A Xunta comezou a aplicar esta semana o novo modelo de restricións pola COVID-19, o da terceira desescalada, que implicar ir regresando progresivamente a un sistema semellante ao que aplicaba antes do Nadal, xa ao abeiro do terceiro Estado de Alarma. Agora, o mapa está máis ligado á incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) do coronavirus a 7 que a 14 días e revísase dúas veces por semana: os martes, con mudanzas que entran en vigor ás 00:00 do venres seguinte e o venres, para aplicar os eventuais cambios dende as 00:00 do luns.
Dende o luns, 8 de marzo, a Xunta deixa de aplicar peches perimetrais nas áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra e os peches individuais atinxen só a catro concellos
Así, este venres, 5 de marzo, entrou en vigor o mapa de restricións determinado tres días antes e, ao tempo, a Consellería de Sanidade decidiu e anunciou as mudanzas que prevé aplicar dende as 00:00 do luns, 8 de marzo. A partir dese día, a Xunta deixa de aplicar peches perimetrais nas áreas sanitarias da Coruña-Cee e Pontevedra-O Salnés e o ámbito de referencia para endurecer ou relaxar as restricións volve ser o unicamente cada concello. En 17 dos 313 manteranse restricións específicas de mobilidade e só en catro (Soutomaior, Boborás, A Pobra do Brollón e A Mezquita) rexerá o máximo nivel de limitacións, incluíndo o peche perimetral individual.
Ese nivel máximo de restricións seguirá implicando, como ata agora, veto ás reunións entre persoas non conviventes e peche da hostalería, entre outras medidas. A continuación situaranse 14 municipios en nivel alto: Miño, Ponteceso, Sobrado, Arteixo, Cambados, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Guitiriz, Paradela, Lourenzá, Mos, Cariño e Mugardos. No referido á mobilidade, a veciñanza destes concellos só poderá desprazarse a un dos outros 13 no mesmo nivel, pero xa sen limitacións por área sanitaria. Neles, a hostalería terá que seguir atendendo só na terraza (ao 50%) e pechando ás seis da tarde. Ademais, permítense os encontros de ata 4 non conviventes.
Este 5 de marzo, o cómputo do Sergas suma 210 novos casos da COVID-19
Como amosa o mapa sobre estas liñas, o resto de Galicia quedará no considerado nivel medio de restricións. O desprazamento estará permitido entre todos eles, con independencia da área sanitaria e, como xa sucedía agora, a hostalería pode abrir ata as seis da tarde cunha ocupación de ata o 30% no interior (sen atención en barra) e coas terrazas ata o 50%. O horario de peche mantense, sen cambios, ata as seis da tarde.
A Xunta prevé publicar estes cambios no Diario Oficial de Galicia durante a fin de semana para a súa entrada en vigor ás 00:00 do luns. O peche perimetral de Galicia a respecto do resto do Estado mantense sen cambios. Mentres, o mapa de restricións vixente é o aprobado o pasado martes, que podes consultar en detalle nesta ligazón. [A Xunta amplía os límites de asistencia pola COVID a reunións laborais ou sindicais, en velorios e os postos nas feiras]
Uns 160 diagnósticos ao día na última semana
A Xunta tomou estas medidas (e corrixiu os erros que publicara no DOG poucas horas atrás) tras analizar uns datos que apuntan a que, no conxunto do país, na última semana se rexistraron uns 160 diagnósticos novos da COVID-19 ao día, nivel semellante ao de finais de agosto do pasado ano. Este venres, 5 de marzo, o Sergas suma 210 casos novos (176 deles, diagnósticos mediante PCR), unha cifra maior á das cinco xornadas anteriores, pero sen incrementos que conviden a pensar nun cambio significativo de tendencia.
