No último día completo do que hai dispoñibles datos pechados, o domingo 7 de marzo, o Sergas sumou 80 novos casos do coronavirus, a cifra máis baixa dende os primeiros días de agosto. Este martes, 9 de marzo, Sanidade agrega ao seu cómputo 152 casos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, dos que 116 son diagnósticos mediante probas PCR.
O Sergas suma 152 e na última semana rexistra unha media duns 130 diagnósticos diarios por PCR; as cifras máis baixas dende agosto
Na última semana, Galicia rexistra unha media de 130 diagnósticos diarios. Todas estas cifras relativas aos novos casos, como amosa o gráfico baixo estas liñas, son as mais baixas dos últimos sete meses, isto é, dende o que sería comezo da segunda vaga. O acougo segue avanzando e as liñas seguen sendo descendentes, pero cada vez menos inclinadas. Chegan, así, os primeiros sinais de estancamento.
438 dos 1.099 casos rexistrados na primeira semana de marzo son da área sanitaria da Coruña-Cee
O ritmo de novos casos non é homoxéneo en todo o país. Así, destaca a peor evolución relativa da área sanitaria da Coruña-Cee. Un total de 438 dos 1.099 casos rexistrados na primeira semana de marzo correspóndense con esta área. A seguinte con máis casos neses sete días, a de Vigo, rexistrou 190.
Malia a ese freo no descenso, que nalgúns indicadores se percibe dende hai semanas, as cifras de casos novos seguen sendo baixas e, en todo caso, inferiores, para o conxunto de Galicia ás altas epidemiolóxicas, que chegan ás 108.192. Isto provoca que os casos considerados como positivos activos sigan descendendo, aínda que tamén a menor ritmo, e comecen a semana nuns 3.422. No pico da terceira vaga, en plena vaga expansiva dos contaxios das semanas de Nadal, Aninovo e Reis, chegaran a ser máis de 22.000.
Máis de 120 concellos sen casos en dúas semanas, estancamento nas cidades
A mellora xeral séguese percibindo sobre o mapa de incidencia acumulada tanto co descenso deste indicador (tanto a 7 como a 14 días) en boa parte do país como co incremento no número de concellos sen casos novos. Son xa 123 os municipios que non rexistraron casos novos en 14 días -a maioría, en zonas pouco poboadas das provincias de Lugo e Ourense-. Os que non tiveron casos na última semana son uns 170.
As incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días rexístranse, sobre todo, en concellos nos que rexen peches perimetrais dende este pasado luns. É o caso da Mezquita, Paradela, Boborás ou A Pobra do Brollón. [A Xunta limita as restricións de mobilidade a 17 concellos dende o 8 de marzo pola mellora dos indicadores da COVID]
Na cidade da Coruña o estancamento no descenso da incidencia chega cando aínda non dera baixado dos 200 casos por cada cen mil habitantes; a tendencia descendente máis pronunciada rexístrase agora en Lugo
No que atinxe ás sete principais cidades, aínda que a tendencia dominante segue sendo o descenso da incidencia acumulada a 14 días, séguense percibindo sinais de estancamento en varias delas. É o caso da Coruña, que continúa sendo a única por riba dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e onde, ademais, dende comezos de marzo o freo do descenso é evidente, mesmo con lixeiras subas en días puntuais.
O estancamento percíbese tamén dende principios de mes en Ourense, cuxa incidencia acumulada segue sendo relativamente baixa (64 casos novos por cada cen mil habitantes en 14 días), pero está estancada e xa non é a menor da Galicia urbana. A máis baixa entre as cidades é agora a de Santiago malia ao lixeirísimo incremento no último día dispoñible e a tendencia descendente máis pronunciada na incidencia a 14 días trázaa a cidade de Lugo, que ademais presenta rexistros notablemente baixos a 7 días, con só 15 casos novos por cada cen mil habitantes na última semana.
A hospitalización, como a comezos de decembro
Esta evolución dos novos casos, o freo no seu descenso e os devanditos estancamentos prodúcense nun contexto no que as cifras de hospitalización de persoas coa COVID-19 se sitúan en 369, 119 menos que hai unha semana. Isto implica que a presión hospitalaria ligada á pandemia é semellante á de principios da terceira vaga. Tamén é parecida ás cifras reportadas polo Sergas entre as semanas consideradas como fin da segunda vaga e o comezo da terceira.
Ata 77 destas persoas ingresadas con test positivo do coronavirus precisan atención en unidades de coidados intensivos. Son dúas menos que un día antes, pero aínda é un nivel de ocupación das UCI superior ao de principios de decembro e está moi por riba dos rexistros de agosto, cando se contabilizaban cifras de novos casos semellantes ás actuais. Nas últimas semanas, Sanidade admitiu que as estancias na UCI de pacientes coa COVID se estaban a prolongar máis agora que nas anteriores vagas.
Os sinais de estancamento tamén chegan nos últimos días á evolución das taxas medias de positividade (porcentaxe das probas PCR que dan positivo) a sete días, que así e todo continúan en niveis moi baixos. Para o conxunto de Galicia, este indicador rolda agora o 1,85%, máis de tres puntos por baixo do limiar do 5% que, para a Organización Mundial da Saúde, é o límite para dar por controlada a pandemia nun determinado territorio. A positividade media máis elevada, a da área sanitaria da Coruña-Cee, non chega ao 3%.
Mentres todo isto sucede, as cifras de falecementos de persoas que contraeran a COVID-19 seguen aumentando, aínda que a un ritmo inferior que en semanas previas. O cómputo do Sergas agrega nesta xornada 3 novos falecementos, ningún deles das últimas vinte e catro horas, e o total chega a 2.278 [podes consultar a serie completa de falecementos nesta ligazón]. Nos últimos sete días completos con datos dispoñibles (ata o domingo, día 7) Galicia rexistrou unha media duns 4 falecementos de persoas coa COVID.