“Collan o programa de actividades da miña xestión. Se aí había demolición da cultura galega, que baixe deus e o vexa”

Roberto Varela © Xunta

Roberto Varela tomará posesión o próximo 23 de abril como embaixador en Uruguai. O ex conselleiro de Cultura e Turismo, que apura as súas últimas semanas en Galicia, bota a vista atrás para Praza nunha ampla entrevista na que revisa a súa xestión, responde as críticas e as polémicas que o rodearon, fura na Cidade da Cultura e opina sobre os sectores culturais.

Unhas horas antes do seu cese oficial como conselleiro de Cultura, tiña unha cara que estaba a medio camiño entre a nostalxia e o alivio...

Foi unha experiencia difícil. É unha mestura de sentimentos. Profesionalmente, para min, foi un importante ascenso. Na carreira dun diplomático, chegar a embaixador é o máximo. Hai nostalxia porque marcho para un país moi lonxe, deixo Galicia, deixo a miña casa. Eu afíxenme a vivir aquí, despois duns comezos que, como vostede sabe, foron complicados. É unha mestura agridoce de sensacións.

"Eu non tería vido se non crese que a nosa cultura é algo esencial, un dos nosos focos de identidade xunto coa lingua, que vai directamente relacionada coa cultura"

Os principios foron duros, houbo fortes polémicas. Nese sentido hai que preguntarlle se se sentiu "ensimesmado" ou "limitado" sendo conselleiro?

Esas frases téñenme un pouco farto. Foron sacadas de contexto, díxeno mil veces. Hai que escoitar a gravación. Estábame a referir a que a cultura galega precisaba saír fóra, recoñecerse a si mesma con máis estima. O problema principal daquela historia é que se puxo en dúbida o meu aprecio pola nosa cultura. A miña resposta foi sempre a mesma: Eu non tería vido se non crese que a nosa cultura é algo esencial, un dos nosos focos de identidade xunto coa lingua, que vai directamente relacionada coa cultura. Eu quero reiterar que creo na cultura galega e seguirei crendo sempre nela. Foron uns comezos duros, si. Pero creo que fixen un traballo moi importante de achegamento ao mundo da cultura.

"Pensouse que eu chegaba con ese sistema ultraliberal de “aquí, que se salve quen poida”. Eu sempre apostei por un sistema mixto para seguir adiante"

Foi o conselleiro de Cultura nun momento de crise, de austeridade e recortes. Pareceu que a mensaxe que se foi mandando -non só dende as administración, tamén dende as caixas, por exemplo-  é que non nos podemos permitir a cultura en tempos de crise.

Non, iso non é así. O que pasa é que debemos buscar outros mecanismos. Evidentemente, neste contexto de crise, toda inversión pública, cando non hai cartos, acaba por se reducir. Pero hai alternativas. Está a participación privada e hai produtos que se seguen a venderse. Non vai ser o mesmo, non van ser as alegrías de antes, pero o que non pode pasar é que se fagan películas que nunca se estrean ou obras teatrais que non están pensadas para o público. Despois hai outra cuestión que o público ten que entender: estase a pagar moi pouco pola cultura. E polo fútbol páganse moitos cartos... É que non resiste ningunha comparación. Non hai dereito a que a xente pague 60, 70 ou 150 euros por un partido e que pague cinco euros por unha obra de teatro. É unha contradición incrible. Iso non o podo cambiar e non vai cambiar nun día. Os problemas que arrastra a cultura deben solucionarse a longo prazo. Eu quero que quede claro que o sistema ultraliberal a min non me gusta e cando cheguei á consellería confundiuse. Pensouse que eu chegaba con ese sistema ultraliberal de “aquí, que se salve quen poida”. Eu sempre apostei por un sistema mixto para seguir adiante. Penso que a administración ten que chegar a onde non chega a iniciativa privada, pero tamén hai contar coas empresas privadas. Ademais, hai que priorizar e iso, agora, está nas mans do novo conselleiro.

"Dá igual de que consellería dependa, o importante é como se xestione"

A Consellaría de Cultura desapareceu e no sector recibiuse con preocupación. Lembro unha frase que me dixeran dende o sector ao respecto: "Parece incrible que non haxa unha cadeira no consello da Xunta reservada a alguén que se encargue da cultura en exclusiva"

Si que hai unha persoa no Consello da Xunta. Non hai exclusividade, pero tampouco a hai en Madrid. Pero non é un modelo novo. Penso que neste momento é importante transmitir sinais de que se reduce a administración, de que se aforra para chegar a un determinado déficit. Eu son absolutamente partidario diso. É unha operación lóxica e coido que non ten que ir en detrimento da cultura. Cultura estaba asociada antes a Turismo e agora esta ligada a Educación. En xeral, a cultura ten máis que ver coa educación que co turismo. Dá igual de que consellería dependa, o importante é como se xestione. Cando o presidente me formulou esta posibilidade, comprendino. Pareceume ben. Foi duro, como tamén foron duros os comezos.

Neses principios na consellería pecou de inexperiencia, de torpeza política, de inxenuidade?

Non foi torpeza política, foi inocencia. Cheguei do mundo cultural dende unha posición que non era política. Eu xestionaba estritamente unha serie de actividades e unha Consellería de Cultura é moito máis. Hai xente que sempre está en contra do que fas, que te critica e mesmo que te insulta. Levo mellor as críticas que os insultos.

