Unha ducia de pezas históricas do fútbol galego
A exposición Valor e mestría. Galicia como fútbol pecha esta fin de semana no museo Gaiás logo de varios meses e uns 40.000 visitantes. Unha completa mostra que resume a historia do deporte rei no país desde a primeira referencia a esta disciplina, en 1876, ata o último Mundial en Rusia, e que amosa memorables pezas entre as 300 que compoñen.
-
01
A camiseta do primeiro porteiro do Deportivo
Camiseta, botas ou boina de Salvador Fojón, primeiro porteiro do Deportivo, a principios do século XX. Detrás, réplicas das camisetas do Fortuna e o Vigo Sporting, que darían lugar ao Celta en 1923, e bandeira do Exiles, equipo de traballadores ingleses en Vigo, primeiro formado en Galicia
-
02
Deportivo da Coruña e Fortuna de Vigo, en 1907
Fotografía dos xogadores do Deportivo da Coruña e do Fortuna de Vigo, antes do partido do Campionato de Galicia e Asturias, en agosto de 1907, no Corralón da Gaiteira.
-
03
Os inicios da selección galega
Unha imaxe da selección galega de fútbol, en Coia, á súa chegada de Sevilla, onde vencera o 14 de xaneiro de 1923 a Andalucía na semifinal de seleccións rexionais. O combinado galego estreárase só un ano antes. Desde aquela, máis de vinte partidos e unha longa noite de pedra ata que foi recuperada en 2005, época contemporánea que tamén ten espazo na exposición.
-
04
Bebel García, o futbolista fusilado ao que Galeano dedicou un relato
A exposición ten un espazo dedicado ás consecuencias da guerra civil no fútbol galego. Entre as múltiples vítimas da represión, Bebel García, futbolista do Deportivo e militante socialista que foi fusilado en 1936 e ao que Eduardo Galeano dedicou un relato que se reproduce na mostra. A súa sobriña, Selva García, contou nunha entrevista en Praza.gal a traxedia da súa familia.
-
05
A primeira camiseta do Deportivo en cor
Virgilio Rodríguez, primeiro dianteiro e primeiro goleador da historia do Deportivo, é o protagonista dun lenzo de Francisco Lloréns de 1911 onde se representan por primeira vez en cor as cores do equipo coruñés, que lucía un azul máis claro do que logo sería habitual. O protagonista do cadro sería logo presidente do club en dúas etapas diferentes.
-
06
A primeira gran maleta do Celta
O fútbol consolídase e comézanse a organizar campionatos a nivel estatal que esixen grandes portaequipaxes para trasladar o material deportivo. Esta é a primeira gran maleta do Real Club Celta, unha das reliquias da exposición.
-
07
O Balón de Ouro de Luís Suárez
A mostra loce o único Balón de Ouro gañado por un futbolista nacido en España, o conseguido polo galego Luís Suárez en 1960. O coruñés foi dúas veces segundo e outra máis terceiro nos 60. En 1964, el, de Monte Alto, e o seu veciño do barrio dos Mallos, Amancio Amaro, ocuparon o podio deste prestixioso galardón, un fito histórico non dabondo lembrado.
-
08
Irene, a extraordinaria pioneira
Fotografía de Irene González Basanta que con só 16 anos fundou un equipo co seu nome, o Irene FC, onde xogaba de porteira xunto aos homes. Non hai constancia de ningunha muller fose futbolista naqueles anos 20. Morreu aos poucos anos de tuberculose e a súa figura inspirou unha cantiga popular: "Mamá futbolista quiero ser / para jugar como Irene que juega muy bien / Mamá cuando sea mayor/ ganaré mucho dinero jugando al fútbol”. Na mostra hai espazo tamén para os éxitos do Karbo ou de Verónica Boquete.
-
09
A camiseta de Formoso, o galego que xogou con Pelé
Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto ou Johan Cruyff. Eses foron algúns dos compañeiros de equipo de Santiago Formoso, descoñecida figura galega do fútbol, triunfador nos Estados e protagonista doutra emotiva experiencia da emigración. O seu incrible periplo vital foi recollido no documental Alén do Cosmos.
-
10
Os triunfos da emigración galega
Na imaxe, de branco, o coruñés Manuel Choréns, capitán da selección de Cuba no Mundial de 1938. Na edición de 1930, Cea e Fernández, orixinarios de Redondela, gañaron a copa co Uruguai. Como adestrador, o pontevedrés José Lago levou a Arxentina a gañar unha Copa América (1927) e unha prata olímpica (1928).
-
11
Os debuxos do Eiriña de Castelao
Castelao foi un grande afeccionado ao fútbol e colaborou na fundación do Eiriña, un dos equipos que daría lugar ao Pontevedra. O debuxante, política e escritor tamén fixo algunha ilustración de futbolistas da época, como esta de Telesforo que se puido ver na exposición do Gaiás.
-
12
Amancio Amaro, na selección mundial da FIFA
O coruñés Amancio Amaro foi, durante ben tempo, un dos mellores xogadores de Europa. En 1968 foi convocado pola FIFA para formar parte dunha selección mundial que xogou contra o Brasil no Maracaná. No seu equipo, Yashin ou Beckenbauer; no rival, Pelé, Gerson, Rivelino, Jair ou Carlos Alberto. Na imaxe, a camiseta que luciu naquel histórico partido.