Durante meses as informacións sobre a Covid-19 falaban de casos, de positivos e de mortes. Dende comezos de ano, sobre todo unha vez que se superou a terceira vaga da pandemia, os temas comezan a xirar cada vez máis ao redor das vacinas e da vacinación. A pesar de que segue a haber contaxios e de que é posible a chegada dunha cuarta onda nalgún momento por mor da relaxación das restricións, cada vez é máis numerosa a poboación vacinada e protexida.
"Por que se romperon todos os récords de rapidez? Porque houbo un impulso moi grande por parte da sociedade, tanto as empresas como as institucións públicas, investindo unhas cantidades enormes de diñeiro"
As vacinas, que comezaron a ser aplicadas menos dun ano despois da aparición da enfermidade son un logro da ciencia. Aínda que a súa aplicación en moitos países, comezando por toda a Unión Europea, está a ser máis lenta do desexado e de que polo camiño xurdiron novas dificultades de produción ou a recente paralización temporal da vacina de AstraZeneca, nestes momentos a maior parte da poboación máis vulnerable e máis exposta a un contaxio está xa inmunizada. Falamos sobre vacinas e vacinación con Agustín Montes, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Curso de Especialización Universitario en Vacinas que ofrece a universidade compostelá.
En menos dun ano deseñáronse e aprobáronse varias vacinas eficaces contra a Covid-19, nun prazo inferior ao previsto. Fronte ás malas novas de contaxios e mortes por mor da enfermidade, as vacinas son a boa nova que debemos celebrar?
Por suposto, estamos ante un caso único. Pero por que é un caso único? Por que se romperon todos os récords de rapidez? Porque houbo un impulso moi grande por parte da sociedade, tanto as empresas como as institucións públicas, investindo unhas cantidades enormes de diñeiro, o que conseguiu se se acurtasen moitos prazos. Non se chegou tan rápido por modificar os procedementos nin por reducir a seguridade ou os controis, senón por outros factores.
"Non se chegou tan rápido por modificar os procedementos nin por reducir a seguridade ou os controis, senón por outros factores"
Os procesos de laboratorio non se modificaron moito, aínda que as vacinas aproveitaron coñecemento e ferramentas que se utilizaran en procesos previos, o que permitiu acelerar as investigacións. Pero o grande avance deuse nos procesos administrativos; normalmente cando hai unha vacina candidata, debe pasar polos reguladores sanitarios e agardar a que se reúnan e esperar pola súa quenda; poden pasar meses ou anos. En cambio, agora cada vez que había un candidato novo, a análise comezaba de inmediato.
E a outra razón da aceleración estivo na produción; normalmente as compañías farmacéuticas agardaban a contar coa autorización das entidades reguladoras e aí comezaban a organizar o proceso de produción; en cambio aquí ese proceso de produción comezou mesmo antes de contar con esa autorización. Unha empresa normalmente non se arrisca a perder diñeiro; pero agora as institucións públicas puxeron moito diñeiro, financiando estes laboratorios, para acelerar o proceso.
As autoridades sanitarias españolas fixaron o obxectivo de chegar durante o verán ao 70% da poboación vacinada, acadando así a inmunidade de grupo. Cres que é posible chegar a esas cifras nese momento?
Non, non creo. Eu sempre fun moi escéptico cando se daban estas cifras e estes prazos. A dificultade non chega tanto pola capacidade de distribución e de administración, porque as vacinacións masivas son doadas de facer, senón pola ausencia de doses suficientes a curto prazo.
"A dificultade non chega tanto pola capacidade de distribución e de administración, porque as vacinacións masivas son doadas de facer, senón pola ausencia de doses suficientes a curto prazo"
Hai que ter en conta un elemento, ademais. Nós estamos moi preocupados polo noso, por chegar a unha determinada porcentaxe de persoas vacinadas no noso país ou no noso continente. Pero estamos falando dunha pandemia mundial e non nos imos librar da enfermidade ata que toda a humanidade estea vacinada. Pode que aquí esteamos todos vacinados pero haxa focos de infección noutras zonas de do planeta. Ter vacinas para 6.000 millóns de persoas é moi complicado e se a isto lle engadimos os problemas de produción nas fábricas, máis aínda. Non hai capacidade produtiva suficiente.
Os países en vías desenvolvemento, aínda que a través do mecanismo COVAX van chegar a eles unha certa cantidade de vacinas, van tardar anos en ter doses suficientes para toda a poboación. A liberalización de patentes podería ser unha solución?
"A liberación das patentes é complicada, pero non o é tanto chegar a acordos de produción ou distribución, que acelerarían moito o proceso. Biopharma podería estar agora producindo calquera tipo de vacina, pero antes tería que chegar a un acordo co propietario da patente"
A liberalización das patentes é un tema moi complicado dende un punto de vista económico e empresarial. As empresas que producen as vacinan non son ONGs, buscan o beneficio económico, aínda que neste caso recibiron moitísimo diñeiro público. E podería ser que se agora lles obrigamos a liberar as patentes, nun futuro eles respondesen anunciando que non van sacar máis produtos ante o risco de que os Estados se apropien do seu traballo de investigación. Eu non estou de acordo con este argumento, porque a maioría da investigación non é realizada por estas grandes compañías farmacéuticas. No caso da Covid-19, por exemplo, a vacina de AstraZeneca foi desenvolvida por unha universidade pública e a de Pfizer foi desenvolvida por un pequeno laboratorio (Biontech).
