Das celebridades da "outra Irmandiña" ao himno das Tanxugueiras: o programa da festa da selección

Presentación das actividades paralelas ao Galicia-Panamá, cos participantes no acto amosando a camisola conmemorativa editada pola Federación © FGF

O día 31 volve a selección 8 anos despois. O Galicia - Panamá absoluto masculino (Balaídos, 20h), desta volta coa Irmandiña dirixida por Diego Martínez dende o banco, pretende recuperar o espírito de festa do fútbol galego que tiveron algúns dos anteriores encontros. De aí a programación paralela que vén de presentar a Federación e que culminará, nos prolegómenos do encontro, coa interpretación do himno galego ao cargo das Tanxugueiras.

Nun partido que xa ten a súa camisola conmemorativa e tamén un cartaz artístico específico, deseñado pola pintora viguesa María José Pulido, a RFGF confirma que dende dúas horas antes estará aberta na contorna de Balaídos unha fan zone da selección. Alí combinaranse espazos infantís con inchables coa música dun DJ e mais unha pequena exposición fotográfica do anterior partido da selección, fronte a Venezuela en Riazor en 2016.

As Tanxugueiras, anunciando que cantarán o himno no partido da selección

Entre esas actividades paralelas inclúese tamén o partido d'A outra Irmandiña. Trátase dun grupo de actores, actrices e outras persoas vinculadas ao mundo artístico e audiovisual, así como xornalistas ou ex-xogadores que xa se xuntaran en anteriores ocasións para, por exemplo, disputar partidos marcados polo bo humor horas antes de encontros entre o Celta e o Deportivo da Coruña.

A Xunta vincúlase ao regreso da selección a través do secretario da Lingua, Valentín García, que pon o foco no "orgullo de que as Tanxugueiras sexan as encargadas de interpretar o himno galego nun día tan especial para todos"

Desta volta, no campo de Coia, o propio venres 31 ás 12h30, xogarán da man do seu particular seleccionador, Xosé Antonio Touriñán, que en conferencia de prensa adiantou algúns dos nomes este luns, na véspera de que Diego Martínez divulgue a convocatoria real. Saltarán ao campo Antonio Durán Morris, Sonia Méndez, os Boyanka Kostova, David Perdomo, Nacho Carretero, Dani Mallo ou Roberto Lago. Trátase, resume Touriñán, de "pasalo ben, botar unhas risas" e contribuír a esa "festa do fútbol galego".

A presentación destas actividades paralelas tivo tamén unha relevante presenza, por contraste coas ausencias do pasado. A Xunta volve ligarse á selección galega, nesta ocasión a través da Secretaría da Lingua (a que durante décadas e ata este luns foi Secretaría Xeral de Política Lingüística) cuxo titular, Valentín García, puxo o foco no "orgullo de que as Tanxugueiras sexan as encargadas de interpretar o himno galego nun día tan especial para todos". Cada asento do estadio, resalta a Federación, terá unha copia da letra "para que a afección acompañe ás Tanxugueiras durante a interpretación".

Once titular da selección ante Venezuela en 2016 © FGF

As entradas para o Galicia - Panamá están á venda a través de internet por prezos de 10 a 30 euros. A Federación lembra que tamén estarán dispoñibles nas billeteiras de Balaídos o propio venres.

Manifestación pola oficialidade das seleccións

Vía Galega e Bancadas pola Oficialidade chaman a manifestarse ás 18h30 dende a Praza de América polo dereito a competir internacionalmente das seleccións galegas

Alén da programación oficial do partido e as súas actividades paralelas, o regreso da selección tamén ten a súa vertente reivindicativa, desta volta canalizada a través da plataforma Vía Galega. O colectivo convoca unha manifestación dende as 18h30 deste venres dende a Praza de América baixo o lema Galiza nación, unha selección, para reivindicar "o dereito a competir internacionalmente" das seleccións galegas "e competencias lexislativas plenas para que os nosos e as nosas deportistas teñan máis oportunidades".

A manifestarse pola oficialidade das seleccións animan tamén, no mesmo lugar e á mesma hora, algo máis de medio cento de peñas de equipos de fútbol de toda Galicia agrupadas en Bancadas Pola Oficialidade. "Deixando de lado as rivalidades e as cores, facemos un chamamento a todos siareiros a que acudan a apoiar a nosa selección nacional e que o día 31 de maio se converta nunha xornada de festa, reivindicación e convivencia", subliñan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.