Impulsada por Hostalaría Compostela, Hoempo (Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín) e Shostalería da Coruña, a pasada semana viu a luz a Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega (PDHG), que aglutina xa unhas 2.000 empresas do sector e busca "ser un instrumento áxil e eficaz para xestionar o actual momento de crise que atravesa". Como alternativa ás veteranas asociacións provinciais, a PHDG busca ser o xermolo dunha futura Federación de Hostalaría Galega, e os seus promotores non agochan o seu malestar cunha representación á que acusan de "fragmentación, debilidade organizativa e un marcado carácter presidencialista". Falamos con Lois Lopes, un dos voceiros do novo colectivo dun ámbito económico golpeado con dureza pola COVID.
Na presentación da nova plataforma manifestaron o seu descontento coas actuais federacións provinciais ou outros colectivos que din representar o sector...
Si, hai descontento. Entendemos que o que había ata agora era unha representación parcial que, ademais, non cumpre o obxectivo de representación do sector. Son unha parte, que non excluímos e da que non cuestionamos a parte de representatividade que teñen, pero non representan o conxunto do sector.
Consideran que estas asociacións provinciais ou outras entidades son demasiado proclives ao Goberno autonómico?
Supoño que non porque as asociacións non teñen unha inclinación ou non deberían tela. O que si é constatable é que teñen unha actitude pasiva e conformista coas medidas e propostas pola Xunta e que non son nada exixentes. Iso dígoo claramente. Agora ben, son do PP? Nin idea. As asociacións non son de nada, aínda que os representantes das asociacións teñan as súas inclinacións, pero o que queda claro é que hai unha actitude pasiva e compracente coas solucións que se propoñen e que non son as axeitadas para o conxunto do sector.
"As asociacións provinciais teñen unha actitude pasiva e conformista coas medidas propostas pola Xunta e non son nada exixentes"
Pretenden se representativos dunha maioría do sector?
Todos os días hai chamadas para unirse ao proxecto, que entendemos que debe ser amplo desde o punto de vista territorial e plural desde o punto de vista da variedade e das diferenzas que hai na hostalería galega, que ten unhas especificidades propias do país, dende o avellentametno ata a dispersión, pasando polas microempresas familiares, outras complementarias da economía familiar... Iso non ten parangón no resto do Estado, é algo que pasa aquí.
Cre que as axudas das Administracións non tiveron en conta, precisamente, as múltiples variedades dentro do sector?
No primeiro programa das mal chamadas axudas por parte da Xunta de Galicia --que chaman así para non falar de indemnizacións porque iso conlevaría recoñecer o dano feito--, houbo un café para todos e ese non é o obxectivo. Dentro da crise que hai no sector, hai empresas con maior e menor vulnerabilidade e temos que atender as empresas con máis problemas. Aquí non se trata de repartir 4.000 euros para todos e só en base a un criterio de diminución de ingresos. Hai que utilizar máis criterios. Non é o mesmo ter un alugueiro que non telo, ter un local en propiedade que non telo, ter unha hipoteca que non tela ou ter 20 traballadores que ter un...
Nese caso tamén se ralentizarían as axudas ao atender a cada caso particular.
Precísase unha orde con respecto á documentación esixida que permitía axilizar todo o máximo posible, pero non resolve nada axilizar se non consegues o obxectivo de chegar ás empresas con maior vulnerabilidade e manter o maior número de empresas posibles e os postos de traballo que crean.
"O primeiro plan de indemnizacións da Xunta foi un café para todos e ese non é o obxectivo; hai que usar máis criterios que o da diminución de ingresos"
A plataforma fala dunha "xestión nefasta" por parte da Xunta, mentres o Goberno galego adoita falar do éxito das súas axudas.
Nós presentamos un plan de rescate no mes de novembro onde as indemnizacións eran un punto máis do conxunto. As indemnizacións de forma directa deben ser un complemento de liquidez inmediata para evitar a quebra das empresas, pero deben ir acompañadas doutro tipo de medidas de carácter lexislativo que supoñan un plan a medio prazo para salvar o sector. Non chegan as indemnizacións, claro que non chegan, tampouco desde o punto de vista económico.
"A historia da Xunta de que foi o goberno que primeiro deu axudas directas ou o que máis deu desmóntase rapidamente"
Pois a Xunta di que é a administración que máis axudas directas dá ou mesmo que foi a primeira en dalas.
Desmontamos rapidamente esa historia da Xunta de que foi o goberno que primeiro deu e o que máis dá. En breve faremos públicos os datos que demostran que, en relación ao PIB, ao número de axudas por locais ou a outros criterios, Galicia nunca está no primeiro posto entre as comunidades autónomas.
Decepcionounos a Xunta?
