A vacinación masiva que o Sergas levou a cabo este sábado nas sete áreas sanitarias, logo da proba piloto do pasado xoves en Santiago, desenvolveuse con normalidade e unha elevada fluidez que provocou que, durante a mañá, se administrase a dose a doce persoas por minuto nalgún dos espazos habilitados para a campaña.
Arredor de 15.000 persoas foron vacinadas durante o sábado en 14 espazos habilitados nas sete áreas sanitarias de Galicia
Arredor de 19.000 persoas, de entre 50 e 55 anos, foran convocadas por SMS para acudir ao longo do día a seren vacinadas segundo a Xunta, que nos datos facilitados suma un total de 17.151 citadas. Nas primeiras horas da mañá, tal e como adiantou o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, xa se administrara a primeira dose a 5.000 persoas. Ás dúas da tarde, segundo os datos do Sergas, xa eran máis de 9.000. Ao finalizar a xornada, preto de 15.000.
En concreto, foron un total de 14.734 persoas ás que se lles subministrou o fármaco este pasado sábado, no que foran convocadas algo máis de 17.000 a partir daquelas cuxo primeiro apelido empece por H. Recibiron a primeira dose de AstraZeneca simultaneamente en varios grandes espazos civís habilitados nas diferentes áreas, ademais de infraestruturas sanitarias, nun total de 14 localizacións.
Máis do 90% das persoas convocadas acudiron á cita e o 86% recibiu finalmente a primeira dose de AstraZeneca durante a xornada
Así, segundo as cifras que achega o Sergas, o 91,2% das persoas convocadas acudiron á cita, aínda que algo máis de 900 non puideron ser vacinadas por algunha contraindicación. Finalmente, o 86% das persoas con cita recibiron a dose.
Na área da Coruña e Cee a vacinación desenvolveuse no Expocoruña (co 78,35% de vacinados con respecto aos citados) e no Hospital Virxe da Xunqueira da localidade da Costa da Morte (82%). Na de Lugo, nos tres hospitais (HULA (80,1%), Burela (79,4%) e Monforte(73,67%); na de Ourense, en Expourense (76,76%) e nos hospitais de Verín (74,5%) e Valdeorras (78,8%); na de Pontevedra, no Fexdega en Vilagarcía (80%) e no Pazo da Cultura (75,06%) da capital provincial; na de Vigo, no IFEVI (74,64%); na de Ferrol (79%), na FIMO; e na de Santiago, na Cidade da Cultura (82,46%) e no Hospital do Barbanza (80,5%).
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou as sete áreas sanitarias para supervisar as vacinacións e agradeceU o traballo de todo o persoal involucrado, tanto enfermería, como informáticos, policías locais ou voluntarios de Protección Civil. Foi unha xornada exitosa con esas case 15.000 persoas vacinadas en toda Galicia nunha única xornada, malia que Feijóo chegara a asegurar que Galicia podería vacinar "100.000 ao día" se dispuxese de máis doses.
No recinto de Expocoruña o ritmo de vacinación chegou a alcanzar, durante a mañá, as "doce persoas por minuto"
No caso da área sanitaria da Coruña, o seu xerente, Luís Verde, destacou o ritmo "francamente bo" de administracion da vacina, chegando durante a mañá a vacinar a "doce persoas por minuto" en Expocoruña.
Verde destacou que o obxectivo desta campaña de vacinación masiva é "estar preparados" para o momento no que Galicia reciba "cantidades máis grandes" de doses. Ademais, lembrou que, ademais dste proceso, continúa en paralelo a inmunización doutros colectivos como os maiores de 80 anos e os grandes dependentes.
Por outra bana, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón, Gómez, destacou que mentres ata agora se están a administrar 3.000 doses semanais na devandita área, o plan é poder vacinar entre 25.000 e 30.000 por semana. De haber doses dabondas, podería inmunizar a poboación da zona "nun par de meses ou menos".
A vacinación na Mariña, Monforte, Verín e Valdeorras rematou ás 15 horas, mentres que en Pontevedra e Vilagarcía fíxoo media hora antes, ás 14.30. En Vigo, onde se vacinaron máis de 3.200 persoas, estendeuseata as 22 horas.
A vacinación masiva a persoas de entre 50 e 55 anos neste sábado supuxo un ritmo, loxicamente, moito maior do alcanzado até agora en Galicia. Con datos ata o 12 de marzo, nos 15 días anteriores foran administradas máis de 120.000 doses de vacinas contra a COVID no país. Son unhas oito mil por día, moi por riba do ritmo de tres mil doses diarias de xaneiro e primeira semana de febreiro.