"É a mellor selección da historia". Dio convencido Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF), ao ser preguntado polo nivel da combinado galego que o vindeiro 20 de maio regresará aos campos logo de máis de sete anos de ausencia. É, se cadra, a mellor época en canto a número e calidade dos futbolistas autóctonos na elite. Tan só os anos 60, con tres galegos liderando o primeiro título da selección española e dous máis partícipes daquela Eurocopa do 64, estarían á altura. Daquela, os coruñeses Luís Suárez e Amancio e o aresán Marcelino eran figuras mundiais nun conxunto no que o lucense Reija e o compostelán Veloso tamén contribuíron ao éxito.
O actual nivel dos xogadores galegos só é comparable ao dos anos 60, con Luís Suárez, Amancio, Marcelino ou Veloso
Non hai dúbida do enorme caladoiro de futbolistas do que agora disporán os próximos seleccionadores galegos, presumiblemente Fran e Míchel Salgado, representantes dunha época -os 90 e os 2000- onde os notables éxitos de Deportivo e Celta coincidiron coa peor etapa para a canteira galega. Chegaron a disputarse derbis sen ningún futbolista da terra no campo. Na volta da Irmandiña aos terreos de xogo, coa chegada do goberno bipartito á Xunta, xuntar un once titular obrigaba a buscar entre os fillos da emigración, como no caso do mundialista suízo Ricardo Cabanas, e mesmo xogadores cuxa orixe galega era máis unha casualidade no DNI que unha pertenza ao fútbol base de Galicia.
Galicia non poderá contar cos futbolistas de Segunda o vindeiro 20 de maio e pode que tampouco con Denís ou Lucas Vázquez
Non é o caso agora. Celta e Deportivo contan con futbolistas galegos claves nos seus respectivos equipos e futbolistas de primeiro nivel destacan na Champions, entre os mellores conxuntos da Liga española e mesmo en potentes competicións europeas. Aínda así, a convocatoria para o partido do día 20 non será completa. Ese venres terá rematado xa a Primeira División, pero a Segunda disputará aínda as súas últimas xornadas. Futbolistas como Insua, Rubén, Raúl García, Dani Abalo, Manu Barreiro, Vila, Bouzón, Jonathan Pereira, Manu, Pita, Seoane ou José Juan non poderán unirse á selección galega. Tampouco o poderían facer os de 2ªB nin Lucas Vázquez (Real Madrid) ou Denís Suárez (Villarreal) no caso de que os seus equipos alcancen a final da Liga de Campións ou da Europa League.
Queda a dúbida de se os adestradores tirarán tamén de destacados futbolistas internacionais de orixe galega como o suízo Ricardo Rodríguez (Wolfsburgo), o inglés Jay Rodríguez (Southampton) ou o uruguaio Nicolás Lodeiro (Boca Juniors). E saber tamén da dispoñibilidade de futbolistas como Andrés Túñez, que xoga en Tailandia e foi internacional, precisamente, coa selección de Venezuela; ou de futbolistas como Rafinha e Thiago Alcántara e Rodrigo Moreno, criados en Vigo e internacionais con Brasil e España.
Un posible once e total garantías: Diego López; Mallo, Jonny, Túñez, Lago; Mosquera, Trashorras, Lucas Vázquez, Denís; Aspas e Lucas Pérez
Con todo, e malia as dificultades que supón o calendario e os compromisos de seleccións e equipos de competicións europeas, o grupo de futbolistas galegos de elite permite unha convocatoria de primeiro nivel. Velaquí vai unha listaxe de 24. E aínda hai máis. Que cada un elixa o seu once.
PORTEIROS: Diego López (Milan), Sergio Álvarez (Celta), Rubén Blanco (Celta), Mariño (Levante)
DEFENSAS: Andrés Túñez (Burinam United), David Rochela (Port FC), Mallo (Celta), Jonny (Celta), Roberto Lago (Getafe), Angeliño (Manchester City)
CENTROCAMPISTAS: Álex Bergantiños (Deportivo), Fran Rico (Granada), Mosquera (Deportivo), Álex López (Sheffield Wednesday), Trashorras (Rayo Vallecano), Juan Domínguez (Deportivo), Denís Suárez (Villarreal), Iago Falque (Roma), Jota Peleteiro (Eibar)
DIANTEIROS: Lucas Pérez (Deportivo), Iago Aspas (Celta), Joselu Mato (Stoke City), Santi Mina (Valencia), Rodrigo (Valencia).