A vacina de AstraZeneca contra a Covid-19, cuxa aplicación foi suspendida cautelarmente este luns, volverá ser administrada no Estado Español a vindeira semana, ao redor do mércores. Esa é a proposta realizada este xoves pola tarde polo Ministerio de Sanidade no Consello Interterritorial do Sistema de Saúde, reunido de forma extraordinaria. A decisión responde ás conclusións da investigación realizada pola Axencia Europea do Medicamento (EMA), que reafirmou a seguridade desta vacina, subliñando que os seus beneficios son maiores que os seus riscos e descartando que as persoas que a reciban teñan máis probabilidade de sufrir eventos tromboembólicos.
A Axencia Europea do Medicamento subliña que os seus beneficios son maiores que os seus riscos e descartando que as persoas que a reciban teñan máis probabilidade de sufrir eventos tromboembólicos
A Consellaría de Sanidade confirmou que Galicia tamén reanudará nos vindeiros días a vacinación con AstraZeneca, aínda que "está por ver cando e como". Os distintos comités e grupos de traballo que en Galicia están a organizar o proceso de vacinación deben planificar de que xeito continuar coa vacinación.
A suspensión decidida o luns polo Consello Interterritorial adoptouse de forma preventiva, adoptando o principio de prudencia, despois da aparición en toda Europa de 11 casos "estraños" de trombose (de senos cerebrais e unido a unha diminución de plaquetas) entre persoas que foran vacinadas e que superaban a incidencia normal deste tipo de problema.
O regreso das vacinas de AstraZeneca, que se aplican ás persoas de menos de 55 anos, permitirá recuperar o ritmo elevado de aplicación que se viña rexistrando en Galicia nas últimas semanas
Tanto a Axencia Europea do Medicamento coma a OMS subliñaran a seguridade da vacina, pero preferiuse activar o sistema de alerta e control, paralizando a súa aplicación ata investigar polo miúdo estes casos e a súa posible relación con esta vacina. En todo caso, a EMA non descarta por completo un vínculo entre a vacina e os casos de tromboses rexistrados, que pasarían a formar parte dos seus efectos secundarios adversos.
O regreso das vacinas de AstraZeneca, que se aplican ás persoas de menos de 55 anos, permitirá recuperar o ritmo elevado de aplicación que se viña rexistrando en Galicia nas últimas semanas. No que levamos de mes de marzo administráronse máis de 150.000 doses, un número moi superior ao que se aplicou en todo o mes de febreiro.
O número de persoas que recibiron xa as dúas doses e polo tanto están xa inmunizadas elévase a 108.250, o que representa o 4,01% da poboación galega
En total, dende o inicio do proceso foron aplicadas en Galicia un total de 370.076 doses. No último día, a pesar da paralización da aplicación da vacina de AstraZeneca, foron administradas case dez mil doses (9.774). A media diaria na última semana sitúase nas 10.076 doses, sen grandes variacións nos últimos días.
O número de persoas que recibiron xa as dúas doses e polo tanto están xa inmunizadas elévase a 108.250, o que representa o 4,01% da poboación galega. Esta cifra non está lonxe do número total de persoas que se infectaron coa Covid-19 dende o comezo da pandemia (115.283).
Ademais, 281.826 persoas recibiron cando menos unha dose, o que representa o 9,7% da poboación galega. Estas porcentaxes sitúan a Galicia algo por riba da media española (o 4,01% recibiron dúas doses e o 8,74% recibiron cando menos unha dose). Nas últimas semanas o ritmo de administración en Galicia é moi superior ao que se rexistra no resto do Estado, en boa medida debido ao inicio da quenda das persoas de máis de 80 anos, moi numerosas no noso país.
Galicia recibiu 80 mil doses
Esta semana, ademais, seguiu a incrementarse o ritmo de chegada de vacinas a Galicia, con 80.030 doses, fronte ás 76 mil, 74 mil e 48 mil das tres últimas semanas. Hai uns días o presidente da Xunta anunciou que o ritmo continuará a medrar nas vindeiras semanas, coa chegada de 500.000 doses no mes de abril, aproximadamente un 60% por riba da cantidade actual.
As 80 mil doses recibidas esta semana supoñen o 7,78% do total de vacinas distribuídas no Estado Español
As 80 mil doses recibidas esta semana supoñen o 7,78% do total de vacinas distribuídas no Estado Español. De forma detallada, Galicia recibiu 45.630 doses de Pfizer (o 8,46% do total), 21.500 de Moderna (o 8,11%) e 12.900 de AstraZeneca (o 5,69%). Cada comunidade autónoma recibe un número de doses equivalente ao peso poboacional dos grupos aos que cada vacina vai ser administrada. Esa é a razón pola que Galicia está a recibir unha gran cantidade de vacinas de Pfizer nas últimas semanas, co obxectivo de protexer á poboación de máis de 80 anos, máis numerosa en Galicia que noutros territorios.