Volve a Irmandiña! Oito anos despois do seu último partido (o 20 de maio de 2016 en Riazor ante Venezuela), a selección galega masculina de fútbol xogará este venres un novo encontro amigable, desta volta en Balaídos ante Panamá (20h, TVG), nun partido que contará con varias sorpresas, coma a interpretación do himno galego a cargo das Tanxugueiras. O partido deste venres será o sexto sa selección masculina dende o Galicia-Uruguai que inaugurou a xeira moderna do combinado galego, que ten con todo un percorrido máis dilatado, con máis de vinte encontros dende hai un século.
Uruguai (2005), Ecuador (2006), Camerún (2007), Irán (2008) e Venezuela (2016), foron os rivais galegos nestes encontros
Uruguai (2005), Ecuador (2006), Camerún (2007), Irán (2008) e Venezuela (2016), foron os rivais galegos nestes encontros, unha lista á que agora se engade Panamá, selección que a partir do 20 de xuño xogará a Copa América e que busca tamén clasificarse para o Mundial de 2026. Cinco partidos xogados en Satiago, A Coruña e Vigo nos que Galicia non coñece a derrota (dúas vitorias e tres empates).
O último partido da selección galega foi no ano 2016, hai oito anos e despois de oito anos de espera.
O impulso á Irmandiña a cargo do Goberno de PSdeG e BNG, coa organización do Galicia-Uruguai aos poucos meses de constituír o Executivo, supuxo o retorno da selección galega despois de 66 anos dunha longa noite de pedra dende un último encontro xogado en 1939. A organización anual de partidos da selección no Nadal rematou en 2008 despois do triunfo de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións de 2009. Tiveron que pasar oito anos para que a Federación Galega de Fútbol organizase o Galicia-Venezuela en 2016 e, de novo, outros oito para chegar a este Galicia-Panamá.
Unha selección que se segue a chamar A Irmandiña, unha denominación que partiu dun concurso de ideas lanzado por Vieiros, TVG e Radio Galega en 2007, con propostas dos afeccionados que finalmente foron valoradas e seleccionadas por un xurado de xornalistas de varios medios, que se acabaron por decantar por este nome. Como curiosidade, outras das denominacións propostas foron tropas de Breogán (que chegou a estar na deliberación final), A pataca mecánica, A Santa Compaña, Selección Bravú, O grelo mecánico, A nosa, A salgada ou Estrellas de Jalisia.
A Federación prevé que a selección feminina tamén volva xogar "antes de que remate o ano"
A Federación Galega de Fútbol prevé que a selección feminina tamén volva xogar "antes de que remate o ano". Así o transmitiu á Plataforma Vía Galega, que sinalou que "ante a nosa preocupación por non ter fixado ningún partido da selección feminina de fútbol afirmaron que non fora posíbel polo calendario dalgunhas xogadoras, mais comprometéronse a que antes de rematar o ano a nosa selección feminina terá partido internacional", explica a entidade. O último partido das Irmandiñas foi tamén en 2016, ante Catalunya.
Galicia-Uruguai (2005) 3-2
O día de Nadal de 2005 San Lázaro encheuse para ver o primeiro partido da selección galega. O rival era nada meno que Uruguai, dobre campiona do mundo e cunha estreita relación con Galicia a través da emigración. Tamén se barallara Portugal. Para a ocasión encargouse a Pepe Barro o deseño das camisolas e a Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias a dirección técnica da selección. Foi un partido histórico que chegaba despois de anos de reivindicación a cargo de Siareiros Galegos e outros colectivos e no que xogaron Otero e Michel Salgado, pero non Fran, que se retirara poucos meses antes, nin Nacho.
Galicia foi moi superior e chegou a ir gañando por 3-0 con goles de Nano e Deus (en dúas ocasións), aínda que finalmente a selección charrúa recurtou diferenzas con tantos de Pereira e Albín.
Galicia-Ecuador (2006) 1-1
O segundo partido da selección galega foi, doce meses despois, ante Ecuador, que viña de xogar os Oitavos de Final do Mundial de Alemaña. Foi en Riazor, ante preto de vinte mil persoas, onde o combinado galego de novo dirixido polo tándem Fernando Vázquez-Arsenio Iglesias, empatou ante os ecuatorianos. A selección suramericana adiantouse no minuto 63 por mediación de Calle, pero Galicia empatou cinco minutos despois cun tanto de Jonathan Pereira.
Galicia-Camerún (2007) 1-1
O partido ante Camerún, no Nadal de 2007, supuxo a estrea a denominación da Irmandiña, despois do concurso de ideas que levaron a cabo Vieiros, TVG e Radio Galega. Ademais, era o debut de Balaídos como escenario e a afección do sur de Galicia respondeu á chamada, con máis de vinte mil seareiros no estadio vigués.
Porén, algunhas cousas saíron mal esa noite, comezando pola ausencia de Samuel Eto'o, a estrela camerunesa, que non obtivo o permiso do F.C.Barcelona para xogar. A ausencia do barcelonista implicaba un pagamento menor a Camerún (así estaba establecido no contrato) e os xogadores africanos negáronse durante dúas horas a saír ao campo, en desacordo coa prima ofrecida pola súa federación, o que deixou agardando aos milleiros de afeccionados que se deran cita en Vigo.
Finalmente houbo acordo (a directora xeral de Deportes tivo que ir ao hotel da expedición camerunesa para mediar entre federación e xogadores) e o partido puido comezar, saldándose cun empate a un gol, ambos tantos marcados de penalti, primeiro por Julio Álvarez e despois por Song.
Galicia-Irán (2008) 3-2
En 2008 o partido da selección galega no Nadal establecérase xa coma unha tradición anual, ao igual que os das seleccións catalá ou vasca. Aquela noite en Riazor, cunha entrada máis modesta (oito mil persoas), ninguén podía prever que sería o último partido da Irmandiña en oito anos.
O rival era Irán, que tamén viña de xogar o Mundial de Alemaña, aínda que nun principio o obxectivo era que o partido fose contra Chile. Galicia gañou nun partido no que o dianteiro ferrolán do Glasgow Rangers, Nacho Novo, foi a grande estrela, con dous goles, ao que se sumou un terceiro do chino Losada. Novo viña de xogar, poucas horas antes, o gran derbi escocés ante o Celtic.
Galicia-Venezuela (2016) 1-1
O último partido, ata agora, da selección galega chegou por fin no ano 2016, hai oito anos e despois de oito anos de espera. De nada valeron as iniciativas de Siareir@s Galeg@s, que chegaron a organizar encontros anuais entre unha selección galega mixta (formada por futbolistas pertencentes aos clubs da Segunda División B, da Terceira División e das ligas femininas) ou as conversas para xogar un Galicia-Catalunya que tampouco frutificaron.
Finalmente, a Federación -dirixida por Rafael Louzán- anunciou o regreso da selección, que contou co impulso de Iago Aspas e Lúcas Pérez e para a que foron designados adestradores Fran e Michel Salgado. Un combinado galego renovado empatou con Venezuela en Riazor ante 18.000 afeccionados. Iago Aspas adiantou á Irmandiña e no minuto 92 Martínez igualou o encontro.