Afectados coma poucos pola COVID, as restricións ou a perda de ingresos e empresas, son moitas as profesións que se senten "esquecidas" nesta crise pandémica. Sen os altofalantes lóxicos de sectores que xuntan máis persoal e negocio, salóns de peiteado, axencias de viaxe ou orquestras son tres exemplos en Galicia do impacto económico de coronavirus ao cumprirse un ano do confinamento e dun peche que, en moitos casos, foi definitivo.
"De súpeto estampámonos contra un muro", di a Asociación de Axencias de Viaxes, sector con ingresos "case nulos" e unha caída do 90% na facturación
"Estabamos todos tan felices e de súpeto estampámonos contra un muro", explica Juan Rivadulla, presidente da Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia (Agavi). O sector, que xunta arredor de 600 negocios en Galicia, sufriu unha baixada media de facturación do 90% en 2020 con respecto a 2019.
"Levamos un ano sen apenas posibilidades de vender nada, case nulas", lembra quen calcula tamén que sobre o 25% das axencias pecharon para non volver abrir ou abandonaron xa o seu local á espera dunha certa volta á normalidade que non dá chegado. "Chegounos isto no mellor momento en anos", di Rivadulla, que asegura que nos últimos meses de 2019 e o primeiro trimestre de 2020 o sector tiña as cifras de facturación máis positivas "da última década".
Aos problemas económicos lóxicos, nas axencias de viaxe, di o presidente de Agavi, engadiuse un problema extra: as continuas reprogramacións de viaxes e as posteriores anulacións de paquetes xa vendidos. "Foi un proceso duro, angustioso e moi complicado de xestionar... Coma se che fosen arrincando unha moa a cachos, pouco a pouco, algo moi doloroso", asume tras unha cifra "incalculable" de cancelacións e adiamentos. "Fomos mudando datas de moreas de lúas de mel, aprazándoas uns meses, volvéndoas aprazar un ano e tendo que cancelalas finalmente", explica sobre os efectos dunha pandemia que non ve superados a curto prazo.
"Sabemos que a curto prazo a volta á normalidade non é posible", di Rivadulla, que admite que o futuro do sector vai ligado á vacinación e á fin das restricións
"Para calquera empresa é terrible afrontar unha perspectiva de ano ou ano e medio sen facturar, pero é o que hai. Somos optimistas de cara ao futuro, pero a curto prazo sabemos que a volta á normalidade aínda non é posible", asume Rivadulla, que advirte de que a recuperación do seu sector "vai intimamente ligado ao avance da vacinación de maneira uniforme, cando menos na UE" e á "relaxación das restricións". "Que sentido ten que che ofreza unha viaxe a Praga se alí che piden facer corentena? Pois ningún", insiste.
Malia que considera que as axudas da Xunta a pagar os alugueiros no sector supuxeron "un balón de osíxeno", considera os apoios das administración "insuficientes" e asegura que desde Agavi seguirán a loitar por "un plan de rescate" e polo impulso de convenios e colaboracións con concellos e deputacións para fomentar o turismo interior en Galicia. Mentres, aclara, resisten as axencias de viaxes que poden. Non todas. "Estamos mal", di.
Nuns termos semellantes exprésase Manuel Fariña, presidente da Asociación Galega de Orquestras (AGO), en representación dun sector que leva ingresado "cero euros" desde o inicio da pandemia. Pequenas empresas nas que traballan unhas 2.000 persoas de maneira directa, persoal que mudou de profesión, que busca emprego ou que, nunha pequena minoría, se mantén en ERTE.
"Xa non hai orquestras en pé, o que hai é material gardado e xente que xa abandonou", di Manuel Fariña, da Asociación Galega de Orquestras
"É unha situación desesperada que empeza a afectar no mental, no psicolóxico... Non é só non ter ingresos, senón a imposibilidade de non exercer a profesión na que levas anos, na maioría dos casos de maneira vocacional", explica quen apunta "a incerteza" como o peor desta época COVID. "Non sabes cando poderás reiniciar a actividade, e xa o ano pasado pensabamos que neste 2021 volveríamos, pero aínda nada", resume.
"Xa non hai orquestras en pé, o que hai é material gardado, traballadores en desemprego ou cobrando unha prestación e xente que xa abandonou... As que resistimos somos as empresas e algunhas, nin iso, porque algunhas xa se desfixeron e puxeron todo á venda", explica con rotundidade sobre pequenas compañías de entre 15 e 20 traballadores, as da maioría do sector.
