Galicia afronta a nova fase da 'desescalada' con 271 persoas no hospital coa COVID, a menor cifra dende outubro

Cribado da COVID-19 en Forcarei e mapa de incidencia a 14 días con datos do 17 de marzo CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Forcarei | Montaxe: Praza Pública

Galicia comeza este 19 de marzo a nova fase da desescalada das restricións pola COVID-19. Faino no considerado un dos dous momentos críticos para a situación epidemiolóxica das vindeiras semanas: o día de San Xosé e a fin de semana que vén inmediatamente despois. O seguinte será a Semana Santa.

Nas unidades de coidados intensivos aínda están ingresadas máis de medio cento de persoas con test positivo da COVID-19

Coa relaxación de medidas na hostalería e nos espazos públicos ao aire libre e o endurecemento das restricións nos fogares (volven estar vetados os encontros nos domicilios entre non conviventes) como principais novidades, o país afronta unha nova fase. Faino mentres a situación nos hospitais derivada da pandemia segue amosando lentos sinais de mellora. 

Segundo os datos divulgados pola Consellería de Sanidade este xoves, 18 de marzo -correspondentes ao día anterior-, na actualidade hai 271 persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo do coronavirus. Son 22 menos que un día antes e 71 menos que o mesmo día da semana anterior. O total é a cifra máis baixa dende o 15 de outubro de 2020.

Aínda que a situación epidemiolóxica xeral leva días sendo máis semellante á do pasado verán que á do outono, a presión hospitalaria tras a virulenta terceira vaga diminuíu moito máis amodo e sitúase en niveis semellantes á das semanas nas que Galicia comezara a ascender cara ao pico da segunda vaga. Nas unidades de coidados intensivos, que nesta semana están a experimentar alivios relativamente máis significativos, aínda hai 57 persoas coa COVID-19. 

Cómpre ter en conta, en calquera caso, que estas diminucións nas cifras de hospitalización non se deben só a altas hospitalarias. Tamén diminúen cando se producen altas epidemiolóxicas de pacientes hospitalizados, isto é, cando superan o virus pero deben seguir ingresados por mor do seu estado xeral de saúde. Igualmente, cando falece un paciente coa COVID-19 que estaba no hospital.

Unha 'meseta' cuns 130 diagnósticos ao día

A situación hospitalaria segue acougando aos poucos mentres as cifras de novos casos seguen marcadas pola estabilidade, cun estancamento nun dato medio diario a sete días duns 130 diagnósticos mediante PCR. Este xoves, o Sergas engade 146 casos novos ao seu cómputo (os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores), dos que 122 son diagnósticos mediante proba PCR.

En termos de días naturais (das 00:00 ás 23:59), a evolución tamén é relativamente estable, cunha  media de 155 casos novos ao día nas últimas sete xornadas. Alén das oscilacións puntuais de cada día, esta estabilidade permite que sigan diminuíndo, aínda que moito máis lentamente, as cifras de positivos activos para o conxunto de Galicia. Segundo o dato divulgado polo Sergas este xoves, agora son 2.586 dos que máis de mil corresponden á area sanitaria da Coruña-Cee. No pico da terceira vaga da pandemia chegaran a superar os 22.000. [Podes consultar nesta ligazón a evolución de casos activos por áreas sanitarias]

Cifras estables de concellos sen casos novos

A estabilidade da situación epidemiolóxica xeral tamén segue plasmándose sobre o mapa. Os concellos que non rexistraron casos novos nos últimos 14 días son 130 (dous menos que un día antes, pero os mesmos que dous días antes) e a cifra dos que non rexistraron casos na última semana chega aos 175 (+4).

Apenas media ducia de concellos superan os 500 casos por cen mil habitantes a 14 días e todos eles son municipios con pouca poboación

Malia a algúns incrementos puntuais en pequenos concellos (onde unha lixeira variación de casos altera notablemente o indicador), os municipios con incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) en niveis altos de risco seguen sendo escasos. Os que superan os 500 casos neste indicador seguen sendo apenas media ducia e un deles, Silleda, está fortemente condicionado polo foco detectado na residencia de maiores da localidade, (33 residentes e 2 traballadoras).

No que atinxe ás sete principais cidades, habitualmente sinaladas como termómetro para o conxunto do país, a situación de estabilidade tamén permanece. A Coruña, que continúa coa incidencia a catorce días máis elevada da Galicia urbana, logra volver baixar un chisco dos 200 casos por cada cen mil habitantes, aínda que a súa incidencia a 7 días empeora lixeiramente. Na banda contraria segue estando Lugo, onde a incidencia a 14 días volve descender e queda en 30 casos por cada cen mil habitantes mentres a incidencia a 7 días tamén mellora levemente, con só 12 casos novos rexistrados na última semana.

Positividade das PCR contida en torno ao 2%

Mentres os indicadores de incidencia acumulada falan de relativa estabilidade, as taxas de positividade (porcentaxe de test que dan positivo) das probas PCR seguen indicando o mesmo. Nos últimos sete días, a positividade media para o conxunto de Galicia segue arredor do 2%, isto é, menos da metade do limiar fixado pola Organización Mundial da Saúde para dar a pandemia por controlada nun territorio. A área sanitaria coa positividade media a sete días máis elevada, a de Ferrol, apenas pasa do 3% e as de Ourense, Lugo e Pontevedra non chegan ao 2%.

Aínda que con cifras moito menores que en semanas anteriores, Sanidade continúa computando falecementos de persoas que contraeran a COVID-19. Este xoves entran no rexistro oficial outras 4 mortes -unha, das vinte e catro horas previas- e o total chega a 2.310. Na última semana, Galicia rexistra unha media diaria superior ás 3 mortes ao día de persoas que foran infectadas polo coronavirus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.