A Irmandiña volve. A selección galega absoluta disputará este venres en Riazor ante Venezuela o seu 23º partido desde que debutara hai case un século. Farao con camisola branca, segundo a Federación, en lembranza daquel uniforme coa cruz de Santiago no peito que o equipo lucira na súa estrea en 1922 ante o combinado Centro no campionato interrexional.
A selección galega disputará este venres o seu 23º partido na historia
Desde aquela, máis de vinte partidos para a selección dos mellores futbolistas do país e unha longa noite de pedra que durou máis do que tardou a ditadura franquista en desaparecer. Desde a chegada da democracia ao Estado e ata a volta da selección galega pasaron case 40 anos, que se suman aos outros 40 nos que, por cuestións obvias, calquera combinado que non representase a España estaba vetado.
Polo medio, varios intentos de recuperación, nomeadamente o que nos anos 90 encabezaron Siareiros Galegos e o movemento bravú, que mesmo fixo agromar en 1997 o álbum musical Selección Xa!, no que os dous actuais seleccionadores, Fran e Míchel Salgado, colaboraron poñéndolle voz aos temas que reivindicaban a volta do combinado galego. Xunto a eles, José Ramón e Nacho, ex lateral de Compostela e Celta e un dos máis firmes defensores do recoñecemento da Irmandiña.
Antes da reestrea de 2005, pasaran 66 anos sen que os mellores xogadores galegos se xuntasen nunha selección
Tiveron que pasar 66 anos ata que en 2005, o goberno bipartito da Xunta recuperara os partidos da selección galega no Nadal, eses que en Catalunya e Euskadi levábanse anos realizando. Catro partidos invictos ante o Uruguai (3-2), Camerún (1-1), Ecuador (1-1) e Irán (3-2) ata que o regreso do PP á Xunta detivo a curta historia da recuperada Irmandiña. O argumento económico e da "austeridade" foi o elixido por Núñez Feijóo para non apoiar a organización dos amigables, aínda que estes eran sufragados con patrocinios privados. Todo entre fortes críticas do seu Executivo e do seu partido ante uns encontros que cualificaban de "circo identitario" ou de "nulo valor deportivo", acusacións que aínda se repiten entre os populares.
Antes, o último encontro disputárase en 1939, no antigo estadio do Inferniño de Ferrol e ante o Racing con vitoria de 4-1 para Galicia. Xogaban naquel equipo Acuña, Pedrito, Chacho ou Chao, tal e como lembra Historia da selección galega de fútbol, de José Manuel Deza Rey. Foi o último dunha serie de encontros amigables que o combinado galego disputara desde 1923 ante outros equipos galegos e portugueses, seleccións rexionais ou outras como a de Lisboa, á que se enfrontou en varias ocasións.
O primeiro partido de Galicia disputouse o 19 de novembro de 1922 no Campionato Interrexional
Na temporada 1922-23, a da súa estrea, a selección galega reuníase por primeira vez para disputar o Campionato Interrexional, torneo oficial no que participaban as seleccións das federacións afiliadas á Real Federación Española de Fútbol e co que se pretendía confeccionar un combinado estatal para representar a España nos Xogos Olímpicos de 1924. Debutou o 19 de novembro de 1922.
Aquela selección derrotou o equipo do Centro -que representaba as provincias castelás- e a Andalucía (a ambos por 4-1) para caer na final ante Asturias por 3-1. Luís Otero e Pasarín eran as estrelas daquel equipo, que repetiu na seguinte edición do Interrexional, tamén denominada Copa Príncipe de Asturias, caendo en cuartos de final ante o combinado do Centro en Madrid.
Xa en 1936, o Comité Rexional Pro-Olimpíada Popular seleccionou un combinado galego para participar na Olimpíada popular de Barcelona, xurdida como resposta internacional aos Xogos de Berlín na época nazi. Pero o estourido da guerra civil deixou sen debutar un grupo de xogadores dos que, segundo a bibliografía, moitos deles quedarían na capital catalá para loitar xunto ao bando republicano.
Rafael Louzán, ex líder do PP en Pontevedra, recuperou a selección galega como presidente da FGF
Durante a ditadura, e agás algunha reunión de xogadores galegos para partidos de homenaxe, nada se soubo da selección galega. Nin tampouco nos primeiros anos da democracia, malia os intentos por recuperala. Non foi até 2005 cando regresou, cunha importante vitoria ante o Uruguai nun estadio de San Lázaro ateigado. Xogou tres partidos máis e, ante a negativa da Xunta e da Federación a organizalo, o colectivo Siareiros Galegos mantivo a chama acesa con encontros reivindicativos. Ata que, xa en 2016, o novo presidente da FGF e ex responsable provincial en Pontevedra do PP, Rafael Louzán, decidiu recuperar a Irmandiña. Ante Venezuela, xogará o seu partido número 23 e intentará manter a súa imbatibilidade desde que se reestreara hai xa once anos.