Detectado un novo foco de coronavirus nunha granxa de visóns de Santiago

Visóns nunha granxa CC-BY-SA TheAnimalDay.org

A Consellería de Medio Rural comunicou este mércores a detección dun foco do coronavirus SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada en Santiago de Compostela. O virus foi atopado en dúas mostras e agora procederase a efectuar novas analíticas aos animais da explotación para determinar as actuacións futuras a levar a cabo. Dende o momento da súa detección, a explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.

Dende o momento da súa detección, a explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control

A granxa compostelá na que se detectou o foco conta con 6.554 visóns (5.430 femias reprodutoras e 1.124 machos) e no conxunto de Galicia están en funcionamento 25 granxas de produción deste animal cun censo total de 71.479 femias reprodutoras neste momento, segundo os datos do Goberno galego.

Granxa de visóns CC-BY-SA TheAnimalDay.org

Este foco súmase ao detectado no mes de xaneiro nunha granxa da Baña e a algúns máis rexistrados noutros puntos do Estado e tamén en varios países de Europa, como Dinamarca e os Países Baixos. Estes gromos reabriron o debate sobre o perigo ambiental que constitúen estas instalacións, cuxo peche demandan os grupos ecoloxistas dende hai anos.

Este foco súmase ao detectado no mes de xaneiro nunha granxa da Baña. En toda Galicia están en funcionamento 25 instalacións deste tipo

Adega cualifica estas granxas como unha "bomba biolóxica" e denuncia a falta de controis a cargo do Goberno galego nos últimos anos. "A Xunta sempre se amosou reacia a controlar e limitar a expansión das granxas de visón. Mesmo seguiu autorizando explotacións (as últimas en 2018 e 2019) cando en Europa estábanse a pechar", denuncia a organización ambientalista, que destaca que "a permisividade co visón americano mesmo pon en risco algunhas especies autóctonas en perigo de extinción".

A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se veñen realizando ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polos ministerios de Agricultura e de Sanidade e no que colaborou activamente Galicia. Segundo a Consellería de Medio Rural, en aplicación deste programa, os Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta viñeron realizando, ademais de controis sanitarios, diferentes visitas a todas as explotacións de visóns, co fin de comprobar as condicións de bioseguridade das granxas, así como tomas de mostras e análises rutineiras cada 15 días.

Adega cualifica estas granxas como unha "bomba biolóxica" e denuncia a falta de controis a cargo do Goberno galego nos últimos anos

As 25 granxas en funcionamento en Galicia localízanse prineipalmente en Abegondo, que conta con seis destas granxas, en Carral (catro) e A Baña (tres), segundo os datos de Adega. Santiago de Compostela conta con dúas e Brión, Curtis, Negreira, Rois, Sobrado, Oza-Cesuras, Palas de Rei, Agolada, Lalín, Oia e Vilaboa acollen unha. O seu número, iso si, veu descendendo nos últimos anos (en 1989 había 320 granxas en Galicia).

Visóns nunha granxa © Igualdad Animal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.