Esta nova desescalada chega nun contexto de estabilidade na situación epidemiolóxica en Galicia, instalada nunha meseta dende hai dous meses
Este domingo, coincidindo co remate do estado de alarma, entrarán en vigor as novas medidas de loita contra a COVID, publicadas a última hora deste venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) [aquí poden consultarse] que supoñen unha rebaixa na maior parte das restricións aplicadas, nomeadamente no que atinxe aos horarios da hostalaría, á desaparición do toque de recollida e á supresión do peche perimetral a nivel galego. Esta nova desescalada chega nun contexto de estabilidade na situación epidemiolóxica en Galicia, instalada nunha meseta dende hai dous meses, sen grandes incrementos da incidencia (a cuarta onda semella que finalmente ficou en ondiña), pero tampouco sen reducir estes datos ata o nivel do pasado verán.
Dende hai semanas, Galicia vén mantendo un ritmo de máis de 150 novos positivos detectados cada día, cunha reducida taxa de positividade (un 2% das probas son positivas) e unha situación hospitalaria igualmente estable, con ao redor de 200 persoas con COVID ingresadas, 50 delas nas UCI.
Este venres a Consellería de Sanidade engade 195 novos positivos, 179 deles detectados cunha proba PCR nas últimas 24 horas. A media diaria na última semana medra lixeiramente e sitúase nos 155,57 casos e a Incidencia Acumulada a 14 días rolda os 94 casos por cada 100.000 habitantes, menos da metade dos 202 casos de media no conxunto de España.
No último día notificouse ademais un novo falecemento, o que eleva a cifra total a 2.393. Na última semana houbo que lamentar catro novas defuncións, 13 nas últimas dúas semanas, lonxe dos números de hai poucos meses, pero aínda engadindo mortes a esta estatística.
As incidencias seguen a ser elevadas en Laza, Cambados e Padrón e tamén en Mesía, A Pastoriza, Cualedro, Fornelos de Montes, Carballeda de Valdeorras, Sandiás, Vilanova de Arousa, Chantada e Marín
Existen grandes diferenzas entre a situación duns e outros concellos, concentrándose unha parte importante dos novos positivos detectados nunhas zonas do país. Pola contra, hai 132 concellos que non rexistraron ningún novo caso de COVID nos últimos 14 días e 177 localidades que non tiveron casos nos últimos sete días.
No outro extremo, as incidencias seguen a ser elevadas en Laza, Cambados e Padrón (por riba dos 500 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días) e tamén en Mesía, A Pastoriza, Cualedro, Fornelos de Montes, Carballeda de Valdeorras, Sandiás, Vilanova de Arousa, Chantada e Marín, entre 250 e 500 casos de IA. Preto dese indicador de 250 aparecen tamén A Laracha, Coristanco, Cangas, Salceda de Caselas e Lalín.
Nas cidades a situación está estable, con Vigo e A Coruña como as urbes con máis incidencia, pero reducindo os seus datos. Lugo, Pontevedra e Ourense tamén se achegan a unha Incidencia Acumulada de 100 casos por cada 100.000 habitantes, sendo Compostela e Ferrol as áreas en mellor situación.
Dende finais de marzo o número de camas ocupadas por pacientes COVID móvese entre as 167 e 220
Nos hospitais repítese a estabilidade, cun total de 197 pacientes COVID ingresados e 45 deles nas UCI. A cifra supón unha lixeira mellora dende os datos do venres da pasada semana (214 camas ocupadas, 49 nas UCI), unha mostra da meseta na que tamén están instalados os indicadores hospitalarios, pois dende finais de marzo o número de camas ocupadas por pacientes COVID moveuse entre as 167 e 220, sen maiores incrementos, pero sen descender tampouco a niveis máis reducidos, como si sucedera o pasado verán, a partir do mes de maio.
133.000 doses administradas entre martes e xoves
O ritmo de administración das vacinas continúa acelerándose en Galicia, con máis de 133.000 doses aplicadas entre o martes e o xoves, con 45.382 este xoves, no que supón un novo récord. En total, dende decembro son xa 1.334.460 as doses administradas.
O 38,24% da poboación galega adulta recibiu cando menos unha dose, e o 18,59% ten a pauta completa, porcentaxes que medran ata o 84,2% e o 42,8% no caso das persoas de 60 anos ou máis.