Nas probas de vacinación masiva administraranse 18.250 doses da vacina
A Cidade da Cultura acolleu este xoves a primeira proba de vacinación masiva contra a Covid-19 en Galicia. Mil persoas entre 50 e 55 anos recibiron unha dose da vacina de AstraZeneca, e as probas continuarán este sábado en recintos feirais e centros hospitalarios doutras 13 cidades e vilas galegas. En total, aplicaranse unhas 20.000 doses da vacina, segundo os datos actualizados este 12 de marzo, nunhas probas que servirán para comprobar o funcionamento do sistema de vacinación fóra dos centros sanitarios de cara á administración masiva de doses nos vindeiros meses.
Búscase probar a infraestrutura de citación (mensaxes SMS e posterior confirmación mediante chamada telefónica cun sistema automático) e da propia administración de doses, dende a chegada das persoas ata os espazos de espera tras a administración e a circulación do propio persoal sanitario. Mentres se levan a cabo estas probas, continúa a administración da vacina aos outros colectivos fixados como prioritarios, un proceso que se leva a cabo maioritariamente nos centros de atención primaria.
Nos últimos 15 días foron administradas máis de 120.000 doses, unhas oito mil por día, moi por riba do ritmo de tres mil doses diarias de xaneiro e primeira semana de febreiro
En realidade, o ritmo de vacinación en Galicia está xa a incrementarse nas últimas semanas. Nos últimos 15 días foron administradas máis de 120.000 doses, unhas oito mil por día, moi por riba do ritmo de tres mil doses diarias de xaneiro e primeira semana de febreiro. Este incremento na velocidade de aplicación da vacina contra a Covid-19 coincidiu co inicio da vacinación das persoas de máis de 80 anos e tamén coa quenda do persoal docente.
Ademais, este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que no mes de abril Galicia recibirá ao redor de 500.000 doses das distintas vacinas. Isto suporía un notable incremento con respecto ás remesas que están a chegar na actualidade: ao redor de 75.000 doses semanais, algo máis de 300.000 ao mes.
Galicia chega ás 300.000 doses administradas
Este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que no mes de abril Galicia recibirá ao redor de 500.000 doses das distintas vacinas
Ata este mércores Galicia administrou 299.544 doses das distintas vacinas contra a Covid-19, segundo os datos da Consellaría de Sanidade e do Ministerio de Sanidade. 79.330 persoas recibiron xa as dúas doses que proporcionan a protección fronte á enfermidade (o 2,94% da poboación galega total) e outras 140.884 recibiron unha soa dose. Un total de 220.214 persoas recibiron cando menos unha dose, o que representa o 8,16% da poboación galega. No conxunto do Estado, o 3,2% da poboación recibiu as dúas doses e o 7,81% recibiu cando menos unha dose. Galicia sitúase, pois, por debaixo da porcentaxe española que recibiu dúas doses pero por riba na proporción de habitantes ás que se lles aplicou unha soa.
O 8,16% da poboación galega recibiu cando menos unha dose
No último día administráronse algo máis de dez mil vacinas, o que deixa a media diaria da última semana lixeiramente por debaixo das oito mil. As probas de vacinacións masivas que se levan a cabo este xoves e sábado, nas que se aplicarán ao redor de 18 mil doses, probablemente elevarán estas cifras, que de deberían seguir medrando en abril, cando chegarán a Galicia un 66% máis de doses que as distribuídas mensualmente na actualidade.
As probas de vacinación masiva deste sábado levaranse a cabo entre as 9 da mañá e as 9 da noite e que darán continuidade á realizada este xoves na Cidade da Cultura. As persoas que poden ser vacinadas, nacidas entre o 11 de marzo de 1965 e o 31 de decembro de 1971, están sendo citadas nos últimos días a través de SMS, comezando por aquelas cuxo primeiro apelido comece pola letra H.
