A política de feitos consumados é unha estratexia empregada decote en Galicia por proxectos industriaias de todo tipo que se sitúan no borde da legalidade ou que poden suscitar un maior ou menor rexeitamento social. Chegan, instálanse, evitan ou adian as denuncias que se presentan, chegan a un acordo tácito coa administración e agardan a que nalgún momento se modifique a lexislación, ou a acadar a necesaria autorización, ou a que unha nova norma (acabamos de velo esta semana co novo Plano Director da Rede Natura 2000) legalice de feito as explotacións ou factorías que non contaban con permisos.
ADEGA subliña que Galicia "non pode ser o vertedoiro biolóxico de Europa e o paraíso da impunidade ambiental para empresas sen escrúpulos"
Todo este proceso, do que anteriormente se beneficiaron canteiras, minas ou minicentrais hidroeléctricas, está sendo seguindo polas empresas peleteiras responsables da instalación en Galicia de ducias de granxas de visón americano. De feito, Galicia concentra máis do 80% das granxas de toda España, 36 dun total de 45 (cunha produción anual de 700.000 peles doutros tantos animais esfolados), e neste momento varias multinacionais están a construír de forma acelerada e sen licenza novas factorías na Estrada, Sobrado, Agolada, Oza-Cesuras, Oia ou Forcarei. En todos estes lugares as obras avanzan "sen licenza nen permisos ambientais e mesmo sen ter rematado aínda o prazo de exposición pública para a apresentación de alegacións", segundo denuncia ADEGA.
A organización ecoloxista fala da "abordaxe en toda regra" de empresas como Agapel Pelting, Saga Furs, Grislee, Internacional Furs ou Celtic Mink, que mesmo estarían trasladando a súa produción dende Holanda, Reino Unido, Croacia, Eslovenia, Estonia ou Bélxica, polo endurecemento da lexislación neses países, que veñen de prohibir estas instalacións, escollendo Galicia "non só pola idoneidade climática, senón tamén pola flexibilidade lexislativa e mesmo pola tolerancia e desleixo das institucións", destaca ADEGA, que subliña que Galicia "non pode ser o vertedoiro biolóxico de Europa e o paraíso da impunidade ambiental para empresas sen escrúpulos".
O eurodeputado de ICV Raül Romeva sinalou que "en España, e concretamente no territorio galego, a lexislación contra estas instalacións é máis laxa e permisiva, constituíndo un coladeiro normativo
De feito, esta mesma semana o eurodeputado de ICV Raül Romeva realizoulle unha pregunta á Comisión Europea sobre a instalación de novas granxas peleteiras en Galicia. Romeva sinalou que "en España, e concretamente no territorio galego, a lexislación contra estas instalacións é máis laxa e permisiva, constituíndo un coladeiro normativo que permite non responder en casos de fuga de animais ou de contaminación". Lembrou que as "carencias evidentes de seguridade nas instalacións", causan "graves prexuízos á fauna autóctona". E criticou que "resulta de difícil xustificación o gaseo de centos de miles de animais cada ano para nutrir unha industria que explota a vaidade e a atracción económica como reclamo".
Por exemplo, na Estrada, Visotecnic, que traballa para Agapel Pelting, está construindo "a toda velocidade" unha granxa mentres o proxecto está aínda a exposición pública e, polo tanto, carece de licenza municipal e autorización ambiental. ADEGA, SGO, SGHN e FEG presentaron este xoves unha denuncia conxunta contra a empresa por este motivo, solicitándolle ademais á Fiscalía que inste "con carácter urxente" á paralización cautelar das obras mentres non se resolven as autorizacións ambientais e licenzas aínda pendentes. Esta factoría terá capacidade para entre 12.000 e 15.000 nais e nas súas instalacións mataranse ao redor de 50.000 ou 60.000 visóns cada ano. Os responsables da empresa aseguran que as présas por comezar a operar se deben a que as femias están neste momento en época de celo, e que se a granxa non se instala de inmediato, terían que agardar un ano para comezar a producir.
A Asociación Gallega de Criadores de Visón lanzou un convite público ao capital extranxeiro, salientando que os custes de produción en Galicia son os “máis rendibles de Europa”
Granxas semellantes vanse crear en Agolada, Sobrado, Oia, Oza dos Ríos ou en Forcarei. Neste concello o promotor é a empresa Celtik Mink, que está construíndo unha factoría con capacidade para matar 40.000 animais cada ano. A Xunta tamén recibiu a solicitude de ampliación dunha granxa en Carral, que en 2004 sufriu unha moi comentada e problemática solta de visóns polos montes da zona. O pasado mes de agosto, un representante da Asociación Gallega de Criadores de Visón, Manuel García Gutiérrez, lanzou un convite público ao capital extranxeiro a través dunha casa de poxas de peles de Finlandia. Gutiérrez salientou daquela que os custes de produción en Galicia son os “máis rendibles de Europa”.
ADEGA esixe unha "moratoria para novas solicitudes ou ampliación"
ADEGA demándalle á Xunta que, como aconteceu en moitos países de Europa, non autorice máis granxas de visón en Galicia: "Alén de seren lugares de sufrimento e innecesaria crueldade cos animais para uso exclusivo da industria do luxo, moitas destas granxas son pouco máis que galpóns cun peche de bloques ou arame. As lamentábeis condicións de vida (e morte) dos visóns nestas granxas, a ameaza que supoñen para a biodiversidade e os custos que ocasiona a erradicación dos animais silvestres, xustifican sobradamente unha inmediata moratoria para novas solicitudes ou ampliación".
Debido ás presións da industria pelexeira, autorizouse a súa cría "nos territorios onde non compita co visón europeo", todo segundo a ADEGA, "movido por intereses comerciais e presións empresariais"
A asociación critica a política seguida polo Partido Popular ante esta e outras especies invasoras. O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de Arias Cañete modificou o catálogo español de especies invasoras para amnistiar a troita arco iris, ou o cangrexo americano, e permitir o seu aproveitamento comercial. De igual xeito, no caso do visón americano e debido ás presións da industria pelexeira, autorizouse a súa cría "nos territorios onde non compita co visón europeo", todo segundo a organización ecoloxista, "movido por intereses comerciais e presións empresariais". "O Catálogo de Especies Invasoras debería estar baseado en criterios científicos e non en intereses económicos, como pretende o PP", denuncia ADEGA.
Ademais da crueldade e o maltrato que os animais sofren neste tipo de granxas, preocupa tamén a posibilidade de fugas dalgún destes visóns americanos, polos graves prexuízos que poderían provocar no entorno, sobre todo a outras especies animais. O visón americano é un predador que xa se reproduce en liberdade en Galicia, ocupa distintos hábitats e compite polos recursos con carnívoros autóctonos como a marta, a xeneta, a denociña ou a lontra.