A Federación Galega de Fútbol (FGF) vén de presentar o deseño da nova camiseta da selección galega de fútbol, que estreará este deseño no encontro do vindeiro venres 20 de maio en Riazor.
Tal e como anunciara un día antes a FGF, é Nike, a través de Team Sports, a marca que uniforma a Irmandiña na súa reestrea e cun deseño ben diferente ao que Pepe Barro fixera para a anterior etapa do combinado galego. A Federación destaca que o acordo coa multinacional é "global" e inclúe "outros beneficios para o fútbol galego".
A camisola é branca "en recordo da orixinal de 1922", segundo lembra a Federación Galega de Fútbol
O uniforme da selección galega destaca por lucir unha camiseta case totalmente branca, tal e como aquela coa que debutara a Irmandiña en 1922 e "en recordo da orixinal" daquel ano, tal e como lembra a FGF. A segunda equipación, totalmente diferente, mestura o azul mariño e o azul máis claro cun deseño en forma de pequenos cadros.
A primeira equipación "ten un detalle azul na parte superior coas iniciais da Federación e 4 cruces alegóricas das 4 provincias", engade a Federación na súau conta de Twitter.
A camisola estreada en 2005, innovadora, xuntaba bandas azuis en forma de bandeira diagonais e ordenadas para transmitir, segundo dixera o deseñador, "dinamismo e acción para dar unha sensación de equipo e de unión". O deseño, "cheo de simbolismo" como se destacara daquela, serviu non só para o uniforme do equipo de fútbol, senón para outras moitas seleccións galegas como a do balonmán e mesmo para o desaparecido equipo galego ciclista. A de agora, máis sobria, aseméllase máis ao branco co que debutara o combinado galego nos anos 20.
A distribución da camiseta, segundo destaca a FGF, vaise efectuar a través de centros e tendas especializadas colaboradoras coa propia Federación e poderase adquirir desde os vindeiros días.