o ritmo de produción de doses para incrementar a porcentaxe de poboación vacinada, dada a dificultade de moitos países para acceder aos soros fóra do denominado primeiro mundo.
"Estes tempos e circunstancias extraordinarias esixen medidas extraordinarias", afirma o Goberno estadounidense, que mudou radicalmente a súa posición previa sobre a liberación das patentes
Organizacións sociais, expertos e a propia OMS levan tamén moito tempo reclamando esta exención das patentes para loitar contra a COVID, sobre todo tendo en conta que o número de contaxios segue a ser moi importante en países como a India ou Brasil, o que está favorecendo a aparición e expansión de novas mutacións do virus. Os países desenvolvidos suman máis do 80% das doses administradas en todo o mundo, mentres que só o 0,3% das vacinas se administraron en países de renda baixa, segundo os datos da OMS, que cualificou de "histórico" o cambio de posición dos EUA. Fronte ao 60% de poboación vacinada cunha dose en Israel, o 53% do Reino Unido ou o 46% dos Estados Unidos, con porcentaxes que na UE roldan o 30%, países como India roldan o 10%, Turquía o 18%, Brasil o 15% e Suráfrica non chega ao 1%, o mesmo que a maior parte da África, agás Marrocos.
Os países desenvolvidos suman máis do 80% das doses administradas en todo o mundo, mentres que só o 0,3% das vacinas se administraron en países de renda baixa
"Estes tempos e circunstancias extraordinarias esixen medidas extraordinarias", afirmou a través da súa conta de Twitter unha representante do Goberno de Biden, mudando a posición defendida habitualmente polo Executivo estadounidense, ao igual que os gobernos da UE. A decisión, que debe ser adoptada no marco da Organización Mundial de Comercio (OMC), debe tomarse por consenso e de momento as posicións a UE están divididas, atopando a frontal oposición de Alemaña, que defende os intereses das súas poderosas empresas farmacéuticas. Algúns países da UE subliñan que nos últimos meses os Estados Unidos se negaron a exportar a outros países as vacinas producidas no seu territorio, mentres que Europa exportou ao redor da metade da súa produción.
A decisión, que debe ser adoptada no marco da OMC, debe tomarse por consenso e de momento as posicións a UE están divididas
Pola súa banda, o Goberno español apoiou en principio a liberación de patentes proposta por Biden, aínda que sinalou que "a exención soa non é suficiente para garantir o acceso aos países en desenvolvemento", apostando non tanto por unha suspensión da propiedade intelectual e si porque as farmacéutidas "sexan flexibles acelerando a concesión de licenzas voluntarias".
Os movementos dos últimos días conseguiron abrir un debate que ata agora semellaba inamovible; con todo, o certo é que ningunha decisión foi adoptada e, de momento, o ritmo de distribución das vacinas segue a ser moi lento fóra dos países desenvolvidos. Falamos con Agustín Montes, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Curso de Especialización Universitario en Vacinas que ofrece a universidade compostelá.
Como interpretas o anuncio realizado polo Goberno dos EUA? Cres que é posible que se acade un acordo para liberalizar as patentes das vacinas contra a COVID?
"Hai moitos intereses no medio, que entenden que está en xogo o mantemento do status quo. Aínda que esteamos nunha situación excepcional, abrir a porta a unha liberalización de patentes sentaría precedentes de cara ao futuro"
É un tema complicado, que vai máis aló da propia saúde e no que entramos en terreos económicos ou legais. Fíxate que quen ter que dar o seu visto bo é a Organización Mundial do Comercio. Hai moitos intereses no medio, que entenden que está en xogo o mantemento do status quo. Aínda que esteamos nunha situación excepcional, abrir a porta a unha liberalización de patentes sentaría precedentes de cara ao futuro, aínda que sexa para futuras situacións excepcionais, e por iso hai tantas resistencias.
Sobre o anuncio dos Estados Unidos hai que ter en conta o momento en que se produce, porque o Goberno de Biden fai este movemento agora que ten vacinada case á metade da súa poboación, pero ata agora non exportara case nin unha soa dose, a diferenza da UE, que leva exportado máis ou menos a metade das vacinas que produciu.
Entre os argumentos que habitualmente empregan as farmacéuticas para opoñerse á liberación de patentes está a defensa da 'xusta retribución' á investigación realizada, alegando ademais que unha menor contraprestación podería debilitar de cara ao futuro o sistema de investigación, impedindo ou adiando o desenvolvemento de futuros tratamentos. Isto é así?
"Houbo moito diñeiro público para apoiar a investigación inicial e, ademais, houbo moito diñeiro público para mercar por adiantado vacinas, aínda que non se sabía aínda se ían ser efectivas ou se ían ser aprobadas"
En efecto, estas empresas defenden que sen as patentes non terían un retorno do investimento inicial e isto dificultaría que puidesen investigar novos tratamentos no futuro. Este debate leva moitos anos aberto e intensificouse a respecto do virus do VIH en países como India ou Sudáfrica, países que producen moitos medicamentos e que non podían ofrecer antirretrovirais aos seus cidadáns. Estes países defenderon que os investimentos que as compañías fixeran para a produción de antirretrovirais estaban xa máis que amortizados. Hai que ter en conta, ademais que gran parte dos gastos que teñen as farmacéuticas non se dirixen á investigación, senón ao marketing dos seus produtos.
