A Xunta pode manter sen cambios as restricións pola COVID-19 que ten en vigor dende o pasado 9 de maio, co decaemento do Estado de Alarma. Nun auto notificado este 12 de maio, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala a parte das medidas que atinxen a dereitos fundamentais e que, por aplicárense fóra do ámbito excepcional do Estado de Alarma, requiren de ratificación xudicial.
Tras o decaemento do Estado de alarma, medidas como o veto ás reunións de non conviventes, peches perimetrais ou toque de recollida requiren de aval da Xustiza
Neste caso, dá o visto e prace ao veto en todo o país ás reunións de non conviventes entre a 1 e as 6 da mañá e á limitación de encontros entre persoas que non vivan xuntas a 4 en interiores e 6 en exteriores. Ratifica, igualmente, as medidas adoptadas polo Goberno galego para os concellos en nivel máximo de restricións (Padrón, Padrón, Cualedro, Laza, Cambados e Vilanova de Arousa, nese primeiro mapa, que rexe ata as 23:59 do día 13): peche perimetral, toque de recollida, veto a reunións entre non conviventes e peche da hostalería.
Nun contexto no que persiste o "risco real de contaxio" da COVID-19, o Tribunal Superior considera que as medidas formuladas "son idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación". Tamén, "necesarias, dada a constatación dunha situación de perigo actual para a saúde dos cidadáns" e "proporcionadas", ao limitarse as máis estritas aos lugares de maior incidencia e ademais, estar acoutadas no tempo.
Xunto a este aval, o Tribunal inclúe no seu auto unha advertencia: o Goberno galego debe xustificar mellor as súas restricións para pedir o aval xudicial. "Temos que facer unha observación sobre a escaseza de datos que ofrece" a Xunta, sinala, xa que achega un informe do Servizo de Epidemioloxía da Consellería de Sanidade que "non indica, por exemplo, datos concretos referidos aos concellos nos que se aplican as medidas máis restritivas", tales com porcentaxe de poboación envellecida ou vulnerable ou xa vacinada.Tamén "bota en falta" a "cita concreta dos supostos 'artigos científicos' ou 'estudos'" aos que a propia Xunta fai referencia, pero "non identifica" e cuxa consulta "pode deitar luz sobre o alcance da situación de risco".
O Tribunal advirte á Xunta "sobre a escaseza de datos que ofrece" para xustificar as medidas, que deben "sustentarse en datos facilitados por comités clínicos"
Neste sentido, resalta que as medidas deben "sustentarse en datos facilitados por comités clínicos" con "coñecementos e experiencia científica". Faino nun contexto no que, como revelou en exclusiva Praza.gal, a Xunta admite que o comité clínico non levantou actas dos asuntos tratados dende o inicio da pandemia e que tampouco existe ningún informe ou documento semellante ao respecto.
Así e todo, o TSXG advirte de que valora as medidas dentro dunha "razoable marxe de apreciación" xeral que "admite, neste momento, a ratificación". A Xunta terá que volver recorrer ao Tribunal cando queira impoñer medidas que atinxan a dereitos fundamentais cunha distribución territorial diferente -nos cambios que aplicará dende o venres 14, reflectidos no mapa sobre estas liñas, non se dá ese caso-.
223 casos novos e tendencia estable, malia lixeiros ascensos puntuais
A ratificación xudicial das restricións chega nunha xornada na que o Sergas notifica 223 novos casos da COVID-19 en Galicia, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Deles, 209 son diagnósticos mediante probas PCR.
Nos últimos sete ciclos de seis a seis da tarde, en Galicia rexistrouse unha media de 185 casos novos por xornada e nas sete anteriores, uns 174. En termos de días naturais, entre o 4 e o 10 de maio a media é duns 182 casos novos diarios e na semana anterior, uns 177. Apréciase, daquela, un lixeiro ascenso que tamén se percibe nos datos de incidencia acumulada a sete días (47 casos novos por cada cen mil habitantes e 45 unha semana antes) os cales, así e todo, seguen tendendo á estabilidade en comparación coas semanas anteriores.
En termos de incidencia acumulada a 14 días, a situación tamén é de relativa estabilidade para o conxunto do país. Por áreas sanitarias, o indicador máis elevado segue sendo o de Pontevedra-O Salnés, cuns 141 casos novos por cada cen mil habitantes. En canto ás tendencias, na área de Vigo apréciase unha lixeira repunta e na de Santiago-Barbanza, unha certa tendencia ascendente motivada na última semana, sobre todo, polo empeoramento na contorna de Padrón. Todas elas seguen, en calquera caso, nos seus niveis máis baixos dende o outono de 2020.
A situación epidemiolóxica relativamente contida séguese reflectindo tamén nas cifras de mortalidade ligadas á pandemia. Agora sitúanse nun total de 2.395 tras a notificación do falecemento dunha muller de 88 anos no hospital de Ourense á que, segundo confirmou a Consellería de Sanidade, non lle deu tempo a completar a pauta de vacinación, a que fornece a inmunización. Ingresou no hospital con test positivo da COVID-19 cando só puidera poñer a primeira.
Por baixo das 200 persoas no hospital
Todo isto sucede nun contexto no que, moi aos poucos, os alivios epidemiolóxicos das semanas previas se reflicten tamén na presión hospitalaria. O número total de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 volve roldar as 190 (agora son 191, nove menos que unha semana antes). Delas, un total de 40 están en coidados intensivos; hai unha semana eran oito máis.
Avanza a vacinación nas persoas entre 50 e 59 anos
Mentres, este martes administráronse en Galicia 33.248 doses das vacinas contra a COVID, elevando a cifra total dende decembro ata as 1.480.127. Máis dun millón de persoas teñen xa cando menos unha dose (1.028.809), o que representa o 43,54% da poboación maior de 16 anos. De igual xeito, 461.602 contan xa coa pauta completa, o 19,54% da poboación adulta.
Nos últimos días está a levarse a cabo a primeira vacinación do grupo de persoas entre 50 e 59 anos. Entre elas o 23,9% xa ten cando menos unha dose (onte era o 16,6%). De igual xeito, está a completarse a aplicación da segunda dose ás persoas entre 70 e 79 anos, que chega xa ao 50,4%.
Entre as persoas de máis de 60 anos, o 95% conta con cando menos unha dose e o 45,3% coa pauta completa. Esta segunda porcentaxe cae sobre todo entre as persoas entre 60 e 69 anos, das que só o 5,1% ten a pauta completa.