Galicia está por baixo dos 100 novos casos novos da COVID-19 por cada cen mil habitantes a 14 días dende principios de marzo
Dende a primeira semana do pasado mes de marzo, Galicia está por baixo dos 100 novos casos novos da COVID-19 por cada cen mil habitantes a 14 días. Estivo a piques de superar este nivel a finais de abril -faltaron unhas décimas-, tras o leve ascenso nas semanas posteriores á Semana Santa, pero non chegou a facelo. No mesmo período, a incidencia acumulada a 7 días apenas chegou a pasar dos 50 casos novos por cada cen mil habitantes.
Como amosa o gráfico baixo estas liñas, unha vez superada a terceira vaga, a máis virulenta, o país transita polo período de maior estabilidade epidemiolóxica dende o verán de 2020. Faino, ademais, nun contexto no que a capacidade diagnóstica do Sergas é maior que daquela e, sobre todo, mentres o avance da vacinación permite trazar un escenario moito máis optimista no medio prazo que daquela.
Isto sucede mentres a foto fixa do día amosa 145 casos novos, os rexistrados polo Sergas entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Nos últimos sete períodos de vinte e catro horas (de seis a seis da tarde), en Galicia rexistrouse unha media diaria de 173,7 casos novos -contando todos os test de infección activa- e nos sete anteriores, de 174.
Esta estabilidade reflíctese tamén en termos de días naturais (das 00:00 ás 23:59 de cada día). Nos últimos sete con datos completos (ata o martes, día 11) rexistrouse unha media duns 181 casos diarios e nos sete previos, algo menos de 172.
Uns 140 concellos sen casos en catorce días
Esa estabilidade reflíctese tamén nas cifras de concellos que non rexistran casos novos en 14 días, que roldan os 140 dende hai semanas. Agora son 138 e en 173 -unha cifra tamén semellante á de xornadas previas- non houbo caso ningún rexistrado nos últimos sete días.
Sobre o mapa, os concellos de Lobios, Laza, Pontedeva, Fornelos de Montes e Cambados son os que, individualmente, presentan incidencias acumuladas a 14 días máis elevadas. Séguenos municipios da área de Vigo, da contorna de Pontevedra, da área de Ordes ou puntos do suroeste da provincia de Lugo.
Alén desas mudanzas locais, tamén contribúe á estabilidade xeral o feito de que as sete principais cidades transiten por un prolongado período sen gromos de especial relevancia, ao contrario que en anteriores vagas. A incidencia a 14 días máis elevada segue sendo a de Vigo que é, xunto á Coruña, a única das cidades que supera eses 100 casos novos por cada cen mil habitantes. As cidades con menor incidencia acumulada a 14 días, Santiago e Ferrol, trazan nos últimos días lixeiros ascensos, pero pouco pronunciados.
Esta situación xeral vai permitindo que, aos poucos, tamén vaian baixando as cifras de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus, que permaneceron na contorna das 200 durante semanas. Agora son 188, nove menos que unha semana antes. Dentro deste total, 40 persoas están en coidados intensivos; hai unha semana eran tamén nove máis.
Un dos factores que inflúe en que a hospitalización diminúa con máis lentitude que hai meses é o feito de que os indicadores de mortalidade experimentaron gran acougo nos últimos meses. Todo, en paralelo co avance da vacinación.
No que vai de mes de maio, producíronse en Galicia 6 mortes de persoas con test positivo do coronavirus -non en todos os casos o desencadeante do falecemento é a COVID-19-. No primeiros 13 días de abril foran 27 mortes e no mesmo período de marzo, 49. O total sitúase agora en 2.397.
Novo récord de vacinas administradas en Galicia
Este mércores administráronse 53.381 doses das vacinas contra a COVID en Galicia, no que supón un novo máximo dende o inicio do proceso
Este mércores administráronse 53.381 doses das vacinas contra a COVID en Galicia, no que supón un novo máximo dende o inicio do proceso. Foron sobre todo segundas doses, de xeito que o número de persoas coa pauta completa medrou ata as 514.070, o 21,76% da poboación maior de 16 anos. En cambio, o número de persoas que recibiu cando menos unha dose case non variou no último día, manténdose a porcentaxe da poboación adulta que foi vacinada no 43,59%
Foron sobre todo segundas doses, de xeito que o número de persoas coa pauta completa medrou ata o 21,76% da poboación
O grupo de idade no que máis se reforzou a vacinación este mércores foi o das persoas entre 70 e 79 anos, no que o 68% xa ten a pauta completa, mentres que onte a procentaxe era do 50,4%.