O Goberno galego seguirá adiante en solitario coas súas subvencións e o sector, dividido, salienta que cando menos logrouse aumentar o seu importe dos compromisos de todas as administracións
Haberá máis axudas á hostalería pero cada administración xestionará as súas, cando menos de momento despois de que a última hora deste venres se desen por rotas as negociacións que viñan mantendo Xunta, deputacións e concellos para crear un fondo común. En todo caso o sector, con diferentes posturas internas, salienta que cando menos logrouse aumentar o importe que todas as administracións están dispostas
As diferenzas polas achegas e por quen debería xestionar as axudas estiveron presentes ata o final da negociación. As deputacións gobernadas polo PSdeG e BNG insistiron na súa última proposta en que cada administración puxese o 1% do seu orzamento, o que elevaría a máis de 100 millóns a nova achega da Xunta, que subira de 50 a 75 millóns a súa oferta inicial e que cifraba noutros 86 millóns o seu primeiro plan de rescate.
Ademais, a Fegamp insistía tamén este venres no apoio a que fosen os concellos os que xestionasen as axudas, mentres boa parte do sector avogaba por que a Xunta exercese ese labor de maneira centralizada. A inclusión doutros sectores, ademais da hostalería, nas axudas puxo aínda máis atrancos nunha negociación que se deu por rematada cando a Xunta anunciou que comezará xa a tramitar a súa proposta pola súa conta ante a falta de acordo.
Todo, mentres a hostalería exixe rapidez e coordinación cunhas axudas que consideran máis necesarias que nunca e amosa fendas nun sector que se volveu mobilizar e que asistiu á creación dun novo colectivo a nivel galego á marxe das actuais federacións provinciais.
O sector da hostalería en Galicia reorganízase á marxe das veteranas federacións provinciais cunha nova plataforma
Xa o xoves, centos de hosteleiros e provedores protestaron na Coruña cunha longa caravana de vehículos que percorreu varias rúas da cidade para denunciar a súa situación. Convocados pola plataforma Shostalería --xurdida hai poucas semanas--, os profesionais piden máis axilidade e facilidades nas axudas, que sexan suficientes e abrangan máis sectores, así como a colaboración das administracións, ás que piden que "sexan conscientes da dimensión da crise a nivel socioeconómico".
A Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega acusa as actuais federacións de "presidencialistas" e da "escasa ou nula participación" das empresas adheridas
A mobilización é unha máis dentro da hostalería, sobre a que bateu con forza o coronavirus e os peches e limitacións derivados que provocaron a destrución de milleiros de empregos, ademais daqueles incluídos en ERTE. Este venres, a Asociación Hostalaría Compostela tamén se mobilizou en Santiago reclamando "xa" un plan de rescate e en apoio de Hoempo (Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín), colectivo do que varios representantes percorreron en varios días o camiño entre a cidade do Lérez e a capital galega para unirse á demanda dunha "maior protección" do sector e do aumento da contía das axudas que, lembran, "son mínimas" na maioría dos casos.
"Estamos morrendo", avisaron, nunha marcha acompañada tamén dunha importante caravana de vehículos de provedores do sector.
Precisamente, estes tres colectivos (Shostalería, Hoempo e Hostalaría Compostela) veñen de impulsar a Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega (PDHG), á marxe das xa consolidadas e veteranas asociacións provinciais, coa que pretenden "ser un instrumento áxil e eficaz para xestionar o actual momento de crise que atravesa o sector" e á que convidan a unirse a empresas doutros sectores vinculados, como produtoras, provedoras ou distribuidoras.
O obxectivo, segundo din, é ser a base para a creación dunha futura Federación de Hostalaría Galega, que aglutine empresas con actividades económicas que prestan servizos ligados ao aloxamento e ao servizo de comidas e bebidas. Xorden logo de que, segundo explican, a crise da COVID "deixase en evidencia a fragmentación e debilidade organizativa do sector".
“As mal chamadas axudas non son a solución ao problema do sector, son un punto máis; a Xunta intenta agochar a nefasta xestión e falta de iniciativa"
O colectivo, que abrangue xa unhas 2.000 empresas, acusan as actuais federacións de "presidencialistas" e contar con "escasa ou nula participación" das empresas asociadas, así como o seu carácter excesivamente urbano que deixa sen estruturas organizativas moitas vilas.
Ademais, advirten da "necesidade" de organizarse e unirse nun momento onde o sector "está ao límite da súa capacidade e ao borde da quebra económica" e insisten en poñer no centro do debate e actualizar o Plan de Rescate proposto en novembro para que "esa sexa a guía de actuación por parte das administracións”. “As mal chamadas axudas non son a solución ao problema do sector, son un punto máis da nosa proposta. Esta desinformación é conscientemente posta en valor pola Xunta para intentar agochar a nefasta xestión e falta de iniciativa que ten a respecto deste tema”, destaca a nova plataforma.