O Goberno galego mantén só tres concellos con prohibición da mobilidade e da restauración nunha nova desescalada que segundo o presidente non será revisada ata a propia Semana Santa
A Xunta vén de introducir novas mudanzas no seu esquema de desescalada das restricións pola COVID-19 que teñen como principais efectos que a partir deste venres día 19 de marzo a hostalería poida ampliar das 18 ás 21 horas a súa hora de peche na gran maioría de Galicia. Tamén que, coa introdución dun novo nivel de restricións en función da incidencia acumulada nos últimos 14 días, que os 290 concellos con menos de 150 casos por 100.000 habitantes poidan ampliar a ocupación no interior dos locais hostaleiros do 30 ao 50%.
O toque de recollida, pola contra, mantense ás 22 horas. E só tres concellos, Vilardevós, Paraddela e Maside, manteñen a prohibición tanto da mobilidade como da apertura da hostalería. Todo, con novas regras para as reunións sociais, segundo o aprobado no Consello Interterritorial de Saúde e que ten como principal novidade a prohibición de encontros entre non conviventes en "espazos privados" do 17 ao 21 de marzo e do 26 de marzo ao 6 de abril. A Xunta non aclara, non obstante, se as manterá entre o 22 e o 25 de marzo.
Ademais das medidas para Galicia, Feijóo lembrou que por acordo estatal e cando menos ata que pase a Semana Santa nos domicilios só están permitidas as reunións de persoas conviventes
Os cambios foron anunciados este mércores polo presidente Alberto Núñez Feijóo e concretáronse horas despois no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor ás cero horas do venres, día festivo no que comeza a ponte de San Xosé. Segundo dixo, as medidas agora aprobadas para este venres xa non se revisarán o propio venres para a súa modificación de cara ao próximo luns, como foi o habitual nas tres últimas semanas. As agora aprobadas, avanzou o presidente, “serán revisadas nos primeiros días da Semana Santa, probablemente o luns ou o martes”, días 29 ou 30 de marzo, e en todo caso “antes dos festivos de Semana Santa”. Porén, o propio Feijóo admitiu que o comité clínico seguirá a reunirse durante este tempo.
Feijóo argumentou que a Xunta avanza na desescalada porque “non se teñen rexistrado rebrotes importantes tras terse iniciado a reapertura”, que na hostalería comezou na maior parte de Galicia o pasado 26 de febreiro pero só ata as 18 horas. “Por suposto que nos gustaría ir máis rápido, pero o máis responsable e o máis eficaz é actuar con cautela”, dixo o presidente. Este é o novo esquema de restricións:
Nivel máximo
Cunha incidencia de máis de 500 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, Vilardevós, Paradela e Maside son os únicos concellos nos que non se pode saír ou entrar agás excepcións xustificadas. Neles a hostalería permanece pechada por completo.
Nivel alto
Hai seis concellos con incidencia da COVID-19 entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días: Sobrado dos Monxes, Boborás, A Mezquita, Pontecesures, Neda e Arteixo. Neles a hostalería só pode abrir as terrazas e nelas só pode ocuparse o 50% da súa capacidade. O horario de peche pasa das 18 ás 21 horas.
Nivel medio
Hai 14 concellos con entre 150 e 250 casos de incidencia nas dúas últimas semanas: Boimorto, A Coruña, Culleredo, Mugardos, Ponteceso, Valdoviño, Bergondo, Laxe, Chantada, Guitiriz, Pantón, Sober, Coles e Soutomaior. Neles a hostalería tamén pode ampliar o horario de peche das 18 ás 21 horas, pero a ocupación máxima mantense no 30% no interior e o 50% no exterior. No caso de Soutomaior, este martes a Xunta situou o concello no nivel alto pero nunha nova revisión realizada na mañá deste mércores finalmente foi recolocado no nivel medio no que o enumerou Feijóo.
Nivel baixo
O presidente anunciou este mércores un novo nivel de incidencia por baixo dos 150 casos no que situou os 290 concellos restantes, “o 85,6% da poboación” de Galicia, cuantificou. Neles a hostalería ademais de ampliar o seu horario ata as 21 horas tamén verá como, a diferenza do nivel medio que era ata agora o máis permisivo, agora a ocupación no interior pode pasar do 30 ao 50% e no exterior do 50% ao 75%. Feijóo tamén avanzou que nestes concellos tamén se flexibilizará a ocupación noutro tipo de instalacións como as deportivas, culturais ou lugares de culto. A concreción das normas por sectores pódese consultar nesta orde
Ademais destas medidas específicas, Feijóo lembrou que por acordo entre as comunidades autónomas e o Goberno de España no Consello Interterritorial de Saúde, para a ponte de San Xosé e mais para a Semana Santa, nos domicilios só están permitidas as reunións de persoas conviventes. No resto de espazos, as reunións quedarán limitadas a seis persoas no exterior e a catro no interior.
O acordado no Consello Interterritorial de Saúde, tal e como quedou reflectido no Boletín Oficial do Estado, é que estas medidas sobre as reunións están vixentes dende do 17 ao 21 de marzo e do 26 de marzo ao 6 de abril. A Xunta, non obstante, pode estender a súa vixencia do 22 ao 25 de marzo ou do 27 de marzo en diante, pero non está obrigada a facelo en virtude do acordo do Consello Interterritorial. O DOG non aclara este último aspecto, máis alá de evidenciar que todas as medidas son obxecto de avaliación "continuaa.