Cando presentamos o plan de rescate, unha das cousas que lle pedimos foi que liderase as nosas reivindicacións ante as administracións competentes. Había competencias propias da Xunta e outras do Goberno central, pero non se prestou a facelo. Non estivo nin está á altura das circunstancias.
Que me di do resto das administracións?
Aí cada realidade é distinta, pero a situación na que estamos agora mesmo ten unha responsabilidade directa que é a da Xunta de Galicia. Nós podemos opinar sobre as decisións que se toman, pero se tomas decisións con determinadas consecuencias, tes que facerte responsables delas. Intentar facer responsables a outras administracións que non son directamente responsables non é lóxico. Todas as administracións deben axudar na medida do posible, pero a responsabilidade é da Xunta.
"A situación da hostalería agora é responsabilidade directa da Xunta, que debe facerse responsable das consecuencias e non facer responsables a outros"
A idea dun fondo común entre Xunta, deputacións e concellos acabou fracasando. Que lles parecía a idea?
Non nos parece mal, pero xa víamos cando se anunciou que ía ter dificultades de encaixe, máis cando se fai do día á noite. Sabemos que a Deputación da Coruña mandou en abril unha comunicación á Xunta para iniciar as conversas no mesmo sentido e non houbo resposta ata estes días, o que nos fai concluír que a Xunta quitou isto nesta altura de maneira oportunista. En todo caso, o que non poden facer as administracións é facerse pasar por vítimas cando as vítimas somos nós.
Confía en que ese plan conxunto chegue algún día?
Sabemos que un plan así necesita un tempo e agradécense as posturas que manteñen a porta aberta para esa colaboración entre administracións. Tampouco nos parecía mal a idea de que cada unha delas puxese o 1% do orzamento, aínda que entendemos que para algúns concellos o esforzo é máis grande do que lle causa á Xunta, con máis de 11.000 millóns de orzamento, pero tamén creo que é o momento de estar coas persoas e as empresas. Ao final non é cuestión de que non haxa cartos senón de decidir prioridades.
Que agora cada administración xestione as súas axudas non suporá un problema burocrático engadido?
Nalgúns sitios será un problema e noutros, unha oportunidade. Por exemplo, os cartos que pon a disposición da hostalería o Concello de Santiago superan con moito ese 20% que propoñía a Xunta baseándose no modelo valenciano; de feito, roldan o 50% do que puxo a Xunta ata o momento. Cada administración é un mundo, pero mesmo co plan do Goberno galego houbo dificultades en canto á axilidade necesaria.
Denuncian que a hostalería foi sinalada aínda que é certo que as restricións no sector adoitan provocar a redución nos contaxios a medio-longo prazo...
Discrepo. Os datos que hai sobre contaxios na hostalería son ínfimos e, por exemplo, hai moitos máis nos colexios, aínda que todos sabemos que a escola tamén cumpre cun labor de conciliación para o resto da economía. A hostalería pechouse a 9 de xaneiro e os contaxios seguiron subindo ata que se tomaron medidas máis drásticas noutros sectores. Logo, atribúese esta terceira onda ás celebracións do Nadal, pero estas celebracións non foron na hostalería, que pechou decembro cunha diminución de ingresos do 70 ou do 80% respecto ao mesmo mes do ano pasado. A hostalería é un ámbito máis onde se producen contaxios.
"Se decides pechar a hostalería, perfecto, pero hai que indemnizar; non se pode pechar a cero euros"
Pero non é a hostalería un espazo onde hai máis risco?
Nós sempre dixemos que canto máis se restrinxe a nosa actividade, máis se producen actividades do mesmo tipo en ámbitos privados sen ningún tipo de garantías. Logo hai unha cuestión: na cidade de Lugo non se celebrou o Nadal? Porque os datos son radicalmente distintos ao doutras cidades semellantes. Daquela, non será só cousa da hostalería ou das celebracións. Evidentemente, a hostalería é un factor importante de mobilidade, pero se decides que a vía para cortar a mobilidade é pechar a hostalería, perfecto, pero hai que indemnizar. O que non se pode pechar é a cero euros. Outro caso curioso é o de Madrid, que non pechou a hostalería e non tivo unha evolución no número de casos moito peor á doutras cidades das súas características, como Barcelona, que si a pechou. Xa que logo, hai dúbidas sobre o que se di da hostalería. O que si parece é que tomar medidas na hostalería produce a sensación de que se está a facer algo, pero un ano despois non podemos apelar sempre á responsabilidade individual cando as administracións non fixeron colectivamente nada. A responsabilidade individual ten unha parte, pero debe haber unha colectiva e case que pasa polo reforzo das infraestruturas sanitarias, tanto humanas como físicas.