Máis dun cento de autocares e máis de 5.000 pesoas chegarán á Coruña desde diferentes puntos de Galicia para presenciar este venres a reestrea da selección galega de fútbol ante Venezuela máis de oito anos despois. Entre os desprazamentos impulsados pola Federación Galega (FGF), que puxo a disposición dos clubs de fútbol os autobuses, e os organizados por varios colectivos de afeccionados, o estadio de Riazor apunta a unha boa entrada para este amigable.
Máis dun cento de autocares desprazaranse a Riazor desde diferentes localidades galegas
Xogadores novos e representantes dos clubs son, tal e como informa a FGF, os "principais demandantes" das prazas habilitadas pola entidade para a viaxe ao partido, pero a elas tamén se sumaron peñistas galegos, así como afeccionados venezolanos que viven en Galicia e que acudirán tamén a animar a súa selección. Suman, en definitiva, unha "extraordinaria cifra", que non chegará no entanto para alcanzar o cheo nun recinto con máis de 33.000 asentos. O ritmo de venda de billetes é continuo desde hai días, aínda que ainda non hai datos oficiais sobre o número de entradas vendidas nos diferentes puntos.
Será unha boa entrada para animar unha selección galega que se concentrou xa este xoves nun hotel coruñés e que adestrará á tarde no estadio de Riazor. Non estarán todos os citados nun principio. Dos 20 convocados, cinco caeron da lista por diferentes motivos: Barragán, Trashorras e Roberto Lago, por lesión; e Santi Mina, por ter que realizar unha xira co Valencia, e Álex López, que disputará a final do play-off de ascenso á Premier co Sheffield Wednesday. Estas baixas de última hora únense ás xa previstas de Diego López, Andrés Túñez ou Lucas Vázquez, por ter tamén compromisos cos seus equipos.
Os célticos Pape Cheikh e Alende uníronse á selección logo das baixas de última hora de Lago, Tashorras, Barragán, Santi Mina e Álex López
Para completar a lista, que polo momento é de tan só 17 xogadores, os técnicos Míchel Salgado e Fran chamaron os futbolistas do Celta Pape Cheikh e Diego Alende. Son as novidades, aínda que desde a dirección deportiva da FGF procuraron a chegada doutros futbolistas que completase a convocatoria, logo de intentalo en balde con algún de Segunda División como Pablo Insua ou futbolistas do Lugo.
Entre os convocados está Álex Bergantiños, que será o capitán da Irmandiña e que é o único futbolista que repetirá con respecto ao último encontro contra Irán, cre "bonito xuntar tantos xogadores de bo nivel, galegos e da terra" e que está seguro de que os afeccionados que acudan a Riazor sentiranse "moi identificados" con todos eles. Iago Aspas, goleador do Celta, manifestou, ao igual que o coruñés, o seu "orgullo" por compartir equipo con futbolistas "de tanta calidade" e por representar a Galicia.
Os elixidos enfrontaranse a un difícil equipo venezolano, que leva varios días xa de adestramento en Galicia e que permanece concentrado en Sanxenxo. O seu himno, ao igual que o de Galicia, será cantado no estadio de Riazor por Rosa Cedrón, tal e como anunciou a FGF, que dixo querer contar coa ex de Luar na Lubre por ser "unha das mellores voces galegas". No palco haberá autoridades, aínda que na axenda do presidente Feijóo non aparece o encontro.