Sanidade suspende 14 días a vacina de AstraZeneca mentres a UE analiza un "número moi baixo" de efectos adversos

Administración da vacina de AstraZeneca © Xunta

O Consello interterritorial do Sistema de Saúde, no que están representados o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, vén de acordar a suspensión durante 14 días da administración da vacina contra a Covid-19 de AstraZeneca. A medida adóptase aplicando o principio de precaución e de forma preventiva, despois da aparición dun pequeno número de casos de tromboses, algúns de carácter grave, entre pacientes de recibiron a vacina nalgúns países. A suspensión finalizará no momento en que o comité de avaliación de riscos en farmacovixilancia (PRAC) da Axencia Europea do Medicamento remate a súa investigación.

A decisión adóptase despois da aparición de 11 casos de tromboses pouco comúns entre as 17 millóns de persoas vacinas

A decisión do Estado Español súmase á adoptada por outros países europeos, fronte ás recomendacións da Axencia Europea do Medicamento e da Organización Mundial da Saúde, que non atopan motivos para suspender a aplicación da vacina, ao non haber probas que a relacionen con estes problemas circulatorios. Tamén a propia empresa AstraZeneca nega que a súa vacina estea relacionada con estes eventos

O pasado xoves notificouse a aparición de tromboses entre un pequeno número de pacientes que recibiron a vacina. Con todo, a incidencia deste problema entre o grupo de persoas vacinadas non era máis habitual que a que existe habitualmente entre a poboación xeral (non vacinada). Porén, durante a fin de semana rexistráronse 11 casos de tromboses "pouco frecuentes" (de senos cerebrais e unido a unha diminución de plaquetas) que fixeron que as autoridades sanitarias españolas modificasen a avaliación do risco. Dos 11 casos, 6 producíronse en Alemaña, 4 en Noruega e 1 en España, un paciente que se está a recuperar nestes momentos dese episodio.

A Axencia Europea do Medicamento e a Organización Mundial da Saúde non atopan motivos para suspender a aplicación da vacina, ao non haber probas que a relacionen con estes problemas circulatorios

Dende o Ministerio de Sanidade lémbrase que se trata de "moi poucos casos no contexto da poboación vacinada xeral", ao redor de 17 millóns de persoas en toda a UE, pero destácase que se aplica "o principio de prudencia" ao "non poder descartar a plausabilidade biolóxica". No Reino Unido, con 11 millóns de doses administradas, atopáronse 3 casos deste tipo de trombose. Sanidade destaca que a paralización cautelar da aplicación da vacina "non é unha decisión doada, porque o impacto positivo da vacina de AstraZeneca é moi importante". Así mesmo, sinálase a suspensión -lonxe de ser unha mostra dun erro no sistema- amosa o correcto funcionamento do sistema de alerta e control e lémbrase que é "altamente improbable" a aparición deste efecto nas persoas vacinadas.

A vacina de AstraZeneca está a ser administrada ás persoas de menos de 55 anos © Xunta

Tras a reunión do Consello Interterritorial de Saúde, a Xunta confirmou tamén a suspensión "cautelar" da vacinación con AstraZeneca, "seguindo a indicación do Ministerio de Sanidade" baseada "nun principio de prudencia". Como nos últimos días, a Consellería de Sanidade reitera "que o sistema de trazabilidade permite identificar a vacina administrado coa persoa vacinada" e que "ata o momento, non se produciu en Galicia ningún caso de reacción adversa grave". 

Nesta liña, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amósase "convencido" de que a vacinación co antídoto de AstraZeneca poderá reiniciarse "máis pronto que tarde" tras esta pausa por razóns de "prudencia". "É unha mágoa, porque tiñamos lanzada esa vacina", agrega Feijóo, quen subliña que "non hai unha mensaxe de preocupación, coa información que temos ata agora" a respecto dos efectos secundarios desta vacina. "É unha cuestión de prudencia que non debería levarnos a máis traballo que o seguimento das persoas vacinadas en toda a UE con esa vacina", conclúe.

A Axencia Europea reitera que non hai "indicios" que relacionen a vacina cos trombos

O Estado español súmase así a outros países do espazo europeo, como Dinamarca, Noruega, Islandia, Países Baixos, Francia, Alemaña, Italia ou Irlanda, que nos últimos días tamén suspenderon de forma temporal (durante dúas semanas nos máis dos casos) a aplicación da vacina de AstraZeneca, desoíndo as recomendacións da Axencia Europea do Medicamento (EMA), que iniciou unha investigación ao respecto pero que nos últimos catro días reiterou en varias ocasións que non hai indicios que relacionen a vacina coa aparición de trombos en varios pacientes que foran vacinados. 

