O Goberno galego celebra o décimo aniversario da inauguración dos dous primeiros edificios anunciando unha “etapa de expansión” do complexo, en cuxa cifra de visitantes inclúe os desprazamentos diarios do persoal que alí traballa
Con dous días de atraso, a Xunta celebrou este mércores o décimo aniversario da inauguración, o 11 de xaneiro de 2011, dos dous primeiros edificios da Cidade da Cultura. Fíxoo cun acto presidido polo Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no que defendeu como “valente” a decisión do Goberno de Feijóo de paralizar en 2013 as obras dos dous últimos dos seis edificios que ía ter o complexo e aforrar “77 millóns de euros nun momento de dificultades económicas” na construción dun proxecto cuxas obras xa custaron arredor de 350 millóns de euros, o triplo do previsto cando o lanzou Manuel Fraga. Un sobrecusto que levou ao Consello de Contas a dicir que coa súa xestión do proxecto a Xunta “abdicou da súa responsabilidade de xestión prudente e planificada dos fondos públicos”.
A celebración do décimo aniversario chega a piques de cumprirse dúas décadas da colocación da primeira pedra e á espera de que este ano o Goberno galego dea por rematada a súa construción. Mentres, o mantemento ordinario do complexo, sen ter en conta as exposicións e actividades culturais que nel se celebren, ascende xa a uns 7 millóns de euros ao ano. [2021: o ano do vixésimo aniversario das obras do AVE e da Cidade da Cultura... e do seu remate?]
Tras a paralización dos dous edificios pendentes en 2013, en 2018 Feijóo decidiu retomar as obras dun deles e levantar un edificio de oficinas para as universidades que a Xunta prevé rematar este ano
A paralización á que agora se refire o conselleiro como “valente” e atribuída ao Goberno galego foi a aceptación en 2013 por parte de Feijóo dunha iniciativa ao respecto do BNG no Parlamento de Galicia. Unha paralización que supuña non seguir construíndo os dous edificios centrais do complexo, que ían destinados inicialmente a Teatro da Ópera e Centro de Arte.
Cinco anos máis tarde, o propio Feijóo rectificou a paralización coa súa decisión de reutilizar o xa construído para o primeiro e seguir levantando no seu lugar un bloque de oficinas para o consorcio das universidades galegas e organismos de investigación en materia de patrimonio, o denominado Edificio Fontán, que a Xunta agarda rematar este ano. Un Edificio Fontán que acabou sendo adxudicado a unha das empresas que ía levantar o paralizado Teatro da Ópera previo.
Na pasada campaña electoral, o propio Feijóo presentouse á vez como paralizador do complexo -salientando o aforro que as súas decisións supuñan a respecto da herdanza deixada polos gobernos de Fraga, do que el foi vicepresidente- e como garante da súa finalización -en actos dirixidos á cidadanía de Santiago, ante a que presentaba a súa decisión de facer o Edificio Fontán como mellor solución ao "socavón" deixado polo Teatro da Ópera-.
Por outra banda, no acto deste mércores a Xunta cuantificou en “preto de 6 millóns de visitas” as recibidas pola Cidade da Cultura nestes dez anos desde a súa inauguración, unha afluencia que só en 2019, último ano completo antes da pandemia do coronarivus, supuxo “máis dun millón de persoas, entre visitantes, turistas, usuarios dos servizos públicos e traballadores”. Isto é, como xa viña facendo nas súas memorias anuais sobre a actividade do complexo, o Goberno galego contabiliza como visitas os desprazamentos diarios ao Gaiás do persoal tanto da Xunta como das empresas privadas alí instaladas.
A Xunta aínda ultima un novo plan estratéxico do recinto para o período 2021-2027 dous anos despois de que rematase o anterior, elaborado con parágrafos plaxiados
De cara ao futuro, o conselleiro asegurou que tras a “fase de consolidación” que agora “remata”, dez anos despois da súa inauguración, “arrinca unha nova etapa baseada na expansión para chegar máis lonxe”. Segundo a Xunta, esta nova etapa “plasmarase no que será o segundo plan estratéxico da Cidade da Cultura”, para o período 2021-2027, un documento que chegará con dous anos de atraso tras o remate da vixencia do anterior pensado para o período 2012-2018. Aquel primeiro plan estratéxico tamén se aprobara dous anos despois de inaugurarse os primeiros edificios e contiña varios plaxios.