0 Gardados para despois

Galicia brilla e promete continuidade na festa do fútbol da terra

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Marcou Iago Aspas, ídolo celtista, e Lucas Pérez, ídolo do Deportivo, correu a abrazalo mentres todo Riazor berraba o primeiro e único gol da selección galega. Continúa invicta na súa etapa moderna pero mereceu moito máis do empate que Venezuela acadou na última xogada do partido (1-1). Galicia brillou e foi moi superior nun partido que rematou entre o Miudiño e A Rianxeira. Unha festa acompañada polo xogo atractivo dun equipo despedido entre ovacións por unha bancada que demostrou ter ganas de Irmandiña. 

Galicia, moi superior, mereceu moito máis que un empate ante unha pobre Venezuela que empatou na última xogada

Malia as numerosas baixas e a adaptación de futbolistas a posicións aos que non están tan afeitos -Bergantiños e Mallo foron os centrais titulares-, Galicia amosou o seu nivel ante un rival en plena preparación para a Copa América. Gozaron os futbolistas e gozou a bancada, consciente de estar ante a que quizais sexa a mellor xeración de futbolistas galegos. 

Advertiran os seleccionadores da necesidade -case obrigatoriedade pola calidade dos seus- de saír ao ataque e apostar polo xogo ofensivo. E abofé que o fixeron. Con Lucas e Aspas como arietes, Galicia puxo en serios problemas a Venezuela desde o inicio ante un Riazor que non alcanzou o cheo pero que si viviu un ambiente festivo e de irmandade con arredor de 18.000 persoas. Afeccionados celtiñas, deportivistas e do resto de equipos galegos chegados de todo o país puideron animar case oito anos despois un único equipo que non desentoaría para nada na escena internacional. 

Riazor non alcanzou o chego pero unhas 18.000 persoas gozaron dun ambiente festivo e de irmandade

Sobraba clase no ataque, dirixido con mestría pola calidade de Jota e Denís e soportado atrás por Mosquera e Fran Rico. Impuxéronse no medio e a defensa, a máis mermada polas ausencias, non sufriu nada ante unha Venezuela inexiste e animada por unha importante representación de afeccionados. No palco, os tres alcades das mareas e un presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que tivo que escoitar máis dun apupo e algún cántico de desaprobación desde as bancadas. 

Denís Suárez, despedido cunha enorme ovación por Riazor, comandou o fútbol combinativo e rápido da Irmandiña, rebordante de calidade e que errou varias ocasións nas que puido sentenciar o partido. Non houbo cores máis aló dos da selección nun encontro no que deportivistas ovacionaron a Aspas ou Mallo e celtistas rendéronse a Bergantiños ou Lucas. "Esta é a nosa selección", berraban desde os fondos

Denís Suárez, que saíu ovacionado, comandou o fútbol ofensivo e combinativo

As subidas de Mallo e Angeliño polas bandas e o mandar de Mosquera superaron en todo a unha Venezuela que só ao final, nun despiste de última hora da defensa, puido amañar algo un partido no que foi moi inferior. Mesmo Pape, con apenas minutos en Primeira, tivo tempo a demostrar podería no mediocampo e contribuír a un conxunto ao que lle anularon varios goles por fóra de xogo e que acabou con ata tres dianteiros no once. 

"En canto rematou o partido, os xogadores pediron xogar outro. Eles queren estar xuntos", dixeron Fran e Míchel Salgado

De Catoira, á Coruña. De Vigo a Coristanco. De Marín a Portonovo. De Moaña á Pobra. O fútbol galego deu mostra do seu potencial sen necesidade tan sequera de contar con figuras que serían titulares en calquera equipo de nivel. Só fallou o resultado, pero mantívose invicta a Irmandiña na súa época moderna e acumulou un novo empate. Amosou orgullo e retirouse ovacionada, citando os seus seareiros para unha próxima ocasión. Porque desta vez parece que será axiña. "A Selección Galega terá continuidade", dicía a Federación de Fútbol no seu Twitter e o seu presidente, Rafael Louzán, nada máis rematar o encontro. "En canto rematou o partido, os xogadores pediron xogar outro. Eles queren estar xuntos", manifestaron logo os seleccionadores Fran e Míchel Salgado. Paga a pena.  

Un intre do partido da selección en Riazor / CC-BY-SA GZ Foto

Galicia e Venezuela no momento dos himnos

Once titular da selección

Iago Aspas, nun intre do encontro

Lucas, ante un xogador de Venezuela

Aperta entre os xogadores da selección, tras o gol

Aperta entre Aspas e Lucas, tras o gol

Vestiarios da selección en Riazor

Saída dos xogadores ao campo

A bandeira galega, no inicio do encontro

Rosa Cedrón, interpretando o himno galego

Palco de autoridades, tras o canto do himno

O banco de Galicia

Siareiros da selección

Un intre do encontro

Marcaxe de Lucas a Venezuela

Afección nas bancadas

Afección venezolana e galega

Cambados segue coa selección

Galicia - Venezuela

Partido da selección galega ante Venezuela en Riazor.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.