"Nós non desmantelamos nada. Houbo reducións de orzamentos, non desmantelamento"

Se falamos de críticas, pásanme pola cabeza expresións que se escoitaron moito durante estes anos que se referían ao goberno do que vostede formou parte. “Brigada de demolición”, “desmantelamento da cultura galega”...

Iso é un despropósito. Nós non desmantelamos nada. Houbo reducións de orzamentos, non desmantelamento. O termo desmantelamento é unha maneira de expresar cousas totalmente inapropiadas e que ademais non me gusta. Que vin eu a desmantelar aquí? Eu cheguei para facer o mellor que sei facer: xestionar recursos. Creo que se xestionaron ben. Imos ver... Fitos do meu mandato? Creo que houbo varios. Fixemos un Xacobeo moi decente co pouco tempo do que dispuxemos. No CGAC escollemos un director por concurso público e internacional por vez primeira. Fixemos no Centro Dramático A ópera dos tres reás, con Luís Tosar como protagonista e que percorreu toda España. Só por poñer uns exemplos... Estou moi orgullo do que fixemos, non me gusta nada iso do desmantelamento.

A expresión de desmantelamento non se refería só a consellaría de Cultura, tamén se refería a asuntos tan delicados como a lingua no ensino...

Non me quero meter moito nese tema, non era un tema meu. Tal e como está concibido é un bo sistema. A miña lingua natal é o galego e tiven que aprender o castelán un pouco máis tarde. Penso que os nenos teñen que aprender os dous idiomas. A presenza do inglés tamén é fundamental. Chócame que se critique que os nenos aprendan tres idiomas. Eu estou a favor do plurilingüísmo. Nunca entendín as críticas sobre o suposto desmantelamento da lingua. Iso non é certo. E se falamos da cultura... Mire, collamos a programación de actividades da miña xestión. Se hai aí demolición, que baixe deus e o vexa.

"O que fixemos na Cidade da Cultura era a o que había que facer. Non había outra saída. Todo iso nacera nun momento de vacas gordas"

Falemos da Cidade da Cultura. Non sei se viu o programa de ‘Salvados’...

Non, non quixen velo. É que eu lle collín moito cariño á Cidade da Cultura... A miña posición foi sempre que había que manter o que estaba feito e paralizar o que non estaba feito. Os críticos da Cidade da Cultura que opcións dan? Dígame vostede. Oficinas? Custaría o triplo facelas no museo. Segunda opción? Tirala! Non, iso non. Terceira opción: deixalo abandonado. Iso non se pode, abandonar o Gaiás lembraría constantemente a historia do fracaso. O que fixemos era a o que había que facer. Non había outra saída. Todo iso nacera nun momento de vacas gordas.

Foi irresponsable facela nesa época de vacas gordas?

Non, non foi irresponsable e non vou entrar a criticar os meus antecesores. O que si digo e xa dixen e que non se formulou con suficiente cálculo de tempo. Houbo un problema de planificación. Quizais o erro foi abrir primeiro edificios como o Arquivo ou a Biblioteca que non tiñan tanto tirón como un museo. Pero penso que a obra sairá gañadora. Gustaríame algún día ver iso rematado e que os galegos o sentiran como algo propio. Se chegamos a querer a Cidade da Cultura sairá adiante. Está aí e non se pode cambiar. Eu o programa de Salvados non o quixen ver porque iría polo plano negativo.

"Para que triunfe o Gaiás o importante é o ocio. Parques infantís, bares..."

Sentiu logo alivio ao ser Anxo Lorenzo e non vostede quen defendeu o Gaiás nese programa?

Non, non me alegro das... [Pausa] Penso que Anxo Lorenzo defenderá co mesmo entusiasmo ca min a Cidade da Cultura. Pero eu teño que recoñecer que cando vin por vez primeira o Gaiás, asusteime. Saía do coche e vía aquilo... E dixen: Iso hai que enchelo. E pregunteime: Como se enche isto? Pois a verdade, creo que o ocio é a clave. Cultura, pero tamén ocio. Dígoo a título persoal: Para que triunfe o Gaiás o importante é o ocio. Parques infantís, bares...

Alá arriba?

Si, que a xente teña máis que facer que ver unha mostra. Que poida pasar a tarde alí, ver o anoitecer, ir a concertos... Esa era a liña que queríamos seguir.

Queda por presentar o plan estratéxico da Cidade da Cultura...

O plan está feito, deixeino eu rematado e nese documento está absolutamente todo.

E non habería que telo ideado con máis tempo. Hai cinco anos, hai dous. Houbo tempo para iso, non?

O proxecto foi mudando, o bipartito tamén o cambiou. Para moitos foi unha pataca quente. Penso que temos que aproveitalo como está agora. Non se pode abandonar un edificio de millóns de euros e que é unha xoia. Sería unha barbaridade.

"A miña maior dor de cabeza non foi o Gaiás, foron os orzamentos"

Foi o Gaiás a súa gran dor de cabeza como conselleiro?

Non. A miña maior dor de cabeza non foi o Gaiás, foron os orzamentos. Pelexeinos moito, pero non podía atender a todo o mundo Esa foi a miña gran dor de cabeza.

Cidade da Cultura © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.