Galicia pecha o segundo estado de alarma con 17 veces máis positivos detectados que na fin do primeiro, pero co apoio da vacinación

Instalacións para a vacinación contra a COVID-19 en Expocoruña, o 4 de maio de 2021 CC-BY-SA Sergas

Esta medianoite finalizou o segundo estado de alarma declarado no Estado Español para mellorar os instrumentos de loita contra a pandemia de COVID. Entraron en vigor novas medidas, menos restritivas, sobre todo no que atinxe aos horarios da hostalaría, á desaparición do toque de recollida ou á mobilidade entre comunidades autónomas, desaparecendo o peche perimetral galego. É un novo paso nun proceso de desescalada, semellante aos que xa se deron noutros momentos da pandemia.

No remate do primeiro estado de alarma había só 8 persoas hospitalizadas con COVID en Galicia, fronte ás case 200 da actualidade

A esperanza, fundada, chámase neste momento vacinación, un proceso que avanza a un ritmo cada vez maior e que pode permitir que máis do 70% da poboación adulta galega reciba cando menos unha dose antes de que remate xuño e conte coa pauta completa ao longo do verán. A vacinación está a producir xa efectos claros entre os grupos de idade nos que o proceso está máis avanzado, nomeadamente o das persoas de 80 anos e máis, e espérase que esta inmunización masiva vaia reducindo tamén os contaxios e hospitalizacións nos restantes grupos etarios. 

Con todo, de momento a realidade é que Galicia chega a esta nova desescalada nunha meseta na que dende hai dous meses apenas se producen variacións tanto no número de positivos detectados coma no número de camas ocupadas nos hospitais, reducíndose iso si o número de mortes, en boa medida pola protección da poboación máis vulnerable. 150 casos diarios, 200 persoas hospitalizadas, 50 delas nas UCI. Cifras ás que xa nos afixemos como unha normalidade que deberían ir reducíndose nos vindeiros meses grazas ás vacinacións.

Como chega Galicia a esta nova desescalada en comparación con outros momentos da pandemia? A análise dos datos deses outros momentos subliña as elevadas cifras que se seguen rexistrando nestes momentos, especialmente se a comparación se establece coa fin do primeiro estado de alarma, que en Galicia chegou o 15 de xuño do pasado ano.

A comparación non pode darse en termos de igualdade, pois naquel momento o número de probas de detección realizadas e a propia capacidade de detección do seu conxunto era moi inferiores ás actuais.  Con todo, si que podemos falar dunha situación moito máis controlada que a actual

Nese momento, despois dun confinamento moi duro que paralizou notablemente a actividade económica e a mobilidade, e tras un proceso de desescalada moi gradual, a incidencia acumulada era de tan só 5,4 casos por cada 100.000 habitantes, 17 veces menos que a actual, que rolda os 93,7 casos por cada 100.000 habitantes.

A comparación non pode darse en termos de igualdade, pois naquel momento o número de probas de detección realizadas e a propia capacidade de detección do seu conxunto era moi inferiores ás actuais. Con todo, si que podemos falar dunha situación moito máis controlada que a actual, cunha taxa de positividade do 0,14%, fronte ao 2% actual ou 8 persoas hospitalizadas fronte ás case 200 deste momento.

Cómpre lembrar que apenas dúas semanas dese 15 de xuño Galicia sufriu importantes gromos na Mariña que mesmo puxeron en cuestión a propia celebracións das eleccións ao Parlamento galego nesa comarca, e que a finais de xullo a comarca da Coruña foi a que se viu afectada por un importante aumento de casos.

En cambio, a situación epidemiolóxica é claramente mellor que a que vivía no inicio da desescalada tras a terceira vaga da pandemia, o 26 de febreiro. Tamén era máis negativa a situación en decembro, cando comezou a desescalada posterior á segunda vaga

En cambio, a situación epidemiolóxica neste momento é claramente mellor que a que vivía no inicio da desescalada tras a terceira vaga da pandemia, o 26 de febreiro, cunha Incidencia Acumulada e taxa de positividade que duplicaban á actual, máis do dobre de camas ocupadas por pacientes COVID e dez veces máis mortes.

Tamén era máis negativa a situación en decembro, cando comezou a desescalada posterior á segunda vaga, que acabou provocando a terceira vaga da pandemia, despois do Nadal. Daquela a incidencia acumulada roldaba os 200 casos por cada 100.000 habitantes, a positividade superaba o 5% e había máis 400 persoas nos hospitais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.