Tres días antes da xornada na que se cumprirá un ano do inicio do primeiro Estado de Alarma e da sucesión de medidas restritivas, confinamento xeral incluído, para tentar frear a pandemia da COVID-19, o Servizo Galego de Saúde disponse a comezar as probas para a vacinación masiva fronte ao virus. Será este xoves, 11 de marzo de 2021, con mil persoas en instalacións da Cidade da Cultura, en Santiago. Dous días despois, o sábado, as probas estenderanse con vacinacións masivas nas restantes seis áreas sanitarias galegas.
As citadas para estas primeiras vacinación masivas serán case vinte mil persoas nacidas entre o 11 de marzo de 1965 e o 31 de decembro de 1971
Tras semanas e mesmo meses de tirapuxas co Goberno de España pola cantidade de vacinas recibidas, pero tamén despois da constatación que a porcentaxe de doses se corresponde coa proporción da poboación á que lle corresponde vacinarse (dende principios de mes, as doses aumentaron por ter Galicia máis habitantes maiores de 80 anos), a Xunta evidenciaba este mércores que as previsión é que eses lotes van seguir aumentando. O Ministerio de Sanidade está a confirmar inminentes "chegadas importantes de vacinas" e por iso, sinala o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cómpre "estar preparados".
Ese primeiro envío de gran cantidade que propicia un formato de vacinación masiva, detallou Comesaña en rolda de prensa, foi de 30.000 doses da vacina de AstraZéneca, que os protocolos vixentes seguen indicando, polo momento, para poboación menor de 55 anos. É por iso que as persoas citadas para estas primeiras vacinacións a maior escala en grandes recintos serán persoas de entre 50 e 55 anos. Concretamente, poboación nada entre o 11 de marzo de 1965 e o 31 de decembro de 1971, citada por orde alfabética de apelido comezando -segundo resultado dun sorteo- pola letra H.
Estas probas realizaranse nas sete áreas sanitarias e, di Sanidade, teñen por obxectivo testar a infraestrutura de vacinación masiva e tamén a de citación
Sinala Comesaña que estas primeiras vacinacións masivas coas devanditas doses da vacina de AstraZeneca teñen unha dobre finalidade. Alén de avanzar na inmunización con todas as doses dispoñibles, tamén se trata de probar a infraestrutura de citación (mensaxes SMS e posterior confirmación mediante chamada telefónica cun sistema automático) e da propia administración de doses, dende a chegada das persoas ata os espazos de espera tras a administración e a circulación do propio persoal sanitario.
Esa primeira proba na capital galega "repetirase o sábado en todas ás áreas sanitarias". En total, recibirán a primeira dose da vacina case vinte mil persoas -as restantes doses resérvanse para a segunda administración- que serán citadas en grandes recintos que Sanidade aínda non detalla para o resto de Galicia (o Concello de Pontevedra ofreceu o seu recinto feiral para facelo). No caso de distritos sanitarios con hospital comarcal (as áreas sanitarias suprimidas na reforma de 2018) será no propio centro sanitario agás no caso do Salnés. Segundo o avanzado por Comesaña, a distribución será a seguinte:
O Sergas abre a porta a repetir este proceso con outros colectivos en función dos inminentes incrementos nas chegadas de doses
Especifica Comesaña que estas probas e a eventual extensión dos formatos de vacinación masiva van transcorrer "paralelas" aos formatos de vacinación xa en marcha para outros colectivos, apoiados fundamentalmente nos centros de Atención Primaria. Do mesmo xeito, o conselleiro evidencia que a poboación de entre 50 e 55 anos é a destinataria das primeiras vacinacións masivas por mor da devandita chegada dun lote de 30.000 doses adicionais de AstraZeneca; cando eses incrementos sexan da vacina de Pfizer-BioNTech, especififcou, a destinataria sería a poboación maior de 80 anos (inmersa actualmente no proceso de vacinación) e cando todas as persoas desta idade estan inmunizadas, o Sergas continuará polos seguintes grupos fixados no protocolo.