A selección masculina de fútbol en categoría absoluta xogará o 31 de maio ante o combinado centroamericano, nunha localización aínda por decidir pero con Balaídos como favorito. Anunciouno este martes a FEG, que nos vindeiros días dará a coñecer o adestrador que dirixirá a Irmandiña
O 20 de maio de 2016 o estadio de Riazor foi unha festa. A selección galega empatou (1-1) ante Venezuela nun partido que supuxo o regreso do combinado oito anos despois do que fora o último partido (en 2008 ante Irán). Uns meses máis tarde tivo lugar o retorno da selección feminina. Tiveron que pasar oito anos máis para ter de novo un partido da selección masculina en categoría absoluta. Será o venres 31 de maio ante Panamá, segundo fixo público este martes a Federación Galega de Fútbol.
Descoñécese aínda o estadio no que se xogará o partido, que será anuciado nos vindeiros días, aínda que o de Balaídos parte como favorito. Tampouco se coñece de momento o adestrador ou adestradores que dirixirán o combinado galego, sucedendo a dupla formada por Míchel Salgado e Fran González. O que si se adiantou este martes é que a Irmandiña estará liderada por Iago Aspas e Lucas Pérez, os dous xogadores máis emblemáticos do país en activo.
A Federación di que o partido "dá resposta á demanda da afección galega, dos propios futbolistas e tamén dos medios de comunicación, que piden de maneira insistente a celebración de partidos da nosa selección"
A Federación fixo público a data do partido e a identidade do rival nun fermoso vídeo difundido este mediodía a través das súas redes sociais. A entidade presidida por Rafael Louzán sinala que deste xeito "dá resposta á demanda da afección galega, dos propios futbolistas e tamén dos medios de comunicación, que piden de maneira insistente a celebración de partidos da nosa selección".
A Federación espera que este partido sexa "de novo un día grande para o noso fútbol, a festa de todo o fútbol galego, un día histórico no que poidamos sentirnos orgullosos dos nosos futbolistas, dos nosos clubs e do noso deporte en xeral". Engade, ademais, que "contamos cunha excepcional xeración de xogadores que a RFGF confía en poder reunir para esta cita histórica".
O rival
Panamá é unha selección en crecemento que, por exemplo, estivo presente na Fase Final do Mundial de Rusia 2018. Este verán xogará a Copa América, que comeza o 20 de xuño
Panamá é unha selección en crecemento que, por exemplo, xogou a Fase Final do Mundial de Rusia 2018. Quedou fóra da cita de Qatar en 2022 pero agora vai disputar o clasificatorio para o Mundial de 2026, que se celebrará en EEUU, México e Canadá. Ademais, recentemente foi semifinalista da Liga das Nacións da Concacaf, perdendo en semifinais con México.
Tamén xogará este verán a Copa América, que ten como sede os Estados Unidos. A competición comeza o 20 de xuño e, polo tanto, o partido con Galicia forma parte da súa preparación. A selección panameña está adestrada polo o exfutbolista do FC Barcelona Thomas Christiansen.
A historia da selección galega
A selección galega de fútbol xogou 23 partidos na súa historia, dende o seu debut en 1922, hai algo máis dun século. Esta traxectoria inclúe longos períodos de seca, por suposto o que significou a ditadura franquista, pero tamén nas décadas seguintes.
En 2005 o goberno da Xunta recuperou os partidos da selección galega no Nadal
En 2005 o goberno da Xunta recuperou os partidos da selección galega no Nadal, cun primeiro encontro ante Uruguai (3-2), ao que seguiron os de Camerún (1-1), Ecuador (1-1) e Irán (3-2). Despois deste último partido no ano 2008, Galicia non volveu xogar ata ese ano 2016 ante Venezuela. Oito anos de ausencia que de novo se repetiron entre 2016 e 2024.