En termos de días naturais (das 00:00 ás 23:59 de cada xornada), os últimos días oscilaron entre os 94 casos novos do domingo e os 207 do mércores, último día con datos completos dispoñibles. Nos tres primeiros días desta semana, Sanidade rexistrou 527 casos novos no conxunto de Galicia e nos tres primeiros días da anterior foran 836, de modo que, alén das oscilacións puntuais de cada xornada, a tendencia segue a ser claramente descendente.
400 persoas hospitalizadas
Sanidade liga o levantamento dos peches das áreas da Coruña e Pontevedra á relativa mellora das cifras de hospitalización
A Xunta atribúe a relaxación das restricións en xeral e, en particular, a fin do peche perimetral das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra á mellora relativa das cifras de hospitalización de pacientes co coronavirus. Segundo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, os pacientes con test positivo da COVID-19 ocupan actualmente o 4,77% das camas de hospitalización convencional no conxunto de Galicia e, no caso das prazas de UCI, supoñen o 11,88% (a Xunta adoita dar estes datos incluíndo todas as camas susceptibles de seren UCI, non só as estruturais).
Neste contexto, os datos divulgados este venres, 5 de marzo, indican que os pacientes con test positivo do coronavirus ingresados nos hospitais galegos son 400, 48 menos que un día antes e 164 menos que o mesmo día da semana anterior. Deles, un total de 89 estaban nas UCI.
Estas cifras de hospitalización seguen sendo boa mostra da dureza da terceira vaga da pandemia en Galicia. Non en van, cando o pasado agosto se rexistraban cifras de casos novos semellantes ás actuais, o total de persoas hospitalizadas por mor da COVID-19 non chegaba ao centenar. As que estaban na UCI eran apenas unha decena.
Máis dun cento de concellos sen casos novos en 14 días
A incidencia acumulada da COVID-19 tende a estancarse en varias das sete principais cidades
Con estas cifras de casos novos, os indicadores de incidencia acumulada seguen descendendo para o conxunto de Galicia tanto a sete como a 14 días e os concellos que non rexistraron casos novos nas últimas dúas semanas superan xa o cento, o cal non sucedía dende mediados de decembro. Os que non rexistraron ningún novo caso nos últimos sete días chegan a 169. A maior parte deles están nas provincias de Lugo e Pontevedra, isto é, nas áreas menos poboadas de Galicia.
No que atinxe ás localidades máis poboadas, nas sete principais cidades a incidencia acumulada segue descendendo, pero o ritmo de baixada tende ao estancamento en varias delas. É o caso de Vigo, Santiago e, especialmente, Ourense, as tres coas incidencias máis baixas a 14 días [podes consultar a evolución das sete cidades con máis detalle nesta ligazón].
No referido aos datos globais, as incidencias tanto a 7 como a 14 días continúan moderando o seu ritmo de baixada. Así e todo, ese descenso mantense e fai que a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días se achegue aos 120, nivel no que non se situaba dende comezos do pasado outubro. No caso da incidencia a sete días, descende xa do limiar dos 50 casos, tamén en niveis do comezo do pasado outono.
O Sergas xa confirmou 2.262 mortes de persoas que contraeran a COVID-19
Todos estas cifras rexístranse nun contexto no que os datos epidemiolóxicos aínda non reflicten os efectos que puidesen ter os primeiros levantamentos das restricións. Esa repercusión, de existir, comezará a percibirse dentro de poucos días. Mentres, as taxas de positividade das probas PCR (porcentaxe das que dan positivo) seguen falando de acougo da situación. A súa positividade media a sete días rolda o 2,20% para o conxunto de Galicia, isto é, menos da metade do limiar do 5% que a Organización Mundial da Saúde establece como referencia para dar por controlada a pandemia nun determinado territorio.
Mentres estes indicadores acougan tamén o fan, aínda que cun ritmo máis pausado, as cifras de mortalidade de persoas que contraeran a COVID-19. O cómputo oficial inclúe este venres 3 falecementos máis (dous deles, das vinte e catro horas previas) e o total de mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia chega ás 2.262. Nos últimos sete días rexistrouse unha media superior aos 6 falecementos por xornada.