Segundo os datos actualizados este 12 de marzo, que matizan parcialmente o anunciado verbalmente polo conselleiro de Sanidade o pasado martes, na área sanitaria da Coruña administraranse 3.700 doses no recinto de Expocoruña e 300 no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee. Na área de Vigo distribuiranse 4.400 doses no recinto de IFEVI. Na área de Santiago, ademais, da proba do xoves no Gaiás, o sábado no mesmo recinto aplicaranse outras 2.000 e no Hospital da Barbanza (Ribeira), 400. Na área de Ourense aplicaranse 2.150 doses, 1.700 delas no recinto de Expourense e as restantes en Verín e no Barco de Valdeorras. Na área de Lugo administraranse 1.700 no Hospital Lucus Augusti e outras, 500 en Burela e 300, en Monforte. Na área de Pontevedra serán 1.700 doses no Recinto Feiral de Pontevedra e 500 no Fexdega de Vilagarcía. Finalmente, na área de Ferrol distribuiranse 1.300 doses no recinto feiral de FIMO.
Mentres que a mediados de febreiro Galicia recibía cada semana ao redor de 25.000 doses de Pfizer e unhas 13.000 de AstraZéneca, na última semana chegaron máis de 45.000 de Pfizer e 30.000 de AstraZeneca
O ascenso do ritmo de vacinación é tamén consecuencia do aumento no número de doses que chegan cada semana a Galicia. Mentres que a mediados de febreiro Galicia recibía cada semana ao redor de 25.000 doses de Pfizer e unhas 13.000 de AstraZéneca, na última semana chegaron máis de 45.000 de Pfizer e 30.000 de AstraZeneca. O incremento no número de doses da vacina de Pfizer que recibe Galicia (en febreiro eran o 5,1% do total estatal e hoxe son representan o 8,44% de todas as distribuídas) ten que ver co maior número de persoas de 80 anos e máis residentes aquí.
Suspensión temporal da aplicación da vacina de AstraZeneca en Dinamarca
As autoridades sanitarias dinamarquesas sinalan que "non se pode concluír se existe unha relación entre a vacina e os coágulos de sangue"
As probas de administración masiva da vacina de AstraZéneca coinciden coa decisión de Dinamarca de suspender temporalmente (durante 14 días) a aplicación deste produto tras rexistrar "graves casos de trombos" en persoas que a recibiran. A decisión adoptouse por precaución, indicando as autoridades sanitarias dinamarquesas que "non se pode concluír se existe unha relación entre a vacina e os coágulos de sangue". Tamén Italia, Noruega e Islandia suspenderon temporalmente a súa aplicación, ata aclarar o sucedido.
A Axencia Europea do Medicamento (EMA) iniciou unha investigación ao respecto, sinalando que "actualmente non hai indicios de que a vacinación causase estas condicións, que non figuran como efectos secundarios con esta vacina". O comité de seguridade da Axencia destaca que "os beneficios da vacina seguen superando os seus riscos e a vacina pode seguir administrándose mentres a investigación dos casos de eventos tromboembólicos está en curso". A EMA engade que o número de eventos tromboembólicos en persoas vacinadas non é superior ao visto na poboación xeral, rexistrándose 30 casos de eventos tromboembólicos entre preto de 5 millóns de persoas vacinadas coa vacina de AstraZeneca en Europa.
A Axencia di que "non hai indicios de que a vacinación causase estas condicións" e destaca que "os beneficios da vacina seguen superando os seus riscos e pode seguir administrándose"
"Estamos no medio do maior e máis importante lanzamento de vacinacións da historia dinamarquesa. E agora mesmo necesitamos todas as vacinas que poidamos conseguir. Polo tanto, poñer unha das vacinas en pausa non é unha decisión fácil. Pero precisamente porque vacinamos tantas, tamén necesitamos responder con coidado oportuno cando se ten coñecemento de posibles efectos secundarios graves. Necesitamos aclaralo antes de poder seguir empregando a vacina de AstraZeneca", afirmou Søren Brostrøm, director do Consello Nacional de Saúde de Dinamarca.