 "Os beneficios da vacina seguen superando os seus riscos e a vacina pode seguir administrándose mentres a investigación dos casos de eventos tromboembólicos está en curso", di a EMA

Os expertos están a analizar "con gran detalle" todos os datos dispoñibles e as circunstancias clínicas que rodean casos específicos para determinar "se a vacina puido contribuí ou se é probable que o evento se deba a outras causas". O Comité de Seguridade da EMA reunirase este xoves para chegar a unha conclusión e adoptar as medidas necesarias. 

As tromboses non figuran entre os efectos secundarios da vacina e en cambio si poden ser un factor de risco no caso de enfermar de Covid-19. O comité de seguridade da Axencia destaca que "os beneficios da vacina seguen superando os seus riscos e a vacina pode seguir administrándose mentres a investigación dos casos de eventos tromboembólicos está en curso". A EMA lembra que o número de eventos tromboembólicos en persoas vacinadas non é superior ao visto na poboación xeral, rexistrándose apenas 30 casos de eventos tromboembólicos entre preto de 5 millóns de persoas vacinadas coa vacina de AstraZeneca en Europa. 

OMS: "os sistemas de vixilancia están funcionando”

O director de la OMS, Tedros Adhanon Ghebreyesus, subliñou este luns que a suspensión temporal da vacina de AstraZeneca "non significa que os coágulos estean relacionados coa inmunización" senón que é simplemente unha "medida de precaución que amosa que os sistemas de vixilancia están funcionando”. Este martes reunirase o comité sobre seguridade de vacinas da OMS para avaliar a situación.

"De momento non atopamos que haxa unha relación entre a vacina e os casos de tromboses detectados. De feito, as taxas nas que se producen tromboses entre os vacinados son mais baixas mesmo que entre a poboación xeral", di a OMS

A xefa de científicos da OMS, Soumya Swaminathan, foi máis aló e lembrou que "lamentablemente a xente morre de tromboses cada día, pero a clave é se iso ten algún vínculo coa vacina". "De momento non atopamos que haxa unha relación entre a vacina e os casos de tromboses detectados. De feito, as taxas nas que se producen tromboses entre os vacinados son mais baixas mesmo que entre a poboación xeral", subliñou. Swaminathan concluíu que "ningún medicamento é 100% seguro, pero hai que ter en conta os beneficios de vacinar á poboación contra unha enfermidade que está a matar a millóns de persoas en todo o mundo"

Incremento do ritmo de vacinación

En todo o Estado administráronse case un millón de doses desta vacina, que está a ser aplicada ás persoas de menos de 55 anos, xa que o Consello Interterritorial de Saúde acordou tamén aquí apostar pola precaución, ante o escaso número de pacientes de maior idade nos ensaios clínicos realizados ata o momento. Noutros países da UE apostouse por fixar o límite nos 65 anos e fóra de Europa hai países nos que se está administrando a persoas de calquera idade, sen atopar polo momento máis complicacións ou efectos adversos que noutras idades.

A media diaria na última semana chega ata as 9.627 doses aplicadas.

En Galicia, en concreto, foi a vacina administrada nas últimas semanas aos traballadores e traballadoras esenciais de menos de 55 anos, por exemplo o persoal dos centros de ensino. E dende o pasado xoves está a ser distribuída de forma xeral entre as persoas de 50 a 55 anos, nunha serie de probas de vacinación masivas polas que pasaron máis de 15.000 persoas

O aumento nos envíos da vacina de AstraZeneca, unido ao incremento tamén na chegada de doses da vacina de Pfizer estaba a permitir acelerar nas últimas semanas o ritmo de inmunización en todo o Estado, especialmente en Galicia, que nos últimos 20 días supera as 8.300 doses aplicadas cada día.

En total, foron vacinadas 249194 persoas, o 9,23% da poboación galega

Nos últimos tres días (o venres, sábado e domingo) administráronse en Galicia un total de 27.245 doses das distintas vacinas contra a Covid-19, o que eleva a media diaria na última semana ata as 9.627 doses aplicadas.

En total, dende o inicio do proceso de vacinación administráronse en Galicia 338.334 doses das distintas vacinas. 89140 persoas recibiron dúas doses e polo tanto a inmunización completa, o que representa o 3,3% da poboación total galega. Outras 160.054 persoas recibiron unha dose. En total, foron vacinadas 249194 persoas, o 9,23% da poboación galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.