A liberación das patentes é complicada, pero non o é tanto chegar a acordos de produción ou distribución, que acelerarían moito o proceso. En Galicia temos Biopharma e no resto de España hai compañías semellantes; Biopharma podería estar agora producindo calquera tipo de vacina, pero antes tería que chegar a un acordo co propietario da patente. Hai un problema de produción por mor do acaparamento desa capacidade produtiva a cargo das grandes compañías farmacéuticas.
Os grupos antivacinas acadaron nos últimos meses unha difusión importante. Que representación pensas que teñen na sociedade? Aínda que sexan moi minoritarios, que perigos achegan ao resto da poboación? É posible convencelos dalgún xeito?
"A oposición ás vacinas non ten que ver co nivel educativo, económico ou outros elementos; podes atopar estas persoas en calquera ámbito da sociedade. Ten máis que ver cun egoísmo social"
Creo que afortunadamente os grupos antivacinas son minoritarios, ainda que pode que agora se escoiten máis grazas ás novas posibilidades de comunicación. Sempre houbo grupos antivacinas pero agora teñen máis capacidade de espallar as súas ideas a través de Internet. O perigo é que estes grupos, aos que de cando en cando se une algún persoeiro famoso, poden ir contaminando o resto da poboación coas súas mensaxes. Hai, ademais, distintos tipos de persoas que nun determinado momento se negan a poñer unha vacina. Algunhas delas simplemente se poden opoñer porque non están completamente seguras; se ti lles explicas que a vacina é segura e que cumpre con todos os protocolos, probablemente atenderán á explicación e se decidirán a vacinarse. Pero hai outras persoas para as que non vacinarse é unha cuestión de fe; con esas persoas é moi difícil razoar.
O importante é convencer á maior parte da poboación para que se vacine e que as lagoas de non vacinados sexan o máis pequenas que se poida. Hai que ter en conta que nesta oposición ás vacinas non ten nada que ver o nivel educativo, económico ou outros elementos; podes atopar estas persoas en calquera ámbito da sociedade. Ten máis que ver cun egoísmo social: 'para que me vou vacinar eu, se vacinándose os demais xa chegamos á inmunidade de grupo?'
É importante ser transparente na comunicación? Ser claros tamén nos posibles efectos adversos das vacinas?
"Todo o procedemento ten que ser completamente transparente, aínda que en principio os indicios apunten a que non hai un problema"
Claro, é que todo o procedemento ten que ser completamente transparente, aínda que en principio os indicios apunten a que non hai un problema. Pensa por exemplo no tema das tromboses e a vacina da AstraZeneca. Había pouco máis de 1 caso deste tipo de tromboses cerebrais por cada millón de doses administradas, unha incidencia normal. Había unha coincidencia temporal, non causal. Aínda así hai que estudar estes casos. Isto que ocorreu con esta vacina ocorre todos os días con todos os medicamentos. O que pasa é que a sociedade está moi sensible e os xornalistas publican cada pequena novidade que se produce en relación ás vacinas.
Ao final pódese dicir que este caso demostrou que os sistemas de control funcionan? Detectouse un problema, fíxose público, analizouse e chegouse a unha conclusión...
Si, claro. Cumpriuse o procedemento habitual cando se está aplicando un medicamento. Hai unha vixilancia sobre os seus efectos, sobre todo nos primeiros meses e anos da súa aplicación. E se se produce algún efecto non esperado, analízase, e pódese suspender temporalmente a súa distribución.
Este luns decidiuse ampliar a aplicación da vacina de AstraZeneca ás persoas entre 55 e 65 anos, despois de ter restrinxido máis a administración nun comezo e despois da paralización cautelar por por das tromboses. Puido todo isto diminuír a confianza da poboación nesta vacina? Como se pode recuperar esta confianza?
"A ciencia avanza e non hai verdades absolutas. E isto pode chocar co obxectivo de trasladar unha mensaxe clara e inequívoca á poboación. A complexidade é difícil de comunicar"
Si, este é un problema habitual na comunicación destes temas. Pero non pasa só coas vacinas, senón tamén con produtos alimenticios. Por exemplo, durante moito tempo díxose que os pescados azuis eran malos porque tiñan moita graxa, e nun momento dado descubriuse que a súa graxa era beneficiosa e houbo que mudar unha imaxe negativa que durante anos se dera sobre el. E, á inversa, durante moito tempo díxose que os aceites vexetais eran moito mellores, o que levou a que se usase o aceite de palma, que se acabou descubrindo mesmo máis negativo que as graxas animais. A ciencia avanza e non hai verdades absolutas. E isto pode chocar co obxectivo de trasladar unha mensaxe clara e inequívoca á poboación. A complexidade é difícil de comunicar.