“O de hoxe vai máis alá do deportivo, é un sentimento de representación do pobo galego e de como se vive aquí en Galicia o fútbol”. Falta unha hora para que comece o partido da selección galega masculina de fútbol e Diego baixa pola Avenida de Castrelos en dirección a Balaídos co seu fillo “facendo canteira”. Desta vez non toca ver un partido do Celta, pero a ilusión é case maior.
Ambiente totalmente festivo no barrio vigués de Balaídos, terrazas cheas e a xente arredor do estadio bailando a música da Duendeneta. Un grupo de seguidores da Irmandiña que vén da Arousa refréscase antes de entrar para ver as Tanxugueiras cantar o himno galego. Xambo xa estivo no primeiro partido contra Uruguai en 2005 e agora trae con el a súa filla.
“Para min a galega é a miña selección. Hoxe o que importa é o significado do partido e de que xogue a selección, máis que quen xogue e cal sexa o resultado, aínda que sempre queremos gañar. Se perdemos non imos ir tristes para casa porque viñemos celebrar”, conta Xambo. O arousán ten claro que “quen goberna agora a Xunta non lle pon moito interese á selección”, motivo polo que é o primeiro partido en oito anos.
Iago tamén vén no mesmo autobús desde a zona da Arousa para gozar do partido contra Panamá porque a galega é a selección que o representa: “É un equipo para un país”. “Como miro un partido de Francia ou de Portugal vexo os da selección española, e non teño nada en contra, pero a min a que me representa é a galega”, afirma. Ademais, para Iago esta cita serve para mostrar a irmandade entre os seguidores do fútbol galego. “Teño un amigo que veu coa camiseta do Celta e xa lle botei unha reprimenda porque hoxe non é día para iso, eu son celtista pero creo que hoxe é o día para levar todos a mesma camiseta”, apunta.
O Galicia-Panamá foi o primeiro partido para moitas crianzas que agardaban acceder a Balaídos, como é o caso de Eidan, de dez anos, que ía ver a selección galega coas súas tías. As dúas xogaron o fútbol en categorías infantís e xuvenís, como fai agora o seu sobriño. “Está ben que se unifique o fútbol galego, sempre hai piques e rivalidades, pero teñen que ser sas. Dá gusto camiñar por Vigo e ver camisetas do Celta, do Dépor e da selección galega todas xuntas e sen ningún tipo de conflito”, sinala Sandra.
Sandra xogou coa selección galega feminina en categorías sub-16 e sub-18 e agarda que “para a próxima non tardaran outros oito anos en xogar e volvera tamén, á parte da masculina, unha selección feminina”. “A xente quere selección galega, está claro, porque responde. Canteira hai moita, tanto de homes como de mulleres. Fai anos eran contadas as rapazas que saían e agora co Celta feminino serán máis. É unha moi boa nova, que chega con moitos anos de retardo, pero esperemos que lle dea pulo ao fútbol feminino tamén”, debulla.
Helena e Martinho chegan a Balaídos tras participar na manifestación convocada pola plataforma Vía Galega, que baixou desde a Praza de América baixo o lema Galiza nación, unha selección. “Temos que celebrar que despois de tantísimos anos teñamos por fin á nosa selección galega competindo, neste caso con Panamá. É un día de festa no que mostramos a nosa simboloxía nacional sen ningún tipo de complexo nunha cidade como Vigo, que é unha cidade obreira que vive tamén deste espírito festivo”, afirma Helena. “O ambiente está sendo moi bo, moitas bandeiras e moita ansia do partido”, engade Martinho, coa bandeira galega pintada na cara e a kufiya no pescozo.
Moita xente que normalmente non vai ver o fútbol en directo estaba este venres en Vigo para vivir a experiencia de ver xogar a Irmandiña. “Eu non son futbolera pero estou gozando moito da previa e de todo este ambiente con bandeiras do país, reivindicando unha nazón, unha selección e con tanta xente nova neste día marabilloso”, conta Iria, que a pesar de non seguir o deporte, é repetidora nisto de ir a un partido da selección galega.
“Non nos podiamos perder este partido porque aínda que haxa selección española, a galega é a que máis nos representa. Sen dúbida”, celebra Borja, que goza da previa ao partido nos bares próximos a Balaídos. “Xa vin algún compañeiro que é cerrado do Deportivo e outro que é cerrado do Celta e están os dous coa súa camiseta bebendo unha cervexa xuntos. Un día normal é complicado ver iso, por moito que sexan amigos aí sempre hai chispas”, destaca.
“Estou emocionado porque ao mellor non vemos outro partido ata dentro de moito tempo”, di Daniel, socio do Celta, que vai ver o partido coa súa nai, Beatriz. Daniel tiña cinco anos no anterior encontro disputado pola Irmandiña e confesa que está a ser moi boa experiencia poder ver a selección do país.
Tamén no mes de maio, pero de 2016, a Irmandiña xogou contra Venezuela en Riazor. Daquela Adrián vivía fóra de Galicia, pero volveu porque non se podía perder o partido. Agora repite en Balaídos cun grupo de amizades que vén de Caldas de Reis. “A selección debera ter máis partidos e deberamos ter máis oportunidades de vela”, di Adrián. “Creo que a vasca xoga cada ano, nós non temos nin esa oportunidade”, apunta Paco.
“Futbolistas de nivel temos, hai galegos en todos os lados. Isto só é politiqueo”, incide Paco para describir a situación. O certo é que o partido resultou algo accidentado. Iago Aspas finalmente non puido xogar por molestias nunha perna e un dos xogadores da selección panameña tivo que saír do campo por lesión nun xeonllo. Os goles liquidáronse na primeira parte, foron dous e de Panamá, pero como di Adrián, “o de menos é o resultado”.