"As empresas non abandonamos porque non podemos; somos artistas, levamos toda a vida nisto e non podemos tirar pola borda todo o investimento feito nin os créditos asinados", engade, tras criticar que a Xunta non atendese a petición das orquestras de "paralizar os préstamos" ou facilitar outros que lles permitisen afrontar as débedas bancarias con facilidade.
As orquestras de Galicia critican a falta de axudas directas da Xunta e advirten do escuro futuro para a verbena galega: "Nin hai mercado nin sabemos se o haberá"
Respecto das axudas anunciadas pola Xunta, como a que prometía dous millons de euros aos orquestras "sempre que promovan o Xacobeo 2021”, é contundente: "Non existen". "Non é o mesmo unha axuda que unha subvención que só é efectiva co retorno da actividade ou que no caso dun adianto tes que avalar financeiramente, o cal suporía outro problema", explica. "Somos empresas de subsistencia, dedicámonos ao que nos gusta, vivindo ao límite e porque cremos na nosa profesión, pero a nosa produtividade non é enorme como moitos pensan", aclara.
O futuro, polo momento, non se albisca e o que hai é incerto. "En Galicia había un mercado estable de festas e calquera empresa podía facer un cálculo aproximado da facturación que ía ter, pero neste momento nin hai mercado nin sabemos se o haberá ou como estará", di Fariña, que advirte de que a crise económica "afectará tamén ás comisións de festas". "Aquí a contratación é privada, non desde administracións públicas como no resto do Estado, e iso inflúe moito... Entre todos fixemos posible o boom da verbena galega, pero temos moi complicado que iso volva", indica.
Por iso, fai un chamamento á Xunta, tras lembrar o apoio unánime do Parlamento a que a verbena sexa declarado Patrimonio Cultural Inmaterial: "Somos a envexa de España, pero a Administración debe asumir a responsabilidade de que isto non desapareza; nas súas mans está".
"As orquestras estamos esquecidas e nin tan sequera temos a opción de facturar algo; todos asinaríamos agora facturar o 50%"
En canto a unha posible data de volta, Fariña é realista. "Non pensamos niso porque non depende de nós; a nosa actividade está prohibida por un ben maior, que é o da saúde, o de evitar contaxios", insiste o presidente da AGO, que pide cara ás orquestras "empatía e sensibilidade". "Estamos esquecidos e hai que lembrar que nin tan sequera temos a opción dun bar ou unha cafetería de poder facturar algo e con restricións, calquera de nós asinaría agora facturar o 50%", remata.
Pola súa banda, nos salóns de beleza e peiteado van aguantando o golpe da COVID, pero con enormes dificultades. "O simple feito de ter que respectar as capacidades máximas dos locais provoca que moitos negocios teñan que manter empregados en ERTE ou despedilos ao non poder aproveitar todo o espazo", explica María José Rocholl, presidente da Asociación de Peluquería y Estética de Ourense.
Segundo os cálculos do sector, a principios de ano arredor do 50% do persoal dos salóns de peiteado estaba en ERTE ou no paro e 300 locais pecharan xa. Unha das principais reclmacións é a rebaixa do IVE do 21% ao 10%, así como axudas directas porque as recibidas ata o de agora "son de todo insuficientes".
Arredor de 300 salóns de peiteado pecharon xa en Galicia e en torno ao 50% do persoal está en ERTE ou no paro, segundo o sector
De feito, dubidan os salóns de peiteado non estaban incluídos, nun principio, no paquete de axudas directas por 7.000 millóns de euros que vén de aprobar o Goberno central, que xa se amosou disposto a rectificar. "Non é xusto porque contabamos con moito apoio das administracións que ao final non está chegando", asegura Rocholl, que lembra que a ausencia de actividades como as vodas ou os grandes eventos no Nadal ou no verán reduciu moito a facturación dos últimos meses.
"Dependemos moito das vodas, das ceas e celebracións do Nadal e das festas do verán... Nada diso existe agora e estámolo notando moito", insiste esta propietaria dun salón de peiteado que advirte da "desesperación" de non ver "o final" das restricións pola pandemia. "Ocórrenos o que á maioría da cidadanía porque isto non acaba de arrancar e o peche de calquera actividade acaba repercutindo noutras", remata.