Galicia saíu do Estado de Alarma coa COVID estable en torno aos 170 casos rexistrados ao día

Cribado da COVID en Ourense, nunha imaxe de arquivo, e mapa de incidencia con datos do 9 de maio CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Ás 00:00 do domingo, 9 de maio, decaeu o Estado de Alarma que estaba vixente dende o pasado outubro por mor da pandemia. Este luns, día 10, están xa dispoñibles os datos epidemiolóxicos completos do derradeiro día baixo esa figura excepcional, o sábado 8. E, alén das oscilacións puntuais de cada xornada, é posible afirmar que a situación xeral en Galicia segue marcada pola estabilidade, cos rexistros estancados na contorna dos 170 casos novos do coronavirus malia ao elevado número de test que o Sergas continúa a procesar.

Nos últimos sete días con datos completos, o Sergas rexistrou unha media diaria de 174 novos casos. Unha semana antes eran uns 179 e hai dúas, en torno a 190

Nos sete días previos ao decaemento do Estado de Alarma, en Galicia rexistrouse (contando todos os test de infección activa, non só as PCR) unha media duns 174 casos novos ao día. Unha semana antes, no primeiro día de maio, este indicador roldaba os 179. Dúas semanas antes situábase na contorna dos 190, aínda reflectindo os incrementos posteriores á Semana Santa que, en calquera caso, foron moi inferiores aos das anteriores vagas.

Nesta liña, este luns Sanidade incorpora aos seus cómputos os 152 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, primeiro día sen Estado de Alarma. Deles, un total de 146 son diagnósticos mediante PCR. Unha semana antes foran 103 nese mesmo período de vinte e catro horas.

Esa estabilidade, alén das oscilacións de escasa magnitude, séguese reflectindo nas incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) para o conxunto de Galicia, aínda que coas habituais diferenzas locais. O dato a 14 días rolda agora os 92 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días, os 45. A evolución semanal de ambos indicadores é practicamente plana e o feito de que a incidencia a 7 días sexa un chisco inferior á metade do dato a 14 días segue apuntando a unha tímida redución.

Galicia rolda os 92 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e o dato a sete días está levemente por baixo da metade

Sobre o mapa, as incidencias máis elevadas séguense rexistrando en dous pequenos concellos, Laza e Fornelos de montes, onde o escaso número de habitantes provoca que relativamente poucos casos disparen os indicadores. A continuación sitúanse contornas da área de Pontevedra, do Deza, da Baixa Limia, puntos de Ordes, Bergantiños ou Valdeorras, entre outros. Na banda contraria, en 135 concellos non se rexistraron casos novos en 14 días e un total de 180 non rexistraron ningún durante a semana que vén de rematar. Ambas cifras son semellantes ás de días previos.

Aínda en torno ás 200 hospitalizacións

A relativa estabilidade epidemiolóxica das últimas semanas segue manifestándose tamén nas cifras de hospitalizacións de persoas coa COVID-19. Ás seis da tarde do primeiro día sen Estado de Alarma rexistrábanse 209 ingresos de pacientes con test positivo do coronavirus, cinco menos que unha semana antes. Delas, 46 estaban na UCI e sete días antes eran 50.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, os niveis totais de hospitalización de persoas coa COVID son os máis baixos dende o pasado verán e o mesmo sucede coas cifras de falecementos. Tras a comunicación, este domingo, do falecemento dunha muller de 92 anos no hospital da Coruña, o total de mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia chega ás 2.394. Nos últimos sete días, a media diaria de mortes de persoas coa COVID-19 é inferior a 1.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.