As exposicións do principal edificio do Gaiás recibiron o pasado ano 129.000 visitantes, case o dobre que un ano antes
Xunto cos principais datos económicos, a auditoría anual sobre a Cidade da Cultura que vén de facerse pública, na que se revela que vén de recorrer a un fondo de investimento para intentar obter máis xuros polos seus minguantes aforros, tamén consigna os principais datos da actividade do recinto. Xunto coa memoria anual que tamén vén elaborando permiten comprobar que 2019 foi o ano no que máis visitantes recibiron as exposicións celebradas no Museo Centro Gaiás, o principal edificio do complexo, cun total de 129.004, case o dobre que os 72.969 rexistrados o ano anterior, grazas fundamentalmente ás mostras sobre Galicia no mundo, Castelao e o fútbol no país.
A Cidade da Cultura non só recibe visitas polas súas exposicións senón que chega a cuantificar en 1.152.380 os visitantes en 2019, cifra na que se inclúen os desprazamentos diarios do persoal que alí traballa en diversos departamentos da Xunta ou espazos alugados a empresas privada. Pero o museo é o principal atractivo con diferenza das actividades de tipo cultural que acolle o recinto.
A mostra 'Galicia, un relato no mundo' recibiu 426 visitantes ao día
A exposición máis exitosa do museo é ata o momento Galicia, un relato no mundo, que se puido ver entre o 8 de novembro de 2019 e o 12 de abril de 2020, cun total de 43.035 visitantes, 426 por día, a media que emprega a Cidade da Cultura para poder comparar mostras con duración moi distinta. Boa parte deses visitantes non se contabilizaron en 2019 senón en 2020, polo que se o primeiro deses anos supuxo un récord para o recinto débese tamén a outras dúas mostras: Castelao maxistral (do 5 de outubro de 2018 ao 3 de marzo de 2019), con 40.295 visitantes en total, a metade en 2019, e Valor e mestría. Galicia como fútbol (do 15 de febreiro ao 1 de setembro de 2019), con 36.880 visitantes. Por detrás, tamén a mostra Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia (do 12 de abril ao 8 setembro de 2019) contribuíu ao ano récord con 29.643 visitantes.
Os eventos de acceso restrinxido de institucións e entidades privadas congregaron no Gaiás o pasado ano a 63.000 persoas, algo menos que as 71.000 dun ano antes
En anos anteriores, a mostra Auga doce celebrada en 2014 xa tivera unhas 40.000 visitas, e a 68.000 chegara Gallaecia Petrea, entre xuño de 2012 e marzo de 2013, pero nese caso a cifra contextualízase non só polos 253 días que estivo aberta (a media de 268 visitantes por día sería máis baixa que a de Galicia, un relato no mundo) senón por ser a primeira que acollía o recentemente aberto Museo, o que fixo que coñecer o propio edificio fose un aliciente para as visitas máis alá da exposición.
Outras exposicións con cifras destacadas de visitantes neste tempo foron Galicia universal, coas coleccións de arte de Abanca e Afundación, que recibiu 34.046 visitantes do 16 de marzo ao 14 de outubro de 2018, e Da árbore á cadeira, con 29.163 visitas do 7 de abril ao 5 de novembro de 2017.
Ademais das visitas ás exposicións e a outras actividades culturais, a memoria da Cidade da Cultura correspondente ao pasado ano segue consignando unha importante asistencia a eventos de acceso restrinxido de institucións e entidades privadas, con 63.074 persoas en 2019, algo menos que as 71.282 do ano anterior.