En Galicia van xa administradas algo máis de 1,4 millóns de doses de vacinas contra a COVID-19. Tras os pronunciados avances das últimas semanas, este martes o Ministerio de Sanidade xa reflicte que algo máis do 42% da poboación diana da campaña de vacinación, a maior de 16 anos, xa recibira cando menos unha dose e practicamente a quinta parte xa completara a pauta (dúas doses, con todas as vacinas agás a de Janssen), a que fornece a inmunización.
Apenas catorce meses despois da confirmación do primeiro caso da COVID-19 en Galicia, a vacinación avanza segundo os fitos previstos polo Goberno de España nas últimas semanas. E faino nun contexto no que os datos fornecidos pola Consellería de Sanidade apuntan a que a incidencia da pandemia segue contida no país.
Galicia rexistra uns 92 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e practicamente a metade a 7 días, o que é sinal de estabilidade ou estancamento da situación epidemiolóxica
O indicador ao que Sanidade concede máis importancia nos últimos meses, a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a sete días transita dende mediados de abril por episodios de lixeiras subas e baixas para o conxunto de Galicia, tamén unha vez superado o impacto dos encontros da Semana Santa. Como amosan os gráficos baixo estas liñas, o valor máis elevado neste indicador é agora o da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, con algo máis de 70 casos nvos por cada cen mil habitantes neste período. A continuación sitúanse as áreas de Vigo, cuns 60, e A Coruña-Cee, con algo máis de 50 casos novos por cada cen mil habitantes.
As áreas coruñesa e viguesa, e, en menor medida as de Lugo e Ferrol, trazan nos últimos días lixeiros incrementos na súa incidencia acumulada a sete días que se perciben no dato global de Galicia, pero con escasa intensidade. O dato galego rolda agora os 46 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días e os 92, a 14 días. O feito de que o dato da última semana sexa -con diferenzas de décimas- a metade do indicador a 14 días implica esa situación de estabilidade ou estancamento.
Sobre o mapa, un bo número de concellos, ata 134 (-1) non rexistraron casos novos da COVID-19 nos últimos 14 días e 179 (-1) non tiveron ningún na última semana. Na banda contraria, Laza e Pontedeva son os concellos con maior incidencia acumulada a 14 días, seguidos de Fornelos de Montes, Chantada, Padrón, Vilanova de Arousa, Cambados, A Pastoriza, Trabada ou Mañón. En menor medida, seguen destacando no mapa tamén as incidencias acumuladas en puntos Deza, da comarca de Ordes, na Baixa Limia ou en Valdeorras.
O Sergas suma 121 casos novos, unha cifra moi semellante á de hai sete días
Todo isto sucede nunha xornada na que o Sergas engade ao seu cómputo 121 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Hai unha semana foran 125, o que apunta tamén á devandita situación estable. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, alén das oscilacións puntuais, a situación epidemiolóxica xeral segue sendo a máis favorable dende o pasado verán, co engadido de que, na actualidade, a capacidade diagnóstica do Sergas é maior que daquela -na última semana procesouse unha media diaria dunhas 7.600 PCR e o pasado verán non chegou ás 3.000 ao día.
Neste contexto, a estabilidade e lixeira tendencia á baixa das pasadas semanas xa se traduce, agora si, nunha lixeira relaxación da presión hospitalaria. Unha vez superado o efecto da fin de semana -cando adoitan tramitarse menos altas nos hospitais-, o total de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus sitúase en 190. Son 22 menos que hai unha semana e delas, 43 están en coidados intensivos, dúas menos que sete días antes.
Mentres, continúa tamén o acougo das cifras de mortalidade ligadas á pandemia. Nos últimos sete días, a Xunta notificou tres mortes de persoas que contraeran a COVID-19. O total mantense, daquela, en 2.394.