A selección regresa cun Galicia-Venezuela tras sete anos de desdén da Xunta

Anuncio do partido entre Galicia e Venezuela © Federación Galega de Fútbol

Podíase. Mesmo coa oposición aberta -ou, cando menos, coa displicencia- da Xunta e cun exbarón provincial do PP como máximo responsable do fútbol galego. O presidente da Federación Galega de Fútbol, antes titular da Deputación de Pontevedra e ata hai apenas un mes líder dos populares pontevedreses, Rafael Louzán, vén de anunciar que está en condicións de cumprir a promesa que lanzou pouco despois de acceder ao seu novo cargo: a selección galega volvería en 2016, antes da Eurocopa e fronte a Portugal ou un país sudamericano, adiantaba o pasado decembro entre dúbidas xeralizadas. E este sábado confirmou en declaracións á Radio Galega que a Irmandiña xa ten data para volver: o 20 de maio ante Venezuela nun estadio aínda por determinar.

As xestións co equipo latinoamericano, asegura Louzán, xa frutificaron "hai semanas" pero o acordo non puido ser anunciado ata agora porque a Federación Venezolana de Fútbol estaba pendente da presentación do seu novo técnico, que no seu primeiro acto como seleccionador, o pasado venres, xa incluíu o encontro fronte a Galicia no seu calendario de preparación da Copa América Centenario, que se xoga en xuño nos Estados Unidos. Lonxe dos receos do seu propio partido Louzán celebra o retorno "dunha selección histórica nun momento histórico" e enmárcao, ademais, no simbolismo da semana das Letras Galegas.

"A data escollida pola Federación non é casualidade", aseguran. Dado que o martes desa semana é 17 de maio, Día das Letras, "data na que se homenaxea a nosa cultura", tres días despois "celebraremos o gran día do fútbol galego con este encontro internacional", afirma. Sobre o campo, abonda Louzán, estará unha representación da que, "posiblemente, é a mellor xeración de futbolistas galegos". Nomes como Lucas Pérez, Iago Aspas, Hugo Mallo, Sergio Álvarez, Pedro Mosquera, Diego López, Denís Suárez, Iago Falqué, Joselu, Rodrigo, Roberto Trashorras, Lucas Vázquez ou Jonny son "exemplos que reflicten o nivel da nosa selección, salienta.

Louzán augura unha "selección histórica" na semana das Letras e avanza que tamén retorna a selección feminina

O encontro do 20 de maio non será, segundo a Federación, o último. Tras esa primeira "semana de festa" haberá outra, a da volta aos campos da selección absoluta feminina, cuxa recuperación, asegura, "está tamén moi avanzada". No seu caso o partido disputarase "máis adiante" porque "a competición ligueira dos nosos principais equipos aínda está en xogo" e porque a FGF aposta por separar ambos partidos. Trátase, di a FGF, de que o partido feminino de Galicia "teña protagonismo propio e especial, sen ter que compartilo co equipo masculino".

Freada dende 2009

O anuncio, xestións e mesmo a linguaxe de Louzán contrastan moi notablemente coa actitude e críticas lanzadas polo PP tanto na oposición ao Goberno de PSdeG e BNG como tras o seu retorno ao poder, cando pola vía dos feitos deixou a selección en vía morta tras o último partido co bipartito, en 2008 fronte a Irán. Aínda que os responsables da Federación cando Feijóo chegou á presidencia admitiron que durante o bipartito os encontros da selección eran financiados por patrocinadores, sen apenas impacto nas arcas públicas, Feijóo escudouse na "austeridade" para a eliminación detes encontros. "Temos que elixir, e a verdade é que aquel equipo da selección galega custou un millón de euros, e eu non estou para gastar un millón de euros niso", xustificaba o presidente.

Feijóo escudouse na "austeridade" para frear os encontros, aínda que estes eran sufragados con patrocinios privados

Os pretextos económicos foron acompañados dende a banda popular por duras críticas políticas, mesmo obviando que a selección chegou a ser animada por cargos do PP dende o palco de autoridades cando o bipartito a recuperou en 2005. Así, dende o actual goberno chegouse a cualificar os partidos do combinado galego de "circo identitario" con "nulo valor deportivo", caricatura de trazo groso que ligaba directamente coas trazadas polos populares na oposición, que chegaron a vincular a selección directamente coa violencia.

Así, por exemplo, poucos días despois do partido disputado pola Irmandiña no Nadal de 2007 o daquela voceiro do PP en materia cultural e deportiva e actual delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, respondía ao encontro da selección galega "solicitando de forma oficial" que a consellería de Cultura solicitase a celebración dun partido da selección española en Galicia. "Os afeccionados ao fútbol teñen todo o dereito a gozar dun partido entre seleccións nacionais" tras o "espectáculo lamentable" da galega, indicaba.

O PP chegou a cualificar a selección de "circo identitario" ou "espectáculo lamentable" do "nacionalismo radical"

Segundo afirmaban naquela altura os conservadores, a Xunta de PSdeG e BNG alentaba a selección galega para "utilizar o deporte como elemento ideolóxico para transmitr ideas do nacionalismo radical", unha "arma ideolóxica" que, afirmaba, ficara reflectida na Declaración de San Mamés, que a Xunta asinara xunto á Generalitat de Catalunya e o Goberno Vasco na defensa da oficialidade de cadansúas seleccións. Ademais, agregaba López Chaves, cabía preguntarse se existía "algún tipo de relación" entre a daquela conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo (BNG), e os incidentes de "grupos extremistas violentos" previos aos encontros.

Mantida dende o activismo e reclamada por profesionais

Durante os anos de veto institucional e federativo a reivindicación da selección galega mantívose en diversos eidos, principalmente no político e dende o activismo, pero tamén no deportivo. Así, dende a fin dos partidos da selección absoluta o colectivo Siareiros Galegos, que reivindica a oficialidade das seleccións galegas dende mediados dos 90, veu organizando partidos amigables e mixtos contra diversos combinados como Curdistán, o Sáhara ou, máis recentemente, Senegal. Estes encontros celebráronse acompañados de manifestacións, festas e outros actos reivindicativos.

Vero Boquete, Lucas Pérez ou Iago Aspas veñen apostando abertamente polo retorno da selección

Pero a reivindicación da selección estivo tamén viva dende o ámbito do fútbol profesional. Unha das voces máis constantes neste eido é a da considerada unha das mellores xogadoras do mundo, Verónica Boquete, que nunha entrevista con Praza resaltaba que "os partidos da selección galega servían para promocionar o fútbol feminino; os homes non necesitaban ese partido pero nós, si", resumía. Do mesmo xeito, referentes do fútbol galego masculino como Lucas Pérez, do Deportivo, ou Iago Aspas, do Celta, amosáronse nos últimos meses abertamente favorables ao retorno da selección e á súa participación nela.

A selección galega, en 2007 © Vieiros
Xogadoras da Irmandiña, en 2007 © Vieiros
Xogadores da selección, celebrando un gol © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.