O novo paquete de medidas suma 11.000 millóns, dos que 7.000 son axudas directas que xestionarán as autonomías
O Goberno central aprobou este venres nun Consello de Ministros extraordinario o novo paquete de axudas públicas para a hostalería, o turismo e o comercio por un total de 11.000 millóns de euros, no que se inclúe un fondo de apoio directo ás pemes e aos autónomos de 7.000 millóns que xestionarán as comunidades autónomas, do que Galicia aspira a recibir uns 220 millóns.
Ademais, un segundo fondo dotado de 3.000 millóns será destinado á reestruturación dos máis de 120.000 millóns en créditos avalados polo ICO, mentres que outro fondo de 1.000 millóns estará destinado á recapitalización de empresas medianas a través da empresa pública Cofides.
As diferenzas entre Moncloa e os ministerios de Asuntos Económicos e Facenda atrasaron a aprobación deste paquete de medidas para paliar os efectos económicos da COVID, xa que tanto desde o ámbito de Pedro Sánchez como desde Unidas Podemos, socios de coalición de Executivo, se insistía no incremento das axudas directas e nunha visión máis expansiva e menos restritiva.
"Nunca antes se fixera un esforzo desta envergadura, desta magnitude, dirixdio ao conxutno de empresas e ao consuto de traballadores", asegurou a ministra de Facenda, María Jesús Montero.
Para optar a estas axudas as empresas non deberán ter o seu domicilio en paraíso fiscal, non deben estar en concurso nin ter cesado a actividade, non deben ter débedas tributarias nin coa Seguridade Social e non deben repartir dividendos nin aumentar os salarios da dirección durante dous anos, ademais de ter que manter a actividade ata xuño de 2022.
O primeiro dos fondos, de 7.000 millóns de euros --2.000 millóns irán destinados ás Canarias e Balears e 5.000 ao resto de territorios--, son axudas directas para garantir a solvencia das empresas e van destinadas ao pagamento das débedas contraídas durante a pandemia (con provedores, salarios, alugueiros...).
Optarán ás axudas aquelas empresas cunha caída da facturación de como mínimo un 30% con respecto aos ingresos de 2019
Poderán acollerse a estas axudas empresas e autónomos das actividades que se determinarán no BOE e nas que se incluirán a hostalería, a restauración os sectores con acceso aos ERTE ampliados e outros especialmente afectados polo coronavirus, como a cultura ou as actividades deportivas. Ademais, só poderan recibir axudas aquelas compañías cunha caída da facturación de como mínimo un 30% con respecto aos ingresos de 2019.
As axudas directas poderán compensar, como máximo, o 40% da caída adicional de ingresos no caso de pemes e micropemes, e ata un 20% para o resto de empresas, aínda que as autonomías poderán variar esas porcentaxes dentro dos límites fixados. Con todo, os autónomos que tributan por módulos recibirán un máximo de 3.000 euros, mentres que o resto de compañías e autónomos, entre 4.000 e 200.000.
As axudas a autónomos e empresas van desde os 3.000 aos 200.000 euros
A orde de repartición deses 7.000 millóns para as comunidades autónomas, segundo adianta o Goberno central, estará lista nun mes e dez días. A asignación a cada territorio seguirá os mesmos criterios que no caso dos fondos europeos: o impacto da pandemia na riqueza, no desemprego e no paro da mocidade.
Tendo en conta que ao país correspondeulle unha partida do 4,4% no caso dos fondos europeos, de aplicarse o mesmo criterio serían arredor de 220 milóns os que chegarían a Galicia deste novo paquete de axudas directas, aínda que pode haber pequenas mudanzas segundo o peche definitivo de 2020.