Había gañas de selección. Comprobouse o venres nas bancadas de Riazor, onde case 20.000 persoas acompañaron á Irmandiña malia tratarse do serán dunha xornada laborable. E comprobouse, tamén, na retransmisión da Televisión de Galicia. Non en van, o encontro entre Galicia e Venezuela foi líder de audiencia na súa franxa horaria, non só superando as canles de ámbito estatal en pleno prime time, senón tamén rematando o día por riba dun dos espazos estrela da canle pública galega, o Luar.
Segundo os datos oficiais de audiencia do pasado venres, aos que tivo acceso Praza.gal, a retransmisión do regreso da selección galega acadou unha cota media de pantalla do 22,5% e tivo un promedio de 178.000 espectadores. O seguimento do encontro foi medrando dende o seu inicio. Así, comezou roldando o 20% tras unha previa que estivo na contorna do 10% e, contra o final, cando a vitoria de Galicia semellaba asegurada -Venezuela empatou no minuto 92-, roldou o 30%.
O partido da selección foi o programa co que a TVG logrou máis audiencia nesa xornada en termos absolutos e o segundo en cota de pantalla, só superado polo Telexornal Mediodía, o espazo que obtivo maior share ese venres, o 24%. Tivo, asemade, máis atención da audiencia que o Luar, emitido xusto a continuación.
O partido da selección superou o 22% de audiencia e converteuse no espazo máis visto da xornada en Galicia
O programa musical conducido por Xosé Ramón Gayoso chegou ao 15%, cun promedio de 120.000 espectadores. A retransmisión da selección, un dos espazos máis seguidos na canle pública no que vai de ano, contribuíu ademais a que ese venres a Galega fose a canle autonómica con maior cota de pantalla do Estado. Boa mostra do bo dato que supón un 22,5% nun panorama televisivo de gran fragmentación é que, por exemplo, o espazo máis visto do día nas canles estatais, no primetime de Telecinco, roldou o 18% de cota.
A acollida da selección por parte da afección foi tamén recoñecida dende a Federación Galega de Fútbol, que definiu o partido como un "rotundo éxito". Tanto o presidente do organismo federativo, Rafael Louzán, como os seleccionadores, Fran e Míchel, amosaron a súa vontade de "repetir" nun novo encontro.