Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto ou Johan Cruyff. Eses foron algúns dos compañeiros de equipo de Santiago Formoso, descoñecida figura galega do fútbol, triunfador nos Estados Unidos e protagonista doutra emotiva experiencia da emigración. O seu incrible periplo vital é o que recollerá o documental Alén do Cosmos, un proxecto que busca o último apoio en forma de financiamento para rematar unha historia de película.
Formoso amosouse "sorprendido" de que a súa historia nunca tivese repercusión en Galicia
Cuco Pino, Rubén Pardiñas e o xornalista Pedro Pablo Alonso están detrás deste proxecto que comezou hai xa dous anos. Daquela, Luís Timiraos -experto en fútbol internacional da TVG- comentou co seu compañeiro Pedro Pablo a existencia dun galego que xogara no mítico Cosmos, aquel conxunto que a base de fichaxes de grandes estrelas internacionais intentou consolidar o balompé (e o seu espectáculo) nos Estados Unidos. "Meu irmán vivía en Nova York e comezamos a investigar. Un día no Centro Galego, vendo un derbi entre Celta e Deportivo, preguntamos por el e confirmáronnos que aquel rumor era verdade; puxémonos en contacto con Santiago e aí comezou todo", conta este periodista da Radio Galega.
Desde o primeiro momento, Formoso mostrouse moi receptivo e incluso "sorprendido de que a súa historia non tivese nunca repercusión en Galicia". El, que non só formara parte daquel mítico equipo, senón que fora internacional coa selección dos Estados Unidos, coa que disputou uns Xogos Panamericanos e coa que a piques estivo de clasificarse para o Mundial de 1978 en Arxentina.
O galego marchou aos EUA con quince anos e acabou xogando no Cosmos e na selección norteamericana
Unha década antes daqueles éxitos, un rapaz de quince anos deixara o seu Vigo natal con destino a Nova York, onde se asentou coa enorme colonia galega de Newark. El, que despuntara no Santa Mariña -onde tamén xogaron Iago Aspas ou Jonathan Pereira-, conseguiu unha bolsa de estudo deportiva na Universidade de Pennsylvania que lle pagou os seus estudos ao tempo que se integraba no equipo de soccer.
Eran os tempos nos que os EUA intentaban converter aquel vello deporte europeo nun espectáculo americano que non daba agromado entre a cidadanía. Ata que o New York Cosmos teima na idea e aposta pola fichaxe de vellas glorias como Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto ou Cruyff. Tamén nese momento, Santiago Formoso ficha polo equipo da Gran Mazá. "Estivo no momento xusto e no lugar axeitado", conta Pedro Pablo Alonso, que destaca que o documental non é só unha historia de fútbol, nin moito menos.
O documental relata tamén a historia dun equipo "que se adiantou moitos anos ao fútbol actual de fichaxes millonarias e xiras asiáticas"
Porque o Cosmos foi o equipo "que se adiantou moitos anos ao fútbol actual de fichaxes millonarias, xiras asiáticas e merchandising". "Os xogadores eran tratados como estrelas de rock", engade o xornalista, que lembra algunha das mellores anécdotas que se poderán ver no documental sobre un equipo que era propiedade da Warner Bros. E notábase. "O Cosmos era un club de fútbol que se empregaba para vender discos, vídeoxogos ou introducir a Coca-Cola no mercado asiático", explica. "Fixeron o que agora fan Chelsea ou Real Madrid cando viaxan polo mundo", explica Alonso.
"O Cosmos era un club de fútbol que vendía discos, vídeoxogos ou introducía a Coca-Cola no mercado asiático"
E esta é tamén outra historia marabillosa da emigración e dos emigrantes galegos. Como a da asistenta de John Lennon ou a do xefe da policía de Newark. Un proxecto do que xa está completada a primeira parte, a que os seus autores gravaron en Vigo aproveitando unha das últimas visitas de Santiago Formoso a Galicia. A outra será en Nova York, pero para iso os autores piden axuda a través do crowdfunding.
"Os tempos están como están e é difícil que aposten por un", conta Pedro Pablo Alonso, que xunto aos dous compañeiros ten previsto viaxar aos EUA no vindeiro mes de xullo. Precisan 6.000 euros para pagar a viaxe e rematar o documental, o que inclúe tamén conseguir imaxes de arquivo dos partidos de Formoso co Cosmos, con quen xa negocian. Intentalo nas televisións foi imposible. Chegáronlles a pedir 1.000 euros por un minuto de partido.
Polo momento, Alén do Cosmos xa superou a primeira fase e disponse a recadar os cartos necesarios para completar esta interesante reportaxe. Agora xa hai televisións que se interesan por esta magnífica historia na que tres galegos levan anos traballando. Paga a pena axudarlles.