Esta postura é entendible, pero hai que ter en conta en primeiro lugar que estamos vivindo circunstancias excepcionais e que polo tanto debemos chegar a uns compromisos tamén excepcionais. Ademais, no caso das vacinas contra a COVID, o que afirman as farmacéuticas non é certo. Por que se puido chegar tan rápido a estas vacinas, que noutros casos tardarían varios anos en deseñarse, aprobarse e producirse? Porque houbo un apoio importantísimo dos gobernos, que investiron moitos cartos públicos, e tamén das axencias reguladoras, que aceleraron os procesos. Houbo moito diñeiro público para apoiar a investigación inicial e, ademais, houbo moito diñeiro público para mercar por adiantado vacinas, aínda que non se sabía aínda se ían ser efectivas ou se ían ser aprobadas. Os Estados fixeron unha aposta que normalmente lles tería correspondido ás empresas. E as empresas comezaron a producir as vacinas antes de contar co visto bo das axencias reguladoras, pero non co seu diñeiro, senón co diñeiro público.
Hai quen defende que a liberalización das patentes tardaría aínda moito tempo en ter un efecto claro no incremento da produción e que, polo tanto, sería máis útil apostar por solucións intermedias, como incrementar os acordos de produción con plantas en distintos países. Como valoras esta proposta?
"Cando en seis meses os países máis avanzados, que somos mil millóns de persoas, aínda non chegamos nin ao 50%, canto tempo tardarían os países do terceiro mundo en chegar a toda a súa poboación? Varios anos"
A liberación de patentes non é incompatible con outras medidas, como os acordos de produción. Se agora se libera a patente e calquera compañía pode producir a vacina, claro que non podería comezar a producila inmediatamente, porque primeiro tería que adaptar o seu sistema de produción a toda a normativa e á produción específica dese soro. Pero o problema vai ser exactamente o mesmo, aínda que non se libere a patente e simplemente haxa un acordo para a produción nunha nova planta. De feito, é unha cuestión que xa afectou nos últimos meses ás plantas de produción da vacina de AstraZeneca, por exemplo.
A realidade é que deixar en mans das farmacéuticas o control da produción das vacinas tense demostrado como un funil que bloquea a aceleración da produción e o envío ao terceiro mundo. Levamos case seis meses de vacinación no primeiro mundo e os países que máis poboación teñen vacinada, como Israel, chegaron ao 60% da poboación cunha dose, o Reino Unido algo máis do 50%, Estados Unidos o 46%. Pero Turquía leva o 18%, Brasil o 15%, India o 10% e Sudáfrica menos do 1%. Cando en seis meses os países máis avanzados, que somos mil millóns de persoas, aínda non chegamos nin ao 50%, canto tempo tardarían os países do terceiro mundo en chegar a toda a súa poboación? Varios anos.
"Coa liberalización das patentes tardaríase un tempo en empezar a incrementar a produción de vacinas, pero gañariamos anos con respecto ao ritmo actual"
Coa liberalización das patentes tardaríase un tempo en empezar a incrementar a produción de vacinas, pero estariamos gañando anos con respecto ao ritmo actual no obxectivo de ter vacinada contra a COVID a toda a poboación mundial. Existe o mecanismo COVAX, polo que os países do primeiro mundo ceden vacinas ao terceiro mundo; é un mecanismo con moi boas intencións, pero moi insuficiente. Ademais, hai países que non están cumprindo os seus compromisos.
Que as vacinas cheguen canto antes a todo o planeta, tamén aos habitantes dos países máis pobres e algo que no primeiro mundo debe preocuparnos non só por humanidade ou solidariedade, senón para asegurar o propio control da enfermidade e evitar a aparición de novas variantes que poden ser perigosas, non si?
"Mentres non se controle a pandemia a nivel mundial o virus vai estar por aí circulando, con novas mutacións que poden facer o virus resistente ás vacinas"
Si, claro, non só é unha cuestión de humanidade e solidariedade, aínda que xa só por isto nos debería preocupar. Pero simplemente por puro egoísmo, pensando no noso propio embigo. A realidade é que mentres non se controle a pandemia a nivel mundial o virus vai estar por aí circulando, con novas mutacións que poden facer o virus resistente ás vacinas, como parece que sucede cunha das variantes brasileiras e coa variante surafricana. Mentres non estea vacinada toda a poboación mundial, non estaremos libres da COVID-19.
Antes o impacto dunha epidemia nun continente non afectaba tan directamente ao resto, pero vivimos nun mundo hiperconectado, onde co avión podes ir dunha punta á outra do planeta en cuestión de horas. É moi difícil controlar completamente unha pandemia. Fíxate que aínda que os primeiros positivos da variante india que se detectaron en Galicia correspondían a persoas que estiveran en barcos pesqueiros ou de carga, tamén tivemos casos de persoas que chegaron dende a India en avión, pasando por varios aeroportos e moitos controis. Ata que todo o mundo estea vacinado, non estaremos seguros.