Cos datos do último día completo dispoñible, o luns 15 de marzo, Galicia rexistra uns 83 casos novos da COVID-19 por cada cen mil habitantes nos últimos 14 días e arredor de 40 na última semana. Ambos indicadores, especialmente o da incidencia acumulada a 7 días, permanecen estancados nas últimas xornadas. Tras o pronunciado descenso do mes de febreiro, practicamente tan rápido como o ascenso pola explosión de contaxios do Nadal, Aninovo e Reis, este indicador epidemiolóxico semella asentarse nos seus niveis máis baixos dende agosto de 2020.
Galicia rexistra uns 83 casos novos da COVID-19 por cada cen mil habitantes nos últimos 14 días e arredor de 40 na última semana
Esta é a situación na que o país afronta a seguinte fase da terceira desescalada, a que comeza o venres, 19 de marzo, e que continuará tendo un ritmo máis lento e restritivo que as anteriores. Tal e como avanzou este mércores a Xunta, dende o día de San Xosé disponse a abrir máis a man para algunhas actividades, caso da hostalería e dos encontros entre persoas non conviventes en espazos públicos ao aire libre, ata 6. Pero esta flexibilización. No entanto, en aplicación do pactado entre as comunidades autónomas (agás Madrid, que se desmarcou) e o Goberno de España, os encontros entre non conviventes volverán estar prohibidos en domicilios privados. [A Xunta amplía ata as 21 horas a apertura da hostalería co interior ao 50% na maior parte de Galicia]
Entre 120 e 130 novos diagnósticos ao día
Este estancamento nas incidencias acumuladas derívase da estabilidade, para o conxunto de Galicia, nas cifras de novos casos detectados. Este mércores, o Sergas suma 148 novos casos, os detectados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. Deles, 124 son diagnósticos mediante probas PCR.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o número medio de diagnósticos mediante PCR leva máis dunha semana trazando unha liña practicamente horizontal. Continúa, polo momento, a experimentar lixeirísimas oscilacións entre os 120 e os 130 diagnósticos ao día. Son cifras semellantes ás que se rexistraban a mediados de agosto, aínda que daquela a capacidade diagnóstica do Sergas era menor á actual: unhas 2.500 PCR diarias daquela fronte ás case 6.000 da actualidade.
En torno a 130 concellos sen casos novos en 14 días
A estabilidade tamén é, nos últimos días, a tónica dominante no que atinxe ao número de concellos sen novos casos da COVID-19. Os datos feitos públicos este mércores -correspondentes ao día anterior- reflicten un total de 132 municipios sen casos novos nos 14 días previos e 171 sen casos na última semana. Son, con pequenas variacións, cifras moi semellantes aos das xornadas anteriores.
En 170 concellos non se rexistraron casos na última semana
Concellos como Vilardevós, A Mezquita, Paradela ou Maside son os que presentan actualmente incidencias acumuladas a 14 días máis elevadas. Tamén Silleda, aínda que no seu caso o dato está fortemente condicionado polo brote na residencia de maiores da localidade (no concello foron detectados 34 casos na última semana e o foco da residencia conta con 33 positivos entre persoas usuarias e 1, do persoal). As persoas usuarias deste centro estaban vacinadas e, segundo resalta a propia residencia, non desenvolveron síntomas da doenza.
As liñas practicamente horizontais son tamén a tónica dominante nas incidencias acumuladas a 14 días das sete principais cidades. A Coruña continúa sen dar baixado dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes e segue como cidade coa incidencia acumulada máis elevada. Na banda contraria continúa Lugo, con 32 casos novos por cada cen mil habitantes, unha situación de partida cara á nova fase da desescalada moito máis favorable da que tiña, por exemplo, antes do Nadal.
Menos de 300 hospitalizacións coa COVID-19 por primeira vez dende outubro
Mentres todo isto sucede, as cifras de hospitalización de persoas con test positivo do coronavirus seguen descendendo, pero moi devagar. Aínda que lento, ese alivio continúa e o total de hospitalizacións oficialmente ligadas á pandemia quedan en 293, 73 menos que o mesmo día da semana anterior e, por primeira vez dende o 18 de outubro, menos de 300.
Ao contrario que en xornadas anteriores, agora si se percibe unha diminución significativa nas persoas con test positivo da COVID-19 que precisan atención en coidados intensivos. Son un total de 58, sete menos, pero unha trintena máis das que se rexistraban nos días de agosto nos que o ritmo de novos casos detectados era semellante o actual.
O acougo tamén vai chegando, pero igualmente con lentitude, ás cifras de mortalidade. Este mércores entran no cómputo oficial 3 mortes máis, unha delas das vinte e catro horas anteriores. O total chega xa ás 2.306.